|
Actualidade
Vigo, 5 de maio de 2007
Continuarán en maio e xuño con
paros os sábados á tarde
Concentración fronte á Delegación de Industria en Pontevedra nunha nova xornada de folga das
ITV
| |
 |
 |
| Despois de doce xornadas de folga, e máis
de 7.000 coches que deixaron de pasar a revisión, os traballadores en folga desprazábanse até
Pontevedra para reclamar unha intervención da Consellaría de Industria, xa que a empresa Supervisión
y Control é unha empresa que ofrece este servizo por unha concesión deste organismo. (Fotos: ©galizacig.com 04/05/2007). |
 |
 |
| Descarga
o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 2'19'',
espazo en disco: 9.677.259 bytes [9,22 Mb]). |
| |
Este venres partían ás 12 da mañá
desde a estación de tren os traballadores en folga dos centros de traballo da ITV nunha marcha cara ás
portas da Delegación da Consellaría de Industria, xa que reclaman desta Consellaría, que é
a responsábel do servizo da ITV, que non sexa só espectador neste conflito senón que axude
e sexa parte da resolución do conflito.
Despois de doce xornadas de folga, e máis
de 7.000 coches que deixaron de pasar a revisión, os traballadores en folga (este venres de 10:30 a 18:30)
desprazábanse até Pontevedra para reclamar unha intervención da Consellaría de Industria,
xa que a empresa Supervisión y Control é unha empresa que ofrece este servizo por unha concesión
desta Consellaría.
Un grupo de persoas dos distintos centros de traballo
das ITV subiu até as oficinas da delegada provincial, onde foron atendidos polo secretario da delegada provincial
que se comprometeu a que o martes 8 de maio manterían unha reunión para falar das súas reclamacións.
Desde a CIG anunciaron que xa están convocadas
folgas todos os sábados dos meses de maio e xuño e presentadas ante Traballo, xa que unha das tres
reivindicacións demandadas polos traballadores é a de non traballar o sábado á tarde,
poder negociar as súas vacacións, e que unha paga gratificatoria sexa entregada baixo criterios obxectivos.
Os traballadores da ITV anunciaron que continuarán
coas súas protestas de non seren atendidas as súas demandas nesta xuntanza, e continuarán
os paros, folgas e toda canta medida de presión e visibilización deste conflito sexa necesaria para
acadar unhas condicións laborais dignas para os traballadores destes centros de traballo.
|