|
Actualidade CIG-Comunicación-
Despois da conflitividade social que sacudiu a Caixa Galicia durante o ano 2006 e neste ano 2007, “as cartas estaban sobre a mesa”. Dende primeira hora da mañá, convocados pola Sección Sindical da CIG, medio cento de delegados e delegadas sindicais concentráronse no Cantón Grande en A Coruña nas portas da Fundación Caixa Galicia. Durante a ruidosa concentración, encabezada por unha pancarta co lema “Queremos traballar en paz, abonda de presión e acoso laboral en Caixa Galicia”, os representantes do persoal corearon lemas denunciando a grave situación laboral e de apoio a FOLGA na Caixa Galicia anunciada ao cadro de persoal pola CIG. As 11:30 horas os representantes do persoal elixidos co apoio da CIG (os sindicatos non poden presentarse as eleccións para os órganos de goberno), accederon a Asemblea entre os berros de apoio dos alí concentrados. Despois dunha longa exposición por parte do director, na que tiveron un gran protagonismo as cuestións laborais, interveu un representante de CCOO que despois de criticar a xestión económica e a situación laboral, anunciou o voto negativo á xestión do exercicio 2006. Posteriormente interveu Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, como voceiro dos representantes do persoal da CIG quen, na súa intervención crítica coa reconversión da empresa, acusou á Dirección de ter aberto inexplicablemente unha guerra contra o persoal en base a dúas premisas falsas: que este traballa pouco e mal. Denunciou tamén os 600 ceses e traslados efectuados pola empresa no último ano, nomeadamente de Directores e Interventores con moitos anos de servizo e entrega a Caixa. En moitos casos os traballadores e traballadoras foron cesados sen coñecer o novo destino tendo como única explicación que non dan o perfil requirido, curiosamente a maior parte das persoas tiñan máis de 50 anos. Posteriormente denunciou a creación de departamentos burocráticos que teñen como único obxectivo presionar ao persoal para que cumpra os leoninos obxectivos impostos pola Dirección. As persoas destes departamentos non dubidan en ameazar, descalificar e incluso chegan a raiar o insulto, no trato co persoal da rede comercial. Neste senso denunciouse que aínda a semana pasada persoal temporal da Caixa foi ameazado con despedidos si non vendían 5 televisións no prazo dunha semana. Na súa intervención o representante da CIG anunciou a convocatoria de FOLGA e tendeu a man a Dirección para poder chegar a un acordo que solucione a problemática denunciada. Pediu tamén ao presidente da Entidade que medie entre a Dirección Xeral e a representación sindical para impedir que por primeira vez na súa historia Caixa Galicia teña que enfrontarse a unha Folga. Na súa replica o director xeral acusou á CIG de lanzar unha soflama demagóxica e de estar lonxe da realidade laboral da Caixa. E dixo que en contra do proclamado polos representantes dos traballadores e traballadoras, o clima laboral de Caixa Galicia é magnifico e que o persoal apoia a súa xestión. Anunciou tamén que a política laboral non vai cambiar e que a convocatoria de Folga sería un grave erro por parte da CIG. Tal e como tiñan anunciado previamente os representantes do persoal da CIG e CCOO votaron en contra da xestión da actual equipa Directiva, feito inédito na historia da Entidade. O presidente solicitou o nome e apelidos das persoas que votaron negativamente para facelo constar en acta. Pola contra non houbo votación a favor, nin houbo reconto do número de conselleiros presentes na sala. Deste xeito a CIG inicia o calendario de mobilizacións que, no caso de que a empresa continúe pechada á negociación, rematará coa convocatoria da primeira Folga na historia da Caixa de Aforros de Galicia. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||
|