|
Actualidade / Artigo Héctor López de Castro
Ruíz-
A folga consentida polo dereito: O contexto d’O sal da terra (Herbert J. Biberman, 1953) é a segunda pos-guerra mundial, cando se observa unha mudanza de estratexia do movemento operario. A socialdemocracia na Europa, o New Deal nos Estados Unidos e un certo pesimismo sobre a vixencia do socialismo revolucionario conducen a unha institucionalización do conflito de clases que presupón unha progresiva tolerancia política da greve por parte do Capital e o Estado. Estas novas circunstancias aparecen brillantemente expostas n’O sal da terra mediante a metáfora dun aparello de radio comprado a prazos (un luxo nun contexto de miseria) que se converte nun atranco case insalvábel para continuar a folga, pois os prazos do crédito apertan. Afinal, o radio será sacrificado (unha vitoria do cidadán-traballador frente ao cidadán-consumidor). Outro aspecto interesante do dereito á folga que aparece no filme é o papel do esquirol e a necesidade do piquete, de novo como institución defensiva, allea ao dereito en certas circunstancias, do folguista contra os excesos do patrón. A ocupación da fábrica: Todo vai ben (Jean-Luc Godard e Jean-Pierre Gorin, 1972) apreséntanos un conflito laboral após o Maio do 68 francés, nun contexto de forte controversia entre sindicatos institucionalizados e movementos de extrema esquerda, maoísta e trotskista basicamente. Do punto de vista xurídico, interésanos o tratamento da ocupación da fábrica como medio de intensificación da efectividade da folga e de democratización do seu exercicio. Entre nós, a sentenza do Tribunal Constitucional 11/1981 admitiu a ocupación do centro de traballo como medida accesoria do dereito de greve, sen que tal ocupación poida impedir a liberdade doutras persoas ou o dereito sobre as instalacións e bens da empresa. Porén, máis recentemente, a sentenza do Tribunal Constitucional 88/2003 reduciu significativamente esta posibilidade, facendo primar o dereito de propiedade privada da empresa sobre o dereito de reunión e asemblea dos traballadores. Folga de solidariedade e crise de emprego: Billy Elliot (Stephen Daldry, 2000) conta a historia dun neno que quer ser bailarino no contexto dunha das maiores folgas de sempre, a convocada polo Sindicato Nacional de Mineiros británico en 1984 contra as medidas desmanteladoras do sector de Margaret Thatcher. Esta greve deu lugar a grandes mostras de solidariedade por parte de traballadores adscritos a outros sectores, como os portos ou o transporte. No noso dereito (artigo 11.b) DLRT), é ilegal a folga «que sexa de solidariedade ou apoio», excepto cando afecte ao interese dos que a promovan ou sustenten. Porén, a sentenza do Tribunal Constitucional 11/1981 flexibilizou esta prohibición, ao entender que é suficiente con que o logro dos obxectivos repercutise dalgún xeito nos intereses dos traballadores folguistas, aínda que só for pola súa pertenza á clase traballadora. Outro elemento de interese xurídico en Billy Elliot é o tratamento da «caixa de resistencia», imprescindíbel para prolongar o paro o tempo necesario, ou a represión contundente que se produce cando os traballadores, en vista da falta de resultados da folga, realizan pequenas sabotaxes. A folga e as novas formas de traballo: En Recursos humanos (Laurent Cantet, 1999) trátase o conflito humano entre un pai, un vello obreiro metalúrxico, e un fillo, un xoven economista que se incorpora ao departamento de recursos humanos da empresa para a aplicación da Lei Aubry, en virtude da cal se había de negociar nas empresas francesas a progresiva redución da xornada a 35 horas semanais de promedio anual, coa contrapartida de introducir unha distribución irregular da xornada. É interesante observar a actitude dos traballadores máis novos da fábrica, que aparecen como os máis insolidarios: «prefiro traballar máis e gañar máis» di un deles. O consumismo convértese como a principal arma de control do mundo do traballo e de autoalienación do traballador. Tamén aparece no filme o conflito entre o sindicato máis combativo, a CGT, e os submisos CFDT e FO, á hora de convocar un referendo que tentaba separar os traballadores dos seus lexítimos representantes. Xuridicamente, é salientábel a conduta anti-sindical que realiza a empresa ao irromper nos locais sindicais onde se está preparando a convocatoria de folga para condicionar estes prolegómenos. No noso dereito, o artigo 81 do Estatuto dos Traballadores [PDF] e o artigo 8.1.b) da LOLS [PDF] recoñecen o dereito a posuír un local sindical, que se impón sobre o dereito de propiedade privada da empresa. Un conflito sen folga: Pan e rosas (Ken Loach, 2000) relata un conflito real, o dos empregados da limpeza de Los Angeles, pertencentes ao máis depauperado segmento da clase traballadora: mulleres, inmigrantes, sen papeis. Unha boa representación da nova face do conflito laboral: a marxinalidade destas traballadoras, que xa nen sequer están baixo o manto protector do Dereito do Traballo, obrígaas a buscar novas formas de conflito pois, na sociedade-espectáculo, unha foto nun xornal vale máis que unha manifestación multitudinaria silenciada polos medios de comunicación. O pulso directo coa empresa en que consiste a folga –o cesamento concertado do traballo sen retribución, conforme á definición legal do artigo 7 DLRT– ten menor capacidade coactiva, en certos casos, que a presión indirecta exercida por outros medios ou mediante un uso alternativo da greve: en Pan e rosas, as limpadoras irrompen na festa dos propietarios do edificio para así facer visíbel a súa penosa situación. As estreitas marxes en que o dereito e a xurisprudencia encorsetaron o a folga clásica obrigan a incidir máis sobre os usuarios do servizo (como nas folgas do transporte convocadas en días-punta) ou sobre a opinión pública (como na ocupación de lugares públicos realizada durante o conflito de Sintel) que sobre a propia empresa. Mudan os tempos e as vontades, mais a folga, constantemente reinventada, permanece como a máis poderosa ferramenta dos traballadores e traballadoras. |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/05/2007 |
|||||||
|