|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Así, máis alá do lóxico interese primeiro deste tipo de eleccións en que se vota a composición das corporacións locais dunha nova lexislatura, este proceso electoral pódese entender como unha certa reválida para o goberno bipartito da Xunta, de PSOE e BNG. Un goberno que se aproxima ao ecuador do seu mandato, coas súas luces e as sombras, dito sexa de paso. Con todo, o que parece seguro é que ambas as forzas no seu conxunto van ver validadas as súas expectativas de deixar afianzada unha posición de maioría respecto do PP, partido que todo indica -as enquisas están aí- que segue sufrindo un (lento) devalo en canto aos seus apoios electorais. Dos dous membros que conforman o goberno galego é o PSOE o que presenta unhas expectativas de medre máis sólidas, apoiadas na onda alcista na que parece estar instalado o partido do presidente da Xunta. No que toca ao BNG, os inquéritos apuntan a unha leve baixada global no número de votos, fundamentalmente nas cidades. Estamos, polo tanto, ante un escenario político que non se modifica substancialmente, para mágoa do PP, que busca recobrar como sexa o perdido hai catro anos a nivel municipal, así como preparar o terreo para a recuperación do goberno da Xunta, algo que parece que se vai ir afastando cada vez máis das expectativas reais para a forza conservadora. Mesmo está dentro do posíbel que o PP deixe escapar algunha das tres deputacións galegas que aínda controla, tras perder nos comicios de 2003 a deputación da Coruña, en favor de PSOE e BNG. Tampouco se ve que lle vaia funcionar ao partido de Núñez Feijoo o seu intento de enmarcar estes comicios no marco dunha confrontación bipartidista de carácter estatal, entre PP e PSOE, por moito que a estratexia de campaña elaborada na madrileña rúa de Génova tivese por obxecto facer destas eleccións locais -e autonómicas en varios territorios do Estado- unha especie de primarias da convocatoria de eleccións xerais do vindeiro ano. Aínda mantendo o tipo, o actual presidente do PP no noso país, Núñez Feijoo, vai quedar, con toda probabilidade, bastante tocado tras estas eleccións municipais, polo que vai ter certo interese ver como manobran no futuro outros sectores do partido que nunca viron con agrado que este fose o sucesor de Fraga á fronte da forza conservadora. Tamén é posíbel que nestas eleccións haxa un pequeno aumento da abstención, sobre todo nunha franxa de electorado situado no espectro da esquerda e o nacionalismo. Moita desta abstención virá motivada por mor de que o cambio político en Galiza non está á altura das necesidades e intereses destes sectores, que agardaban máis dos novos inquilinos da Xunta. Mesmo a lixeira repunta que os inquéritos albiscan nos apoios electorais de Esquerda Unida (fundamentalmente na cidade de Ferrol) parece que se explica por este descontento existente. En calquera caso, a gran preocupación pode estar na perda de apoios do nacionalismo e que se vaian consolidando en Galiza as tendencias da lóxica bipartidista, PSOE-PP, algo que sería nefasto para o desenvolvemento político-institucional da nación galega. É máis, se estas eleccións acabasen reflectindo unha baixa porcentual significativa do voto ao nacionalismo, sería urxente un debate a fondo sobre o que iso comporta e tentar deseñar unha estratexia que afortale o proxecto nacionalista no futuro máis próximo, con especial atención á propia base social do nacionalismo.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2007 |
||||
|