ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 1 de maio de 2007

Utilizaranse só produtos agropecuarios locais do Baixo Miño e do Condado e haberá postos de venda directa ao público
O Sindicato Labrego encargarase de organizar o xantar do 1 de maio para a CIG en Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Porta entrada Parque Castelos en Vigo; clic para aumentar
O xantar se fará no Parque de Castrelos, a carón do anfiteatro, a partir das 14:00 horas. A maiores, instalaranse numerosos postos de venda, abertos ao público a partir das 11:00 horas. (Foto: Porta de entrada pola Avenida de Castrelos ao Parque de Castrelos de Vigo. ©Fernando Pol).
 
O Sindicato Labrego Galego, como xa fixera o ano pasado, será o encargado de organizar o xantar do 1 de maio para a Confederación Intersindical Galega (CIG) en Vigo, que se fará no Parque de Castrelos, a carón do anfiteatro, a partir das 14:00 horas.

Con esta actividade, o Sindicato Labrego pretende facer ver aos consumidores e consumidoras a importancia de demandar produtos locais producidos nas nosas explotacións agrarias para o consumo diario, xa que desta maneira se defenden os postos de traballo da agricultura e da gandería, se desenvolve o noso medio rural e, ao mesmo tempo, apoiase un modelo de agricultura sustentábel respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas, sexan labregos e labregas ou consumidores e consumidoras.

O xantar, ao que acudirán dous centos de comensais, será tan variado como as producións agrarias do sur da provincia de Pontevedra. Así, de primeiro haberá empanada de algas (con cenorias; cebolas; fariñas de centeo, millo e trigo de diversos produtores e produtoras do Baixo Miño e Condado; e algas de Algamar, Redondela) e minestra de verduras frescas (leituga, cenorias, cebola, allos, ervellas, fabas, xudías e remolacha do Baixo Miño e do Condado). A carne ao caldeiro con cachelos fará de segundo prato, obtida a partir das reses de Manuela Fernández (A Graña, O Covelo) e patacas de Florencio Sobrino (San Xián, O Rosal). E para rematar, sobremesa a base requeixo da Cooperativa Condado-Paradanta (As Neves) con mel de Carlos Durán (Guillade, Ponteareas). Como non podía ser menos, o xantar irá acompañado con viños brancos e tintos d'O Rosal e d'O Condado e auga mineral do manancial de Fillaboa, en Salvaterra.

A maiores, instalaranse numerosos postos de venda, abertos ao público a partir das 11:00 horas, nos que se poderán mercar directamente produtos agrarios aos labregos e labregas que os producen tales como ovos, viño, licores, pan, fariña, carne, patacas, verduras e hortalizas, froitas, mel, queixo, leite, sementes, flores, etcétera.

Este xantar labrego do 1 de maio é só unha pequena mostra do que podemos facer en canto a novas formas de distribución dos alimentos, baseadas na venda directa e no comercio local e de proximidade que, con toda seguridade, contribuirán de xeito moi importante a manter postos de traballo, a conservar a nosa cultura alimentaria e a mellorar as economías locais e comarcais. En definitiva, o consumo de produtos labregos locais pode ser todo un revulsivo para avanzar na loita por unha nova política agraria e alimentaria que parta das necesidades da sociedade galega e non dos intereses económicos dunhas poucas multinacionais agroalimentarias e das grandes distribuidoras de alimentos, como acontece na actualidade.


Os produtos locais

Son máis saborosos, porque non son producidos de xeito industrializado e estandarizado.
Son máis sans, porque non teñen necesidade dos conservantes, colorantes, etcétera que levan os produtos industriais.
Son máis seguros, porque son froito da experiencia acumulada por xeracións de labregos e labregas galegas.
Contaminan menos, porque se evitan os custes enerxéticos e os impactos ambientais do transporte a longas distancias.
Son socialmente solidarios, porque permiten a permanencia de explotacións agrarias que poñen de valor os nosos recursos, retribuíndo adecuadamente o traballo dos labregos e das labregas.
Evitan a nosa dependencia das grandes transnacionais do comercio.
Deixan os beneficios en Galiza.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta