|
Actualidade CIG-Comunicación-
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, participou na reunión con ADIF e declarou, ao remate da mesma, que “ao Ministerio de Fomento e a Xunta non lles queda máis remedio que modificar o trazado”. Seixo asegurou que o Goberno español ten que reconsiderar o trazado actual do AVE no caso de confirmarse que a zona afectada é a de maior valor mineiro, tal como defenden os traballadores. Nesta superficie é onde se extrae o silicio de máis calidade que, ademais, é apto para a súa transformación en paneis solares. “O presidente de ADIF díxonos que non quere que se perdan postos de traballo. Pois a ver se é certo e realmente lle importan os traballadores”, subliñou Seixo. O secretario xeral da CIG explicou que o novo informe de impacto será elaborado por técnicos da Xunta e por expertos propostos polos sindicatos, ademais do mesmo persoal da Universidade de Oviedo que fixo o estudo para ADIF no que tan só valora nun 10% a superficie afectada da mina. Porén, Seixo adiantou que, se ADIF non cumpre co compromiso adquirido o 5 de xuño en A Coruña, os traballadores retomarán novamente as medidas de presión na defensa dos seus postos. Ao mesmo tempo que se estaba a celebrar esta xuntanza na Delegación do Goberno español, no exterior, uns catrocentos operarios procedentes de Arteixo, Cee e Vedra cortaron o tráfico na Praza de Ourense en dúas ocasións ao longo da tarde, para visibilizar o seu enfado perante a falta de compromiso de Fomento e do presidente do Goberno galego.
Os traballadores da mina de Serrabal e de Ferroatlántica en Cee e Sabón (Arteixo) ocuparon, desde a mañá até a tarde do 5 de xuño, os concellos de Cee, Vedra e Arteixo co obxectivo de que estas corporacións municipais esixan á Xunta de Galiza un posicionamento sen ambigüidades sobre o cambio de trazado do TAV ao seu paso pola mina de Serrabal. Estes concellos xa aprobaron no seu día mocións a favor da modificación da liña e en defensa dos postos de traballo. Esta foi a primeira acción que realizaron despois de que anunciasen días atrás que ían retomar as mobilizacións, logo de que a ministra de Fomento declarase no Congreso a súa oposición ao cambio de trazado porque, segundo ela, demoraría o remate das obras en dous anos. Fronte ás declaracións da ministra, os traballadores consideran imprescindíbel que se garanta a explotación de Serrabal para que se manteñan os postos de traballo e que se poida seguir extraendo o mineral do que se obtén o silicio solar, a partir do que se fabrican os paneis solares. Este mineral, pola súa altísima calidade e pureza, ten un valor no mercado, por tonelada, de entre 100.000 e 150.000 euros mentres que o prezo do seixo normal oscila entre os 3.000 e 3.500 euros por tonelada. A afectación da mina por esta infraestrutura tería repercusións tamén nas fábricas de Ferroatlántica en Sabón e Cee. De feito, os traballadores entenden que suporía unha grande perda polos investimentos que ten feito a propia Xunta de Galiza en concepto de I+D na planta de Sabón, onde se construíron tres novos fornos destinados precisamente á produción de silicio solar. Serrabal é a única explotación mineira na que se obtén silicio solar de toda Europa. De pecharse a mina, o mineral podería traerse de Sudáfrica. Porén os custos por tonelada e os custos do transporte non farían rendíbel manter a fabricación na Galiza e imposibilitarían, a maiores, que no país se puidese afianzar a fabricación das placas solares. Unha industria punteira, máis nun momento no que se están poñendo en marcha planos para diversificar as fontes de produción enerxética. Por iso, os traballadores esixen do Goberno galego que se posicione, non sobre o problema técnico que puidera derivar da modificación do trazado, senón mesmo sobre as alternativas laborais e industriais que se frustrarían se este non se cambia.
Os traballadores de Serrabal demandan, ademais, o mantemento dos seus postos de traballo pero tamén os que se poderían xerar no futuro. Parten da evidencia de que tanto o Concello de Vedra como o Concello de Boqueixón pertencen a unha comarca case sen industrializar, onde esta mina é das poucas alternativas laborais que existen. Preguntados sobre as alternativas existentes na zona no caso de confirmarse o peche da explotación, son contundentes: “o único que quedaría para nós e para os nosos rapaces sería emigrar a Canarias”. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||
|