ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 14 de xuño de 2007

Concentracións diante das instalacións
Folga masiva en Ferroplast por un convenio que recolla as demandas salariais e laborais dos traballadores/as

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xornada de folga en Ferroplast O Porriño; clic para aumentar

Xornada de folga en Ferroplast por un Convenio dignoDescarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 1'24'', espazo en disco: 9.467.510 bytes [9,02 Mb]). Realización: Pequeno.

Xornada de folga en Ferroplast O Porriño; clic para aumentar
Na xornada de folga deste mércores, desde á primeira quenda de traballo ás seis mañá fixéronse asembleas informando da situación actual das negociacións do Convenio de Ferroplast, repartindo panfletos e con concentracións diante das instalacións durante todo o día. (Fotos: ©galizacig.com 13/06/2007).
  Xornada de folga en Ferroplast O Porriño; clic para aumentar
  Dous directivos da empresa, con bata branca, saíron ao exterior de Ferroplast, e un deles increpou aos traballadores en folga que estaban ali concentrados .
   
Este mércores 13 de xuño e o xoves 14 a CIG convocou folga na fábrica de Ferroplast despois dun intenso período de infrutuosas negociacións polo Convenio propio desta empresa do Metal situada en O Porriño. O seguimento da folga foi moi maioritario e este xoves continuarán as mobilizacións e asembleas de traballadores e traballadoras.

Hai máis dun mes que comezaron as negociacións polo convenio da empresa, que desde un comezo foron moi complexas. Como a empresa non atendía as demandas dos traballadores e traballadoras, decidiron deixar de facer horas extras, e comezaron a ter problemas de atención ao cliente.

Como nas xuntanzas continuaba sen haber avances, desde o Comité de Empresa decidíronse apurar os prazos e puxéronse nun papel os mínimos que eran esixíbeis. Neste punto, deron unha semana de prazo, pero a empresa non contestou, polo que se deu o paso de convocar a folga.

As negociacións colapsáronse na cuestión da suba salarial, xa que desde a empresa non admiten a última proposta dos traballadores, que aceitaban unha proposta mínima dun ano de convenio e 1.000 euros para todos os traballadores e traballadoras en 14 pagas, e a súa única proposta é a dun convenio a tres anos, con subas salariais dun máximo de tres puntos e medio, e dous puntos que estarían suxeitos aos obxectivos de Citroën, algo inasumíbel xa que dependerían sempre dun terceiro para o seu salario final.


Reclamacións dos traballadores/as

As reclamacións que desde o Comité de Empresa (no que a CIG ten 10 delegados/as, UGT 2 e CCOO 1) se realizan son as seguintes:

  • Un incremento salarial, porque a xente depende das horas extras e do traballo nocturno para ter un salario mínimo, xa que nos dous últimos anos pola situación da empresa houbo un incremento moi baixo, e o seu salario base é de 930 euros. Perderon nestes dous últimos anos 600 euros con respecto ao resto do sector do Metal. Ademais estes traballadores e traballadoras agardan con este convenio recibir un salario que recolla a súa ocupación laboral, que está suxeita á produtividade, porque non poden parar sempre suxeitos a unha cadea, e polo tanto, contan con que sexa recompensado este esforzo. Nese sentido, o obxectivo do Comité de Empresa é absorber esa carencia de salario que se tivo durante estes dous últimos anos.

  • Anulación da subcontratación dentro do proceso produtivo: estase a subcontratar á xente para ter persoal máis barato dentro de Ferroplast.

  • Reclaman que os eventuais teñan un contrato mínimo dun ano, para que puideran estes traballadores e traballadoras ter dereito a cobrar a prestación por desemprego.

  • Que a xornada estivera regulamentada, que non existan calendarios distintos para os traballadores e traballadoras, e que a xornada sexa de luns a venres, agás nos casos necesarios de mantemento da cadea ou doutro tipo de traballos necesarios nas quendas da fin de semana.

  • Aumento das vacacións, xa que estes traballadores e traballadoras son dos que máis traballan no sector da automoción.

Por estes motivos foron á folga este mércores, e aínda que o grande escollo é a cuestión da suba salarial, están á espera de que se retomen ás negociacións que se romperon este martes, despois de todo un día de xuntanzas coa dirección da empresa e da asembleas cos traballadores e traballadoras.

Este mércores desde á primeira quenda de traballo ás seis mañá fixéronse asembleas informando da situación actual das negociacións, repartindo panfletos e con concentracións diante das instalacións durante todo o día. O seguimento da folga foi amplísimo xa que de feito só houbo cinco traballadores no interior da fábrica, algún sindicalista de UGT e CCOO e técnicos, que mandaron á casa ás seis da tarde para pechar ás instalacións da fábrica.

A convocante destas mobilizacións é a CIG, xa que UGT, pouco antes da folga fixo público un comunicado no que sinalaba que non “era o momento” desta mobilización.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta