|
Actualidade
A Coruña, 30 de xuño de 2007
Pídenlle á Corporación
municipal que inste á Autoridade Portuaria a que realice un adianto das indemnizacións
Os mariñeiros afectados polo Porto Exterior coruñés reúnense co PSOE local
| |
 |
| Os mariñeiros solicitáronlle a
Carmen Marón a presentación dunha moción no pleno municipal na que se lle esixa á Autoridade
Portuaria un adianto das indemnizacións para o colectivo. (Foto:
Concentración de afectados/as polas obras do Porto Exterior de A Coruña, o 24 de abril de 2007. ©galizacig.com). |
| |
Unha representación do colectivo de mariñeiros
e percebeiros afectados polas obras do Porto Exterior coruñés e o seu representante legal, Paulo
Carril, reuníronse o 29 de xuño coa portavoz municipal do PSOE, Carmen Marón, para tratar
de obter o apoio do seu grupo político ás demandas destes traballadores do mar.
Os mariñeiros solicitáronlle a Carmen
Marón a presentación dunha moción no pleno municipal na que se lle esixa á Autoridade
Portuaria un adianto das indemnizacións para o colectivo. Paulo Carril, representante legal dos mariñeiros
e secretario comarcal da CIG, avaliou como positivo este encontro e manifestou que a voceira socialista amosou
disposición para presentar a devandita moción. Carril tamén salientou que esta foi a primeira
vez que o colectivo de afectados é recibido por representantes do PSOE coruñés. Informou,
ao mesmo tempo, da necesidade de que os tres representantes do Concello de A Coruña no Consello de Administración
da Autoridade Portuaria demanden o adianto das compensacións.
O secretario comarcal da CIG lembrou que 200 traballadores
do mar están a sufrir as consecuencias do cesamento forzoso da súa actividade en Punta Langosteira,
lugar onde están emprazadas as obras da dársena exterior. Recordou tamén o estudo da Universidade
de Santiago de Compostela que estima en 27 millóns de euros os danos ocasionados ao colectivo.
Carril responsabilizou novamente o presidente
do Porto coruñés, Macario Fernández-Alonso, da demora na resolución do conflito. Acusouno
de manter unha actitude “lamentábel” e de non coñecer a Lei. Fernández Alonso xustifica o
impago os mariñeiros sinalando que o Consejo de Estado aínda non emitiu un dictame sobre as indemnizacións.
Porén, a lexislación vixente indica que unha vez remitido un informe ao Consejo de Estado só
é preceptivo agardar polo seu dictame nun prazo máximo de dous meses. Transcorrido este tempo, a
Lei permite “proseguir as actuacións, calquera que for o carácter do informe solicitado”. No caso
de Punta Langosteira o pronunciamento deste organismo estatal xa se demora dez meses.
Contactos cos grupos municipais coruñeses
A xuntanza mantida co PSOE de A Coruña
está enmarcada dentro da rolda de contactos que están a facer os afectados cos diferentes grupos
municipais da cidade. Días atrás xa se entrevistaran con representantes do BNG e do PP.
|