|
Actualidade CIG-Comunicación-
O pasado 30 de maio a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, manifestaba -en resposta a unha pregunta parlamentaria realizada polo deputado nacionalista Francisco Rodríguez- a súa oposición a modificar o trazado do TAV ao seu paso pola mina de Serrabal porque suporía unha demora de 2 anos nas obras. As declaracións de Álvarez eran recibidas con sorpresa e indignación polos traballadores de Serrabal e de Ferroatlántica en Cee e Sabón. Máis tendo en conta que, a estas alturas, aínda non recibiron resposta do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que se comprometera, a finais de abril, a solicitar de Fomento un informe no que se avaliara a demora que provocaría o cambio de trazado nos 8 quilómetros afectados entre Vedra e Boqueixón para valorar a posibilidade de mudalo. Por iso, CIG, UGT e os tres Comités de Empresa implicados presentaban na mañá de onte, en rolda de prensa, a súa posición a respecto destas declaracións.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, avaliou que a ministra de Fomento “manifestou un profundo desprezo cara os traballadores, as centrais sindicais e a propia Xunta de Galiza” coa súas “desmedidas” declaracións. Para Seixo a dúbida é se desde o Goberno galego se fixeron realmente as xestións comprometidas hai máis de un mes ou se, pola contra, o compromiso de Touriño non foi máis que unha “calculada resposta para evitar problemas durante a campaña electoral”. Cómpre lembrar que os traballadores -para que o tema de Serrabal non puidera ser utilizado durante a campaña electoral por algunha forza política e confiando no cumprimento do compromiso adquirido polo presidente da Xunta- decidiron non mobilizarse ou pronunciarse publicamente malia a ausencia dunha resposta ás súas demandas desde o Goberno.
E é que no fondo do asunto, e tal como explicou o secretario xeral da CIG, o cambio de trazado non é só un problema técnico ou un problema dos traballadores. “O problema é mesmo de Galiza”, dixo, “porque esta é unha infraestrutura estratéxica para o noso desenvolvemento económico”. Mantendo o trazado actual poríase en perigo
a explotación do seixo de máis calidade da mina de Serrabal, do que se obtén o silicio solar,
que é o material a partir do que se fabrican os paneis solares. Poríanse en perigo tamén os
postos de traballo directos pero ademais, poríanse en perigo os proxectos industriais de Ferroatlántica
en Cee e Sabón. Trátase pois dunha decisión política e non unha decisión técnica, xa que a Xunta de Galiza debe pronunciarse sobre se aposta ou non por pular por unha alternativa industrial punteira a nivel mundial ou se, pola contra, opta por defender un cambio de trazado que supostamente demoraría o remate das obras do Tren de Alta Velocidade en Galiza. E na rolda de prensa empregouse a mantenta o “supostamente”, porque non semella un problema para o cumprimento dos prazos -segundo explicou o secretario comarcal da CIG en Compostela Anxo Noceda- a modificación do trazado ao seu paso por Lalín para preservar un castro; que non estea aínda aprobada a estación de Ourense porque nin se sabe por onde entrará o tren ou que estea sen licitar a estación de Santiago de Compostela. “Parece que todas as demoras estarían provocadas polo cambio de trazado nos 8 quilómetros que afectan á mina”, afirmou.
Os traballadores tamén quixeron desmontar os ruxe ruxe sobre a súa hipotética connivencia co empresario. Diante disto, quixeron deixar ben claro que Villar Mir xa ten a vida solucionada e non depende desta mina para seguir enriquecéndose. Ademais lembraron que no caso de que se efectivizara a expropiación disporía dunha contiosa indemnización –valorada entre os 300 millóns de euros e os 900- e xa ten garantida a concesión para a construción de varios tramos do trazado do TAV. Pero aínda que fose certa a demora de dous anos que provocaría o cambio de trazado neste tramo, os traballadores entenden que iso non afectaría ao conxunto da obra, cun prazo de execución previsto que vai ben máis alá do 2010. Por iso, e malia responsabilizar directamente ao Ministerio de Fomento, antes en mans do PP e agora do PSOE, pero tamén á Xunta de Galiza, os traballadores acordaron iniciar novamente mobilizacións. A súa intención é presionar ao Goberno galego para que decida se é asumíbel ou non un posíbel atraso das obras, a cambio de manter os postos de traballo, os recursos minerais e os procesos industrais derivados, e que esa decisión sexa transmitida coa necesaria contundencia á Administración central. |
||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/06/2007 |
||||||||||||||||||||||||||||||
|