ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 20 de xuño de 2007

Catro concentracións diante do CHOU
As traballadoras de limpezas hospitalarias mobilízanse pola negociación do convenio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Limpeza hospitais, convenio xa!; clic para aumentar
Estas mobilizacións, convocadas polo Comité de Empresa (no que a CIG é maioritaria), xorden despois de romper as negociacións cando a empresa principal anunciou na mesa de negociación do Convenio que non ía haber ningún tipo de suba salarial. (Foto: Concentración diante da entrada principal da “Residencia” de Ourense).
Limpeza hospitais, convenio xa!; clic para aumentar
Manifestación polo Complexo Hospitalario.
Limpeza hospitais, convenio xa!; clic para aumentar
Parada diante do Edificio Administrativo.
Limpeza hospitais, convenio xa!; clic para aumentar
Este mércores 20 de xuño na quenda da mañá e na quenda da tarde haberá asembleas de traballadoras para decidir que mobilizacións levar adiante, e de continuar nesta situación de inmobilismo por parte da empresa a opción principal que se baralla é a da convocatoria dunha folga. (Foto: Concentración á entrada do Hospital Santa Maria Nai. ©galizacig.com 18/06/2007).
Limpeza hospitais, convenio xa!
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 2'24'', espazo en disco: 9.638.047 bytes [9,19 Mb]). Realización: Pequeno.
 
A semana pasada en dúas ocasións e este luns 18 de xuño e o martes 19 as traballadoras do servizo de limpezas hospitalarias saíron ás portas do Complezo Hospitalario de Ourense a manifestarse pola negociación dun convenio, que ás empresas concesionarias se negan a dialogar, e non prevén ningún tipo de incremento salarial.

As máis de 170 traballadoras da limpeza do Complexo Hospitalario de Ourense están en pé de guerra, e así o demostraron nesta semana e a pasada con concentracións ás portas da Residencia, de dez a once da mañá na que os berros contra a empresa (“Ute fora!, Ferpesa Astraco, isto é un atraco!”) e polo convenio (“Convenio xa!, Para limpar hai que cobrar”) son continuos, acompañados de chifres e moito ruído.

Estas mobilizacións, convocadas polo Comité de Empresa (no que a CIG é maioritaria), xorden despois de romper as negociacións cando a empresa principal anunciou na mesa de negociación do Convenio que non ía haber ningún tipo de suba salarial.

Carlos Vázquez, da Executiva Comarcal e da Federación de Servizos da CIG, informou de que “neste momento o conflito está nun impase do que puidera ser a preparación dunha convocatoria de folga. Levamos catro días de mobilizacións, non temos ningunha noticia nin por parte da empresa nin por parte do responsábel do Sergas nin da Delegación de Traballo e agardamos que de aquí ao mércores haxa novidades, xa que ese día é cando se decidirá se é que hai esa folga ou que tipo de mobilizacións hai que facer. Agardamos algún tipo de noticias porque neste momento o convenio está paralizado, a empresa maioritaria ou as empresas que forman parte do convenio colectivo non queren incrementar o salario, non queren negociar nada das plataformas presentadas e polo tanto imos continuar até obrigar a esas dúas empresas concesionarias a que negocien o convenio, recalcando que en vinte ou máis anos que levamos de convenio colectivo nunca foi necesario chegar a esta situación porque as empresas xa saben que estas traballadoras teñen equiparación co persoal do grupo E do Sergas, saben perfectamente que todos os anos teñen que facer ese aumento e nunca houbo ningún problema, e de feito non hai ningunha razón para que así non se faga pois eles xa o tiñan que ter previsto”.


Ferpesa Astraco, empresa principal do conflito

Sobre os motivos presentados por estas concesionarias para pecharse na cuestión da suba salarial, Carlos Vázquez apunta a que “a empresa principal alega perdas, a outra non deu razóns. A empresa principal nun auto informado por Ferpesa (empresa de limpeza) e Astraco (empresa da construción) que é a que limpa o Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), pois eles din que teñen perdas pero nin están demostradas nin nós somos responsábeis de que eles cando concursaron pola concesionaria da limpeza foron á baixa, que esa é a razón fundamental do problema”.

Nese sentido, Vázquez incide en que “a empresa principal (Ferpesa Astraco) xa denunciou a adxudicación, eles decidiron marchar, neste momento están obrigados a manter o servizo de limpeza en canto non se adxudique outra contrata e esa é a situación. Hai que pensar que até que se adxudique de novo, con todos os trámites administrativos que hai que facer, teñen que botar bastante tempo, polo que nós pedimos que se negocie agora o convenio, ao final van ter que pagar os atrasos, polo tanto non entendemos a postura”.


Mobilizacións moi positivas

Carlos Vázquez avaliaba tamén estas concentracións, catro en dúas semanas, sinalando que “as mobilizacións están a ser moi positivas, xa que está a participar case o 100% do persoal. As concentracións estanse a facer na hora que teñen de descanso para o bocadillo, e relévanse co persoal que vai traballar á tarde, e está a participar todo o mundo. Lamentamos unicamente o problema no Barco onde a CIG non ten representación, e cremos que non se están a mover”.

Este mércores 20 de xuño na quenda da mañá e na quenda da tarde haberá asembleas de traballadoras para decidir que mobilizacións levar adiante, e de continuar nesta situación de inmobilismo por parte da empresa a opción principal que se baralla é a da convocatoria dunha folga, cuestión que será debatida nestas xuntanzas.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta