|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
O convenio do metal da provincia de Pontevedra, que apenas leva un ano dos tres de que consta a súa vixencia, foi un convenio dura e longamente pelexado na rúa polos traballadores, que puxeran como elemento central das súas reivindicacións o combate á precariedade laboral, que viña afectando a milleiros de traballadores do sector, na súa maioría xente moza. Así, outras reivindicacións referidas a aumentos salariais, xornada e outras condicións laborais, que normalmente cobran un protagonismo esencial nas negociacións dun convenio colectivo, deixaron paso a unha demanda como a da estabilidade laboral. Hai que lembrar que no convenio finalmente asinado existía un compromiso de pasar dun 30% a un 50% na contratación indefinida, ao tempo que se creaba unha bolsa de contratación destinada a asegurar maior estabilidade no emprego. Pasado un ano do seu asinamento, son os propios traballadores os que están a denunciar que diferentes empresas do sector naval están a incumprir aleivosamente o estipulado no convenio, no que a estabilidade laboral se refire. Afirmación esta que non está a ser negada desde a patronal do sector, patronal que mesmo era reticente a sentar coa representación sindical para ver de solucionar pola vía dialogada o conflito. No ánimo destes responsábeis das empresas do sector parece que pesaban as ganas de botar un pulso aos traballadores, a ver se estes recuaban na súa determinación de reclamar os puntos acordados no convenio. É por iso polo que os traballadores volveron tomar as rúas viguesas, nunha mobilización masiva que pretende demostrar unidade e firmeza en torno ás súas reivindicacións. Unhas reivindicacións que moi poucos discuten en canto á súa xusteza, por máis que, coma sempre, haxa quen poña en cuestión as mobilizacións en si. Suponse que por se tratar de traballadores na defensa dos seus dereitos e non, por exemplo, de siareiros de futbol a celebrar a vitoria do seu equipo. Nese sentido, de novo o papel da maioría dos medios de comunicación está lonxe duns mínimos de obxectividade e rigor, pola condena implícita que se fai continuamente ás mobilizacións levadas adiante polos traballadores. Así, non se informa correctamente das súas reivindicacións, pero, en troca, magníficanse episodios menores que se dan no contexto do conflito, na procura de descualificar as propostas dos traballadores. Nada falan tampouco de como me xestan estas mobilizacións, da altísima participación dos traballadores afectados ou do custo (tamén económico) que lles ten a estes as xornadas de folga. Con todo, a maior obscenidade que se fai por parte dos medios, e de determinados sectores, é a de criticar abertamente a pertinencia das mobilizacións, apelando á certa bonanza que parece vivir o naval nos últimos anos, cunha importante carga de traballo para as empresas do sector. E é precisamente esa mesma bonanza a que amosa, de maneira espida, o inxusto dun estado de cousas no que, mentres uns acumulan máis e máis beneficios (os empresarios), outros (os traballadores) están condenados a permanecer nunha situación de condicións precarias, tanto laboral como salarialmente. Velaí a verdadeira raíz deste conflito, que dito sexa de paso é un conflito que ilustra a vixencia das análises marxistas acerca da loita de clases, transpostas ao contexto da Galiza de comezos do século XXI. Os que teiman en enterrar estas teorías, ou en negalas, acaban batendo indefectibelmente co día a día da clase traballadora. Un día a día de resistencia aos embates da usura do capital... que non cesa.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2007 |
||||
|