ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 9 de maio de 2007

Detidos e postos en liberdade tres operarios
Os traballadores do Naval ocupan a Delegación de Facenda e paralizan a súa actividade

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Os traballadores do Naval ocupan Facenda, clic para aumentar
Cuarta xornada de folga no sector Naval, na que miles de traballadores volvían saír ás rúas para protestaren polo incumprimento do seu convenio laboral. (Fotos: ©galizacig.com 08/05/2007).
Os traballadores do Naval ocupan Facenda, clic para aumentar
Por volta das nove da mañá os traballadores chegaban á Delegación de Facenda, que logrou ser ocupada despois dun importante pulso dos traballadores ás portas deste edificio.
Os traballadores do Naval ocupan Facenda, clic para aumentar
Mentres un grupo paralizaba o traballo no interior das instalacións, outro grupo importante dos traballadores bloqueaba o tránsito na Rúa Coruña e na Praza de América.
Os traballadores do Naval ocupan Facenda, clic para aumentar
Os traballadores do Naval ocupan Facenda, clic para aumentar
Antolín Alcántara incidiu na importancia que tivo a acción da ocupación da Delegación de Facenda “para involucrar á Administración, que é coñecedora dos fraudes das empresas deste sector e non actúa”.
Agresión policial a un traballador, clic para aumentar Agresión policial a un traballador, clic para aumentar Agresión policial a un traballador, clic para aumentar
Un dos traballadores, á saída da comisaría, denunciou que ao ser detido foi golpeado contra o chan, polo que presentaba contusións nun dos brazos, xeonllo e nunha cella.
 
Cuarta xornada de folga no sector Naval, na que miles de traballadores volvían saír ás rúas para protestaren polo incumprimento do seu convenio laboral. Neste martes 8 de maio os traballadores decidían ocupar a Delegación de Facenda en Vigo, paralizando a súa actividade desde as nove da mañá até as 14 horas para “denunciar que as empresas do sector, nunha gran maioría, defraudan á facenda pública”, e implicar á Administración tamén neste conflito.

Por volta das nove da mañá os traballadores chegaban á Delegación de Facenda, que logrou ser ocupada despois dun importante pulso dos traballadores ás portas deste edificio. Ademais, mentres un grupo paralizaba o traballo no interior das instalacións, outro grupo importante dos traballadores bloqueaba o tránsito na Rúa Coruña e na Praza de América. A esta acción uníronse pasadas as nove e media os traballadores de Vulcano.

“Con esta actuación pretendemos denunciar que as empresas do sector, nunha gran maioría, defraudan á facenda pública”, sinalou Vítor García, responsábel do sector do Naval da CIG-Metal. “Moitas non cumpren coa Seguridade Social nin cos traballadores; pagan as horas extra en ‘negro’, e outras cantidades disfrázanas como dietas para non ter que pagar impostos”, dixo.


Asembleas de traballadores

Ao longo da mañá tiveron lugar dúas asembleas dos traballadores do Naval. A primeira, preto das once da mañá, foi para informar da importancia de manter a ocupación na Delegación de Facenda e continuar a paralizar a actividade no seu interior.

A segunda tiña lugar ás 13:30, na que todos os sindicatos convocantes da folga (CIG, CUT, CCOO e UGT) interviñan para informar da xuntanza que mantivo o Comité de Folga no interior da Delegación de Facenda e debater na Asemblea as accións a levar a cabo. Tomouse a decisión de abandonar a ocupación da Delegación de Facenda ás dúas e continuar este mércores con novas accións, que partirán das iniciativas que xurdan das asembleas a primeira hora desde os distintos centros de traballo.

Antolín Alcántara interveu en nome da CIG nesta Asemblea. Alcántara incidiu na importancia que tivo a acción da ocupación da Delegación de Facenda “para involucrar á Administración, que é coñecedora dos fraudes das empresas deste sector e non actúa”.

Respecto ás críticas dos empresarios do sector e Asime sobre as razóns deste conflito, Alcántara afirmou que “o Metal e o Naval sempre saíron á rúa asistidos de moitas razóns, e desta vez é unha moi poderosa, que é que se cumpra a aplicación da nosa Lei, do noso Convenio”.

Outro dos temas que visibilizou na súa intervención Antolín Alcántara foi o tratamento da información da folga do Naval que nesta xornada aparecía nos xornais, “estásenos a chamar vándalos, e o que non pode ser é que se nos xulgue a nós con tanta severidade, porque se queiman catro colectores, e os que están aí sempre, estes señores da patronal aos que nos estamos a enfrontar, que todos os días se poden incumpren calquera legalidade, que pagan como queren, que están a roubar salarios, pois que a eles se lles trate dun xeito tan distinto a como se nos trata a nós; eles non son vándalos, eles son empresarios ou emprendedores”.

Alcántara finalizou remarcando a necesidade “da unidade” e de saber xestionar a forza colectiva que estes miles de traballadores do Naval significan nas rúas, así como fixo un chamamento a acudir masivamente ás asembleas ás sete da mañá nos centros de traballo para continuar coas mobilizacións e accións no que será a quinta xornada de folga no Naval.


En liberdade os tres detidos

Tres traballadores, un deles do estaleiro Hijos de J. Barreras, e os outros dous, empregados eventuais nas empresas auxiliares Gestoso e Gestido, foron detidos por policías de incógnito que estiveron presentes na xornada deste martes nas mobilizacións. Cara ás 14:00 horas, cando os manifestantes disolveron a concentración en As Travesas e remataron o encerro que mantiñan nas dependencias do edificio da Delegación de Facenda, os tres traballadores dirixíronse á Rúa Soler, preto da Avenida de Beiramar, a recolleren os seus vehículos, onde foron interceptados e detidos por unha dotación policial, acusados de “alteración da orde e destrozos”. Un dos traballadores, á saída da comisaría, denunciou que ao ser detido foi golpeado contra o chan, polo que presentaba contusións nun dos brazos, xeonllo e nunha cella.

Antolín Alcántara subliñou que estas detencións pretenden ser “unha intimidación aos traballadores en folga” por parte das autoridades.


Panfleto para informar á cidadanía

Ao mesmo tempo que tiñan lugar esta serie de acontecementos detallados con anterioridade, os traballadores decidiron editar ao longo desta mañá unha folla que, baixo o título de “As razóns da folga no Naval” e asinado polo xenérico e unitario “Traballadores do Naval” explicara á cidadanía os motivos das mobilizacións que están a percorrer as rúas de Vigo, e que, polo seu interese, reproducimos a continuación:

“Os traballadores do sector naval estamos novamente en folga logo dun ano para reclamar o cumprimento do noso convenio.

Loitamos no convenio para conseguir unha porcentaxe de persoal fixo en cada empresa. Este ano o 45% e o ano seguinte o 50%, e ademais unha bolsa de contratación que eliminara as listas negras, as contratacións caprichosas e as discriminacións.

Loitamos por estas medidas para acabar coa precariedade que temos nos contratos, pois dáse o caso de moitos traballadores que levan máis de 10 anos en situación de fraude na empresa, asinando contratos de obra eternamente. Non podemos reclamar os nosos dereitos, nin negarnos a traballar as horas que nos pidan, nin disfrutar as vacacións ou non disfrutalas cando corresponden, nin moitas cousas máis, porque calquera problema co empresario significa o final do contrato.

Os empresarios non queren perder este poder na contratación e continúan sen cumprir o convenio asinado. Ante isto denunciamos ás empresas na Inspección de Traballo, que obrigou de momento a 130 empresas a facer 450 contratos indefinidos, pero outras moitas continúan a boicotear a aplicación do Convenio.

No Metal loitamos por unhas condicións dignas no traballo, temos prohibidas as ETT's e obrigamos a pagar unha indemnización a todos os eventuais, pero tamén queremos que se cumpra a porcentaxe de persoal fixo que temos acordada, porque é a nosa Lei e queremos que os empresarios a respecten.

Pedímoste que entendas a nosa loita, porque seguramente terás a alguén na túa familia que este padecendo no traballo este tipo de precariedade e explotación. A nosa é sinxelamente a loita da clase traballadora”.

 
 
Informacións relacionadas
08/05/2007 A patronal ASIME non asistiu á xuntanza convocada pola Consellaría de Traballo na que si estiveron CIG, CUT, CCOO e UGT
Marchas multitudinarias dos traballadores do Naval polo cumprimento do Convenio colapsan Vigo
05/05/2007 O luns retomarán as mobilizacións e asembleas
Miles de traballadores do Naval saen ás rúas na súa segunda xornada de folga
04/05/2007 Seguimento total nas rías de Vigo e Pontevedra
Concentracións nos estaleiros na primeira xornada da folga indefinida do Naval
28/04/2007 Por incumprimento do Convenio
Folga indefinida no sector Naval da provincia de Pontevedra desde o 3 de maio
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta