|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Rosa Abuín: Sobre todo a discriminación por razón de xénero que existe neste convenio. Este é un sector moi feminizado, onde o 85% do cadro de persoal está composto por mulleres. Porén, os seus salarios son moito máis baixos que os dos homes. Hai unha discriminación clara, sobre todo, entre os grupos de fabricación, onde son todas mulleres e no grupo de oficios varios, onde son todos homes. Non estamos xa dicindo que a igual traballo, igual salario, porque iso xa existe na Constitución e, precisamente, o convenio cremos que é anticonstitucional. O problema é o valor que se lle dá ao traballo da muller, moi inferior ao dos homes. Dáse a casualidade que as categorías máis baixas no grupo de oficios varios, onde son homes, cobran máis que na categoría máis alta do grupo de fabricación, onde son mulleres. Estamos falando dunha encargada ou mestra, que ten xa un traballo máis especializado fronte a un axudante de oficios varios. Alén dos cartos que cobra cada quen, para a CIG o máis importante é que non se asinen convenios onde se lexitiman estas discriminacións. Paula Castro: Quen asinou o convenio? Participou a CIG nas negociacións? Rosa Abuín: Asinaron o convenio CCOO, UGT e a patronal. A CIG participou nas negociacións e xa denunciamos no seu momento a discriminación que se recoñecía no texto. Malia todo, tanto CCOO como UGT pasaron por enriba do colectivo de traballadores e traballadoras. Nós chegamos a reunir 3.000 sinaturas que presentamos na Delegación de Traballo xa denunciando antes da aprobación definitiva do convenio esa discriminación existente. Malia todo CCOO e UGT asinárono sen contar coa maioría do sector. Paula Castro: Que significa para as traballadoras e traballadores galegos que as negociacións se leven en Madrid? Rosa Abuín: Implica que a negociación colectiva cada vez está máis lonxe dos traballadores e traballadoras. Non podemos esquecer que o 85% do sector está en Galiza, tanto en fábricas, como en man de obra ou en produción. A CIG considera que a Negociación Colectiva ten que estar preto dos traballadores/as, porén neste caso estamos ante un convenio que se negocia nun despacho en Madrid e que non valora nin consulta ao propio sector. Todos sabemos que canto máis lonxe estea dos colectivos afectados a negociación colectiva é moito peor, porque así se dá a sinatura destes convenios, que cada deixa máis vendidos aos directamente afectados (as traballadoras e traballadores).
Rosa Abuín: Non, para nada, é un convenio que se asinou por cinco anos e que só contempla un incremento salarial para o 2006 do IPC máis 0,5; IPC real máis 0,4 para 2007; IPC real máis 0,25 para o 2008, 2009 e 2010. Como se pode comprobar as traballadoras e traballadores están perdendo poder adquisitivo. É un convenio que queda hipotecado durante 5 anos sen que teñamos a posibilidade de levar adiante calquera tipo de reivindicación ou de acción sindical e, por suposto, para nada recoñece a realidade da negociación colectiva. Paula Castro: Cal é a situación das traballadoras e traballadores do sector conserveiro galego? Rosa Abuín: A situación cada vez é máis precaria. As reformas laborais que están asinando os sindicatos estatais afectan especialmente a un sector como o conserveiro. Pensemos no recorte das pensións. Sabemos que as máis afectadas pola contratación precaria son as mulleres. Non podemos esquecer que neste sector hai un colectivo importante de fixas-discontinuas, ás que afectan moi negativamente todas estas medidas. Antes unha traballadora da conserva, fixa–discotinua, para ter dereito a unha pensión precisaba cotizar 15 anos. Agora ten que ter 30 cotizados e deste xeito non vai poder chegar nin a cobrar unha pensión, e se chega a ela, será tamén moi precaria porque estamos falando precisamente, de que un dos grandes problemas son os seus baixos salarios. Paula Castro: A Saúde Laboral é outro dos cabalos de batalla no sector. Rosa Abuín: Esa é outra loita que estamos levando. No sector hai cantidade de enfermidades reumáticas que non están recoñecidas como enfermidades profesionais. Na negociación colectiva propuxemos que, cando menos, se creara unha comisión para estudar este problema e que se chegara ao recoñecemento destas doenzas como enfermidades profesionais. Iso non se levou a cabo e é unha loita que seguimos mantendo porque xa hai sectores que teñen recoñecida algunha enfermidade profesional como pode ser a silicose, na minería, mentres que no sector conserveiro non se recoñecen. Temos interposta algunha demanda e é unha reivindicación importante para este sector que seguiremos mantendo. Paula Castro: Ten incidencia no tipo de convenio e nas condicións laborais que este estabelece o feito de que haxa unha porcentaxe tan elevada de mulleres? Rosa Abuín: Danos a sensación de que a razón do que está ocorrendo no sector da conserva vén dado porque este sector, cando se creou, empregaba maioritariamente a mulleres, que estaban, xa daquela, cobrando a metade dos homes. O proteccionismo que tiñan os homes na conserva cara as mulleres, até a actualidade, non mudou. Por iso, agora que se están aprobando estas leis de igualdade non é de recibo que se manteñan as condicións que estabelecen este tipo de convenios colectivos. Crearon, con ese modelo histótico, un sistema de traballo que levaba parello unhas diferenzas salariais e iso é, precisamente, o que temos que cambiar. Concibíanse ademais os salarios das mulleres como unha compensación do salario principal, unha axuda aos ingresos da unidade familiar, e non como un salario en si mesmo. Danse mesmo casos nos que estando o compañeiro no paro e ela traballando séguese a considerar unha axuda ou complemento ao que cobra o home. Por iso entendemos que para nada axudamos a que muden as mentalidades coa sinatura de convenios colectivos destas características. Paula Castro: Que significa para a economía galega o sector conserveiro? E para as comarcas nas que están ubicadas as industrias? Rosa Abuín: Para Galiza é un sector fundamental. Non é só a transformación do produto do mar, senón tamén o que son as fábricas de envases que traballan para as empresas de transformación. Se non hai conservas, non hai envases e é todo unha cadea. As conserveiras galegas no ano 2005 tiveron o 60% da produción do conxunto da UE e o 17% da produción mundial. A nivel comarcal, hai zonas nas que é o sector principal. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/05/2007 |
||||
|