|
Actualidade CIG-Comunicación-
Segunda xornada de folga no sector da Construción da provincia de Pontevedra e novo éxito en canto ao paro xeneralizado no sector, nas obras das grandes empresas construtoras e en todas aquelas obras visíbeis nas cidades e vilas da provincia. De novo, ás sete e media da mañá comezaban os distintos grupos de piquetes a dividirse nas distintas zonas para percorrer as obras, aínda que este xoves moitas xa aparecían pechadas. De todos xeitos, pódese sinalar que nesta segunda xornada se ampliou o radio de acción dos piquetes, que chegaron a outras zonas onde o mércores non tiveran capacidade de chegar. É de salientar a capacidade de acción dos piquetes na zona do Salnés, onde este xoves paralizaron todas as obras das grandes empresas, e bloquearon a actividade das empresas que están a realizar os recheos no porto de Vilagarcía (Expanosa e Excavaciones Marco), así como as obras da vía rápida do Salnés, entre outras.
Este xoves desde as doce da mañá concentráronse de novo os traballadores do sector, máis de 500 persoas, que amosaban a súa satisfacción pola incidencia da folga e que cortaron o tránsito no centro de Vigo durante máis dunha hora.
Xosé Xoán Melón, secretario nacional da CIG Construción, avaliaba á tarde estas dúas xornadas das que dixo que “só se pode facer unha valoración positiva, porque a pesar das dúbidas, por falta de referencia no tempo dunha mobilización destas características no sector, superou as expectativas creadas. Paralizouse totalmente o sector en zonas nas que non se parara na primeira xornada este xoves”. Melón manifestaba tamén que “estabamos acertados ao convocarmos esta folga, porque veu demostrar que a xente está moi cansa da situación do sector e ve en nós a posibilidade de inverter a situación actual”. Melón destacou sobre todo desta folga “a resposta positivísima da xente do sector”. Así mesmo falou dos prazos marcados e o camiño que se abre despois deste conflito: “a semana que vén imos contactar coa patronal, porque agardamos que tomaran nota do acontecido; contactaremos tamén coa Administración, por se houbera algunha nova interlocución ou camiño posíbel neste sentido; e falaremos cos outros dous sindicatos, para ver se teñen vontade de modificar a súa actitude e se queren unirse, porque nós a isto queremos darlle continuidade”. Nese sentido, Melón volveu falar de que se non hai cambios a CIG aposta pola convocatoria dunha folga indefinida no sector da Construción a partir de segunda quincena de xuño. |
|||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2007 |
|||||||||||||||||||||||
|