|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nas asembleas que se realizaron pola mañá decidiuse que como medida de presión se ía comezar nesta xornada de folga con peches dos traballadores nos estaleiros, ademais de cortar o tráfico en Beiramar. Na ría de Vigo e Pontevedra o seguimento da folga foi total, polo que a Federación do Metal da CIG avalía esta primeira xornada “como todo un éxito”. O mércores estiveron reunidos ate as dúas da mañá a comisión de seguimento da axencia da bolsa de emprego (na que están CCOO, UGT, CIG e os estaleiros), pero non chegaron a ningún acordo. Os puntos que xeran maior conflito e discrepancias fundamentais son: Desde os sindicatos demándase que en quince días as empresas dos estaleiros teñen que cumprir o artigo oito do convenio provincial no que se fixa o corenta e cinco por cento de persoal fixo obrigatorio nas empresas. Asime (patronal dos estaleiros) pide un prazo de noventa días. Outras das cuestións que terían que regular os estaleiros nas empresas que traballan no seu interior e que a contratación eventual fora toda a través da axencia da bolsa de emprego e non como na actualidade que a maior parte das empresas realizan estes contratos temporais como e por onde queren. Os sindicatos reclaman que as empresas que non cumpran o convenio teñen que deixar de prestar servizos no interior dos estaleiros, polo que os traballadores que se vexan afectados por esta medida terían que ser colectivo preferente na bolsa de emprego. A patronal expuxo a súa “necesidade” de criar unha nova modalidade de contrato multiobra, na que se encadearían contratos en distintas empresas dentro do mesmo estaleiro, e desde unha perspectiva sindical négase esta posibilidade xa que sería legalizar a contratación precaria, temporal e fraudulenta nos estaleiros. Este xoves os sindicatos acudiron a unha xuntanza, tanto pola mañá como pola tarde, na delegación da Consellaría de Traballo na que a patronal estivo no segundo andar e os sindicatos no cuarto e non chegou nin tan sequera a haber unha xuntanza, amosando a escasa dispoñibilidade da patronal deste sector por chegar a un entendemento neste conflito. Este venres a primeira hora da mañá haberá asembleas en todos os centros de traballo para decidir que accións levar a cabo durante esta segunda xornada de folga no Naval na provincia de Pontevedra. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/05/2007 |
||||
|