|
Actualidade
Vigo, 29 de maio de 2007
A Dirección implanta unilateralmente
medidas que afectan moi negativamente a todos os traballadores/as desta Entidade
A Sección Sindical da CIG anuncia
que convocará Folga en Caixa Galicia
| |
 |
| Concentración, o 20 de xaneiro de 2007,
ante a Convención Anual de Directores/as de Caixa Galicia para denunciar a presión e o acoso laboral
a que está sometido o cadro de persoal desta Entidade. (Foto:
©galizacig.com). |
| |
Ao longo dos últimos dous anos o persoal
da Caixa de Aforros de Galicia, Caixa Galicia, está asistido a unha profunda transformación, unha
reconversión pola que a empresa está transformándose nun Banco comercial.
A cotío a Dirección está
implantando unilateralmente medidas que afectan moi negativamente a todos e todas os traballadores e traballadoras
de Caixa Galicia. A presión laboral, o acoso comercial, os requirimentos de obxectivos comerciais leoninos,
forman parte dunha estratexia empresarial con claras repercusións laborais, moi negativas para o cadro de
persoal. Sen ir máis lonxe, 600 apoderados e apoderadas sufriron ceses ou traslados ao longo do último
ano.
No ano 2006 dende a CIG se puxo en marcha un proceso
de mobilizacións e asembleas que quedou paralizado no mes de xaneiro despois da apertura dunha mesa de negociación.
Os avances nesa negociación foron practicamente nulos, en tanto a Dirección continuou implantando
unilateralmente novas e drásticas medidas anti-laborais.
Ante a gravidade da situación a Asemblea
de delegados e delegadas da Sección Sindical da CIG, reunida o día 25 de maio, aprobou por unanimidade
un calendario de mobilizacións que inclúe a convocatoria dunha Folga xeral en Caixa Galicia.
Sinalan que, en todo caso, a folga é o
último recurso que teñen os traballadores e as traballadoras para defender os seus dereitos, polo
que aclaran os puntos sobre os que se basearía esa convocatoria:
- A folga será convocada para despois do
verano.
- Ao longo dos vindeiros meses procederán
a visitar persoalmente a cada un dos traballadores e traballadoras para comunicarlles as motivacións desta
convocatoria de folga.
- A folga deberá ser ratificada polos traballadores
e traballadoras de Caixa Galicia.
- Con anterioridade xa transmitiron a outros sindicatos
a posición favorable da Sección Sindical da CIG á convocatoria dunha folga, sen que fose compartida
a súa visión sindical.
- Nese senso, a CIG comprométese a tratar
de conseguir o máximo apoio sindical a esa mobilización pero, en todo caso, se é necesario
e como último recurso, levará adiante a convocatoria de folga en solitario.
|