|
Actualidade CIG-Comunicación-
Trátase dunha facultativa con anos de interinidade que solicitou ao SERGAS que se habilitaran os mecanismos necesarios para poder acceder á OPE que coincide coa data prevista do parto. Porén, malia terse dirixido á Administración en varias ocasións non recibiu resposta algunha. “Entendemos que é unha clara falta de vontade por parte do SERGAS e resúltanos ademais paradóxico porque hai moi pouco tempo que entrou en vigor a Lei de Igualdade en Galiza. Unha lei na que se recollen toda unha batería de propostas dirixidas a acadar a igualdade das mulleres no mundo laboral”, sinala a secretaria confederal Elvira Patiño. Patiño considera que a Administración podería, sen dificultade algunha, desprazar a unha persoa á mesma hora das probas e co mesmo exame ao hospital para que esta muller puidera participar na convocatoria. Pola súa banda, Mª Xosé Abuín, membro da Executiva de CIG-Saúde, matiza que “neste caso aféctalle ao SERGAS, pero a Administración no seu conxunto debe dispor dos mecanimsos necesarios para poder facilitar que o mesmo día do exame calquera muller embarazada poida facer as probas nunhas condicións óptimas”. A excusa coa que xustifica o SERGAS a súa inhibición neste asunto é que a convocatoria non prevé esta situación, pero Abuín afirma que “unha convocatoria non está por riba da lei e a lei protexe a maternidade”. Ademais lembran que en casos semellantes membros do tribunal téñense desprazado aos centros hospitalarios para posibilitar que persoas que estaban imposibilitadas para concorrer ao exame puideran realizalo. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2007 |
||||
|