|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Dicir que o comandante Soutomaior deixara un país, no que nacera, e chegara a outro totalmente distinto. A tristura de non saber nin coñecer do seu país durante longos anos nunca deixou de deixar unha fonda pegada no comandante. Velaí o seu sonado berro “Eu falo de Galiza onde quera que me atope”. Escuros e desleigados, no século XXI aínda teiman por roubarnos o dereito a ser galegas e galegos, que é tanto como pretender que Sócrates no era filósofo porque non tiña o seu respectivo título. “Eu teño por certo que o nacionalismo galego nas mans dos homes que sintan a nosa terra como nación -que verdadeiramente é, e ninguén, con sentido histórico e tamén pragmático da nova realidade social e da España será capaz de negalo- pode ser transixente coa política asimilista castelá(1). Se Castela se fai formando nun reino ao longo da Reconquista, nós os galegos, xa estabamos constituídos como nación, en reino(2). Pero non é disto do que eu quero falar agora. Penso que nós, como nacionalidade, temos grandes problemas que resolver, que ninguén pode facelo por nós. O principal, ou sexa, o primeiro, é a soberanía do noso xenio racial, que se vén mostrando ao longo da historia. A nosa raza ten as súas raíces na nación celta, e non hai máis, somos pobos coma o bretón, o irlandés o galés ou o escocés. Tan diferenciados somos dos demais españois coma eles de nós e entre si. O xenio do noso pobo mostrase na súa lingua, na súa cultura, no seu modo de ser. E se ela –a cultura quero dicir- non adquiriu meirande voo, foi porque Castela quixo asimilarnos impoñéndonos a súa lingua, os seus administradores e as súas leis sen pés nin cabeza. Hoxe estamos aquí en Santiago. Pero hoxe Santiago non é máis que pedra labrada polo noso xenio, testemuña dos aldraxes que a respecto da Igrexa, nos fixo Castela. Isabel de Castela impuxo a súa lingua dende o altar. Agora os Padres xa non podían perdoar os pecados nin axudar a morrer nada máis que na lingua de Castela. Esta catedral, que dirixía a fe na terra que creara a primeira monarquía católica de España, a que conservaba as cinzas do apóstolo Santiago, a creadora da cantiga máis fermosa da Igrexa do mundo, quero referirme ao Salve Regina Mater. Esta Igrexa galega cuxa cabeza era esta catedral, que viñera a ela a pedir perdón dos seus pecados o conde Fernán González, a que recibira en peregrinaxe aos santos Francisco, Domingos, Ignacio, etc. A que deu forza de fe para unificar a Europa contra a invasión dos mouros, foi sometida á corte castelá, para aquel tempo, Valladolid. Isabel, a usurpadora dos dereitos da súa sobriña Dona Urraca, empregou á Igrexa para domar ao noso pobo. Dende aquela fomos considerados coma un pobo inimigo sometido pola forza. E pasou o mesmo co traballo dos nosos labregos, pasou ás mans da nobreza que vivía na Corte dos reis; e pasou co dereito foral, e hoxe pasa cos cartos que mandan os nosos emigrantes que van dar aos bancos doutras rexións para ser empregado no seu desenvolvemento. Pero isto non pasará cando deixemos de ser (ilexíbel) para ser barís, daquela (entón) falaremos de igual a igual”.
(1) E dicimos castelá e non española porque Castela non é España, senón unha nacionalidade como Galiza, Cataluña e Euskadi nin máis nin menos. (2) O reino suevo foi o primeiro que xorde na península Ibérica. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2007 |
|||||||
|