|
Actualidade / Artigo Héctor López de Castro
Ruíz-
En maio de 2004, a «Laval un Partneri Ltd» (a seguir, Laval), unha sociedade de dereito letón, desprazou traballadores desde Letonia para realizar obras en Suecia. As obras foron executadas por unha sociedade filial, denominada «L&P Baltic Bygg AB» (a seguir, Baltic Bygg). Entre esas obras figuraba a reforma dun centro de ensino público na cidade de Vaxholm, na rexión de Estocolmo. En xuño de 2004, a Laval e a Baltic Bigg, por un lado, e o Sindicato Sueco dos Traballadores da Construción e as Obras Públicas (Svenska Byggnadsarbetareförbundet), por outro, iniciaron negociacións con vistas a alcanzar un acordo de adhesión ao convenio colectivo da construción de Suecia. Porén, non se puido chegar a ningún acordo. Antes ao contrario, a empresa pactou cun sindicato letón unhas condicións de traballo moi inferiores ás do convenio sueco. A 2 de noviembre de 2004, o Sindicato Sueco da Construción adoptou unha medida de conflito colectivo consistente en bloquear as actividades en todos os centros de traballo da Laval. O Sindicato Sueco de Electricistas uniuse ao movemento como medida de solidariedade, suspendendo todos os traballos de electricidade que estaban en curso na empreitada de Vaxholm. Após interrompérense as actividades desta obra durante un certo tempo, Baltic Bygg foi obxecto dun procedemento colectivo de liquidación. Entre tanto, os traballadores letóns destacados pola Laval na obra de Vaxholm regresaron a Letonia. A Laval presentou unha demanda nun Xulgado do Social sueco pedindo o cesamento das accións colectivas realizadas polos sindicatos, por consideralas ilegais, e reclamando unha indemnización. O Xulgado elevou unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE, perguntando se esas accións colectivas eran compatíbeis cos principios comunitarios de libre circulación de servizos e prohibición de discriminación por motivos de nacionalidade.
A Directiva 96/71/CE, sobre o desprazamento de traballadores, prevé que as garantías ofrecidas aos traballadores desprazados temporalmente a outro país da UE estean establecidas mediante disposicións legais, regulamentarias ou administrativas e/ou, no sector da construción, mediante convenios colectivos ou laudos arbitrais declarados de aplicación xeral. A Lei sueca relativa ao desprazamento de traballadores determina as condicións de traballo e emprego aplicábeis aos traballadores desprazados, con independencia da lei aplicábel ao propio contrato de traballo. Recolle así as condicións de traballo e emprego comprendidas dentro das materias enumeradas na Directiva 96/71/CE, excepto a relativa ao salario mínimo. A Lei garda silencio no que respecta ás retribucións, tradicionalmente reguladas en Suecia mediante convenio colectivo. En troca, o Dereito sueco recoñece ás organizacións sindicais o dereito a adoptaren medidas de conflito colectivo, sempre que concorran determinados requisitos, para obrigar un empresario a adherirse a un convenio colectivo.
O Sr. Mengozzi sinala, en primeiro lugar, que entra dentro do ámbito de aplicación do Dereito comunitario o exercicio, por parte de sindicatos dun Estado-membro, do seu dereito a adoptar medidas de conflito colectivo, a fin de obrigar un prestador de servizos estranxeiro a adherirse a un convenio colectivo no Estado-membro en que ese prestador se acolle, en concreto, á libre prestación de servizos. A seguir, considera que o feito de que Suecia permita aos axentes sociais fixar, mediante convenios colectivos, as condicións de traballo e emprego e entre elas, en particular, as normas relativas á retribución, non pode constituír de seu unha execución insuficiente da Directiva 96/71/CE, até ao punto de implicar unha renuncia por parte dese Estado-membro a aplicar esas condicións aos prestadores de servizos estranxeiros. Neste sentido, o avogado-xeral observa, en substancia, que precisamente recoñecendo aos sindicatos de traballadores o dereito a adoptar medidas de conflito colectivo para obrigar un prestador de servizos a subscribir un nível salarial determinado conforme a un convenio colectivo, aplicábel de facto ás empresas nacionais que se atopan nunha situación comparable, o Reino de Suecia garante que se atinxan os obxectivos, recollidos na Directiva 96/71/CE, de protección dos traballadores e de igualdade de trato entre os operadores. Para finalizar, tras examinar as medidas de conflito colectivo e algunhas cláusulas específicas do convenio colectivo da construción baixo o prisma da libre prestación de servizos, o avogado-xeral conclúe que, no caso de que un Estado-membro non posúa un sistema de declaración de aplicación xeral dos convenios colectivos, a Directiva 96/71/CE e a libre prestación de servizos non se opoñen a que organizacións sindicais tenten, mediante medidas de conflito colectivo que revistan a forma dun bloqueo e dunha acción de solidariedade, obrigar un prestador de servizos doutro Estado membro a subscribir un nivel salarial, determinado consoante a un convenio colectivo, aplicábel de facto ás empresas nacionais do mesmo sector de actividade que se achen en situación similar, subscrito no primeiro Estado-membro en cuxo territorio son destacados temporalmente traballadores do outro Estado-membro. As medidas de conflito colectivo deben, porén, estar motivadas por obxectivos de interese xeral, como a protección dos traballadores e a loita contra o dumping social, e non deben exercerse de forma desproporcionada con respecto ao logro dos devanditos obxectivos. No marco do exame da proporcionalidade das medidas de conflito colectivo, o avogado-xeral aconsella que o órgano xudicial sueco comprobe, en particular, se as condicións establecidas no convenio colectivo da construción supoñen unha vantaxe real que contribúa de forma significativa á protección social dos traballadores desprazados e non duplican unha eventual protección idéntica ou esencialmente comparábel conferida a eses traballadores pola lexislación ou o convenio colectivo aplicábeis ao prestador de servizos no Estado membro do seu establecemento.
Aínda que Galiza dista moito de ser Suecia, tanto en termos de salarios como de protección social, non é difícil observar paralelismos entre os letóns do «caso Laval» e os 22.000 traballadores do Norte de Portugal que cada día cruzan a fronteira para traballar no noso país, nomeadamente no sector da construción civil e moitas veces destacados temporalmente en obras executadas por empresas lusas, que someten os seus contratos de traballo ao Dereito portugués. A Lei sueca que transpuxo a Directiva 96/71/CE presenta moitas afinidades coa Lei española 45/1999, do 29 de novembro, sobre o desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacional. Hai, porén, unha importante diferenza: a Lei española si recoñece como unha garantía dos traballadores desprazados o salario de convenio aplicábel no país de destino (artigo 4). Sen prexuízo disto, a Lei non garante que os convenios colectivos vigorantes na Galiza sexan de aplicación na súa integridade aos traballadores comunitarios desprazados, senón que a remisión ao rexime xurídico convencional se limita á materia retributiva. Isto debe incitarnos a seguir con interese o proceso C-341/05. Están en xogo as armas de que podemos dispor os sindicatos para combater eficazmente o dumping social, unha grave ameaza para a unidade da clase traballadora tamén dentro das fronteiras da Unión Europea. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/05/2007 |
|||||||
|