ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 23 de maio de 2007

Os centros escolares precisan coñecer a norma en vigor o vindeiro curso para facer programacións e relacións de material didáctico
CIG-Ensino insta a Educación a que publique con urxencia o novo Decreto sobre Normalización Lingüística

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino; clic para aumentar
O Decreto debería estar xa publicado para que desde os centros escolares, coñecendo a norma que vai entrar en vigor para o vindeiro curso, poidan facer tanto as programacións como a relación de material didáctico para cada materia, dando cumprimento ao que recolle o Decreto. (Foto: Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino. ©galizacig.com).
 
A CIG-Ensino vai instar á Consellaría de Educación a que publique, con carácter de urxencia, o Decreto para a promoción do galego no ensino. A CIG-Ensino comproba con preocupación que aínda non estea publicado, cando queda menos dun mes de curso escolar, coas consecuencias que diso se derivan.

O Decreto debería estar xa publicado para que desde os centros escolares, coñecendo a norma que vai entrar en vigor para o vindeiro curso, poidan facer tanto as programacións como a relación de material didáctico para cada materia, dando cumprimento ao que recolle o Decreto. Por outro lado, neste Decreto fíxase a formación do profesorado, sen que se coñeza ningunha programación neste sentido, cando debería iniciarse de inmediato, e dentro do horario lectivo, para poder dar cumprimento ao que o Decreto recolle. Única maneira de garantir así o seu cumprimento.

Neste momento os centros non teñen directrices, nin información, faltan poucas semanas para que remate o curso e comezan a realizarse os traballos de preparación do curso vindeiro.

Por este motivo a CIG-Ensino vaise dirixir por escrito á Consellaría de Educación para urxir a publicación deste Decreto e garantir a súa inmediata entrada en vigor e a súa aplicación con garantías, desde o primeiro día do curso 2007-08.




Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino:
“O novo decreto de normalización supón un paso importante, pero só un paso”
 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino; clic para aumentar
Anxo Louzao: “Non estamos ante un decreto que asuma que o idioma vehicular no ensino é o galego. O que asume é que, como mínimo, o 50% das materias no ensino non universitario teñen que se impartir en lingua galega. Un dos aspectos máis positivos, tendo en conta a situación actual, refírese ao ensino infantil, para o que se prevé que se terán que impartir as aulas en galego naqueles ámbitos galego-falantes atendendo ao mapa sociolingüístico”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Os grupos parlamentarios –BNG, PSOE e PP- acadaron un texto de consenso que modifica o Decreto de Normalización Lingüística vixente desde o ano 1995. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, explica o seu contido matizando que se trata só dun paso máis de cara a conseguir a plena galeguización do sistema educativo.


Paula Castro: Cal é a orixe deste proxecto de Decreto de Normalizaciçon Lingüística?

Anxo Louzao: Ten a súa orixe, sen lugar a dúbidas, na constante reivindicación e no traballo a prol do idioma que a CIG-Ensino e outras entidades como a Mesa os CAF e os CAE estivemos facendo nos últimos anos. Non é unha cuestión graciábel, senón unha conquista. Cabe destacar tamén que había un acordo de crear un plan de normalización lingüística e que as forzas que sustentan o goberno tiveron a vontade de facelo efectivo.

Paula Castro: Culmina as aspiracións en materia de normalización no ensino?

Anxo Louzao: Trátase dun paso importante, pero só iso. Non estamos ante un decreto que asuma que o idioma vehicular no ensino é o galego. O que asume é que, como mínimo, o 50% das materias no ensino non universitario teñen que se impartir en lingua galega. Un dos aspectos máis positivos, tendo en conta a situación actual, refírese ao ensino infantil, para o que se prevé que se terán que impartir as aulas en galego naqueles ámbitos galego-falantes atendendo ao mapa sociolingüístico. Isto implica que agás en cidades como Ferrol, A Coruña ou Vigo e algún outro núcleo, no resto do país o ensino infantil terá que ser en galego, xa que continúa a ser a lingua predominante. Tamén avaliamos positivamente o que se refire ás materias en primaria. Na ESO estabeleceranse as materias concretas unha vez se aproben os novos currículos desta etapa educativa polo desenvolvemento da LOE.

Paula Castro: Que prevé o decreto para eses ámbitos castelán-falantes?

Anxo Louzao: No caso dos contornos castelán-falantes o uso do galego será como mínimo igual ao da lingua castelá e fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura na perspectiva de que se converta en idioma base de aprendizaxe de modo que os rapaces teñan unha competencia en galego que lles permita comunicarse co alumnado e co profesorado. Isto é un avance importante, xa que o anterior decreto só falaba da lingua predominante sen concretar nada máis.

Paula Castro: O anterior decreto foi sistematicamente incumprido. Repetirase a situación?

Anxo Louzao: O actual decreto recolle que se levará a cabo unha avaliación da súa aplicación o cal é un avance. Tamén reforza as equipas de normalización lingüística como elementos importantes na normalización dos centros e dálles as mesmas atribucións, tanto económicas como administrativas, que teñen os departamentos. Unha reivindicación que foi avalada por máis de 360 centros nunha campaña que realizou a CIG-Ensino. Tamén se asume a necesidade de formar ao profesorado e concretamente aos funcionarios en prácticas, cunha formación específica para este profesorado que se incorpora ao ensino público. Isto é de mínimos, porque cabe a posibilidade de que os consellos escolares poidan ampliar estes mínimos sen ningún problema. É unha das críticas que lle facemos. Deixar ao arbitrio dun órgano menor a decisión implica que o galego non gañe novos espazos máis tendo en conta que a lingua neste país, nunha sociedade diglósica, ten poucos apoios e está realmente marxinada de moitos ámbitos de uso.

Paula Castro: En que medida esa avaliación vai favorecer que se cumpra?

Anxo Louzao: Aí é onde está o problema. Temos unha ferramenta que ten as súas posibilidades de avanzar na normalización lingüística e agora falta a vontade, os recursos e os medios. O primeiro é a formación do conxunto do profesorado cun plano de formación e de actualización que non só leve consigo a formación terminolóxica da súa área específica senón que tamén conleve unha formación sociolingüística para que poida actuar activamente como un axente normalizador. Hai que reforzar as equipas de normalización lingüística para que sexan realmente o núcleo central da normalización. É urxente e necesaria a publicación de todo tipo de material pedagóxico e didáctico. Hai materias que non teñen sequera un manual en galego. Hai que mudar a inspección educativa. Nós apostábamos por que houbese unha inspección específica pero o decreto non recolle nada diso. Tamén é prioritario que a inspección mude de actitude e que vele para que realmente se efectivice esta norma.

Paula Castro: Un mestre, podería negarse a impartir as aulas en galego?

Anxo Louzao: Non se pode negar. Somos funcionarios e é indiscutíbel que temos unhas obrigas que temos que cumprir, igual que temos un horario ou que facer unha avaliación. Do mesmo xeito temos que impartir as aulas en lingua galega. Hai que dicir nese sentido que sempre hai resistencias nun colectivo tan amplo pero cremos que con vontade política, cos recursos necesarios e coa formación, que é imprescindíbel, non se tiñan que dar casos de rexeitamento. O que si que nos preocupa na súa aplicación, e que poida quedar a expensas da voluntariedade ou da consciencia deste colectivo.

 
 
  Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta