ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 24 de maio de 2007

Os traballadores do sector non enfrontaban unha folga pola negociación colectiva desde hai 18 anos
Paro masivo na Construción con concentracións en Vigo e Pontevedra

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Un grupo de traballadores da Construción en Navia a primeira hora da mañá percorre as numerosas obras da zona (Fotos: ©galizacig.com 23/05/2007).
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Grupos de traballadores da Construción foron identificados, arbitrariamente e sen ningun motivo, ao pasar por diante das instalacións de Citroën.
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Para realizar esta identificación houbo un despregue importante de antidisturbios que apareceron de repente diante das portas da factoría de Citroën.
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Outro dos grupos de traballadores percorreu Pereiró, onde se foron pechando as obras co apoio dos propios obreiros.
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
No polígono de Valadares tamén se parou a actividade, onde había unha importante presenza de traballadores portugueses, que tamén se uniron á folga.
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Durante a hora e media que durou a concentración na Porta do Sol de Vigo, que comezou ás 12:30 horas, pasaron máis de 1.000 persoas.
Folga Construción provincia Pontevedra, clic para aumentar
Xosé Xoán Melón, secretario nacional da CIG Construción, falou diante desta asemblea de traballadores do sector para informar e valorar o acontecido ao longo desta primeira xornada de folga.

Folga Construción provincia PontevedraDescarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 4'54'', espazo en disco: 13.075.558 bytes [12,4 Mb]). Realización: César Caramés.

 
Este mércores 23 de maio tiña lugar a primeira xornada de folga da Construción na provincia de Pontevedra, convocada pola CIG, que rematou con unha avaliación moi satisfactoria. Piquetes ao longo de todo o día, paros masivos en toda a provincia e concentracións nas cidades de Vigo e Pontevedra foron as actividades principais nesta primeira demostración de forza dos traballadores da Construción, que desde hai 18 anos non enfrontaban ningunha folga pola negociación colectiva.

Ás sete e media da mañá partían os distintos piquetes cara os centros de traballo a informar da folga e animar aos traballadores a participar das concentracións que terían lugar a partir das doce da mañá. Na zona sur da provincia houbo piquetes en O Porriño, Salceda, Salvaterra, Baiona, Tui, Nigrán, Arcade, Redondela, O Morrazo, Gondomar, e na cidade de Vigo na zona de Cabral, Travesia de Vigo, Aragón, Teis, Sanjurjo Badía, toda a zona centro, Navia, Pi i Margall, Hispanidade, Ramón Nieto... Na zona norte da provincia houbo piquetes no Deza, Salnés (Vilagarcía, Cambados) e na propia cidade de Pontevedra, na que houbo dous piquetes moi numerosos de máis de cen persoas.

A loita por un convenio provincial que mellore as condicións de traballo e incorpore melloras salariais, de saúde laboral e sociais para os traballadores da Construción daba comezo deste xeito desde primeira hora da mañá nos distintos e dispersos centros de traballo de toda a provincia.

Os paros foron masivos en todas as zonas, obtendo un seguimento total na maioría das zonas nas obras principais e visíbeis. De feito, Xosé Xoán Melón, secretario nacional da CIG Construción, avaliou moi positivamente esta primeira xornada en canto aos paros xa que “partiu a propia iniciativa de parar da maioría das empresas, e os traballadores incorporábanse á folga con pouca explicación; a xente sentíase moi identificada cos motivos da folga, e valoramos moi satisfactoria esta sintonía cos traballadores do sector”.

Nestes paros tamén se somaron por primeira vez traballadores inmigrantes, algúns deles afiliados da CIG, que secundaron a folga, e tamén unha parte deles acudiron ás mobilizacións.


Concentracións en Vigo e Pontevedra

Desde os piquetes, os traballadores de Vigo trasladáronse á Porta do Sol, onde cortaron o tráfico durante dúas horas desde as doce, nas que agardaron pola chegada dos distintos grupos de traballadores que viñan dos piquetes da zona sur da provincia.

Na cidade de Pontevedra ás doce tiveron unha asemblea no Salón de Actos da Casa Sindical, onde decidiron saír e concentrarse diante da sede de Indeza no centro desta cidade, empresa do presidente da Patronal da Construción, Ángel Fernández Presas. Máis de 150 traballadores participaron desta concentración.

Na concentración de Vigo centos de traballadores pasaron por este punto de encontro, no que interveu o secretario nacional da CIG Construción, Xosé Xoán Melón, para sinalar que “poñemos tres condicións para volver ás negociacións: que se reinicien de manera inmediata, que se fixe un calendario con datas concretas, e que o eixo da negociación, aberto ás demais posíbeis propostas e aportacións, sexa o anteproxecto de convenio que presentou a CIG a finais do mes de febreiro”.

Melón tamén tratou a cuestión da convocatoria dunha folga indefinida no sector para mediados de xuño, se a situación actual non se desbloquea, para “que todo este proceso remate nun convenio con melloras para os traballadores, onde se recoñezan complementos salariais, se modifiquen as xornadas e que se solucione a situación de precariedade e descontento no sector”. Neste sentido falou da escusa presentada pola patronal de que non se pode negociar o convenio provincial até que non remate a negociación do convenio estatal “como unha táctica dilatoria, que de nada vai servir, porque temos toda a lexitimidade, mesmo con sentenzas gañadas a este respecto, para negociar desde este espazo”.


CCOO, UGT e a patronal

Melón valoraba á tarde estas mobilizacións e facía fincapé en que “este era un sector que levaba moitos anos sen mobilizarse e era un pouco sorpresa o que puidera pasar, pero tamén a concentración en Vigo foi moi positiva xa que pasaron durante todo o tempo que estivemos concentrados na Porta do Sol máis de mil persoas, que significa ter mil traballadores activos na defensa da nosa proposta de convenio e negociación colectiva”.

Melón lamentou a posición de CCOO e UGT nesta folga porque “fixeron un traballo en contra da folga mentres a patronal estaba calada, e agardamos que corrixan esta postura”. Para Melón nesta xornada demostrouse que “hai dous modelos de sindicalismo na Construción: un sindicalismo combativo de defensa dos intereses dos traballadores que representa a CIG, e outro sindicalismo, decadente e pactista, que só quere adormecer ao sector. O problema é deles, que teñen moi difícil defender estas posturas diante dos traballadores”.

Sobre a patronal, e a actitude neste conflito Melón incidiu que “non están á altura das circunstancias, e sobre todo, a persoa do seu presidente non entende o que son as relacións laborais, e somete os seus intereses aos dunha estratexia que se deseña en Madrid, e desde esa postura só van conseguir meterse nun conflito permanente co sector”.


Valoración Vigo e Pontevedra

Alberte Fernández, secretario comarcal da Construción de Vigo avaliaba que “tanto en Vigo, como no seu entorno o paro foi masivo e a resposta da xente foi moi boa”, e destacou que neste conflito “a patronal está abocada a cambiar de postura, xa que non pode continuar a limitarse a obedecer o que lle din desde Madrid”.

Xaquín Agulla, secretario comarcal da Construción de Pontevedra, falou tamén en termos moi positivos e optimistas desta primeira xornada de folga na zona norte da provincia e manifestou que “o sector demanda con esta mobilización un xiro na negociación colectiva e foi unha demostración importante de forza esta folga, e a patronal o que debe facer é tomar nota”.

 
 
Informacións relacionadas
23/05/2007 Xosé Xoán Melón, secretario nacional de CIG-Construción:
“Se o noso obxectivo se cumple o 23 e 24 convocaremos folga indefinida na Construción a mediados de xuño”
09/05/2007 Queren promover mobilizacións conxuntas para que se negocie o Convenio colectivo
A Federación da Construción da CIG convoca a CCOO e UGT para frear a precariedade no sector
20/04/2007 A CIG desenvolverá unha campaña de información cara a iniciar de inmediato mobilizacións
Rotas as negociacións do Convenio provincial da Construción en Pontevedra
01/03/2007 Os pactos de contención salarial fan do Estado español o único da UE en 10 anos no que os salarios medran por debaixo da inflación
Concentración por un Convenio provincial da Construción fronte á Patronal en Vigo
14/02/2007 Co 51% da representación sindical
A CIG sitúase como primeira forza na Construción na provincia de Pontevedra
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta