|
Actualidade CIG-Comunicación-
“Debe clarificarse o nivel de explotación actual, o nivel de afectación do trazado do TAV, os anos reais de explotación que quedan, como vai incidir iso nos postos de traballo, que é o que se vai extraer durante este período, as calidades do material e pór tamén sobre a mesa un plan de viabilidade non só para a mina senón tamén para as fábricas de Cee e Sabón”. Así resumía o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, as demandas dos traballadores. Demandas derivadas da confusión provocada polo cúmulo de informacións contraditorias que nos últimos días veñen facendo públicas os medios de comunicación. Unhas informacións que se produciron logo de que se celebrara a xuntanza prevista cos técnicos do ADIF, os técnicos propostos polas organizacións sindicais CIG e UGT, das Universidades de Vigo, Santiago e Madrid, representantes dos comités de empresa e representantes sindicais. Nesa xuntanza, na que se pretendía clarificar cal era o nivel de afectación real da mina e as consecuencias que podía ter para o emprego, os traballadores atopáronse coa sorpresa dun informe presentado pola propia empresa á Consellaría de Industria solicitando a prórroga da concesión da explotación por outros 30 anos, no que non se facía mención algunha á porcentaxe de afectación. Un informe completamente descoñecido polos traballadores que foi utilizado pola administración e o ADIF para minusvalorar as demandas dos afectados. Esa non foi a única sorpresa coa que se atoparon os traballadores na reunión. Outro dos compromisos adquiridos polo ADIF era presentar o informe realizado pola Universidade de Oviedo no que se asegura que a afectación do trazado do TAV sobre a explotación mineira é mínima. “Un informe que solicitamos en reiteradas ocasións e que non se presentou. Ensinóusenos simplemente un mapa cuns planos da mina e a suposta afectación. Porén, cando dixemos que queríamos o informe completo porque un mapa non era reflexo de nada dixéronnos que era dabondo. Ese informe custou 400.000 euros e supoñemos que terá algúns datos máis que un simple mapa”, afirma Suso Seixo. Nesa xuntanza tampouco se explicitaron os prazos previstos para o remate dos outros tramos do trazado do TAV. Datos imprescindíbeis para verificar se realmente o atraso que suporía cambiar o trazado ao seu paso por Serrabal implicaría un atraso no conxunto da obra ou non. En todo caso para traballadores e representantes sindicais, sendo importante a vida da mina, tamén o é especialmente a calidade do material que se vaia extraer dela. De Serrabal obtéñense varios tipos de seixo: ferro de silicio, silicio metal estándar ou silico metal fotovoltaico. Segundo os datos dos que dispoñen os traballadores, a parte da mina afectada sería precisamente na que está a principal veta do seixo de maior calidade, do que se obtén o silicio solar. No centro de Sabón estaba previsto instalar xa uns fornos para a produción de silicio solar, un proxecto que, de ir adiante, garantiría a creación de novos postos de traballo e o peche do ciclo produtivo no noso país. Porén, o presidente do Comité de Empresa de Sabón recibía o luns 25 de xuño, da propia empresa, a desagradábel noticia de que Ferroatlántica viña de tomar a decisión de trasladar para Sudáfrica e Francia as plantas de produción de silicio solar. Unha noticia negativa non só para os traballadores senón tamén para o propio país. A viabilidade das plantas de Ferroatlántica en Cee e Sabón dependen ademais da continuidade da mina de Serrabal, xa que é onde se transforma o material que se extrae desta. Por iso, para traballadores e representantes sindicais é fundamental que se calrifique a situación. “Para falar cun mínimo de obxectividade nun conflito como este, no que hai un mar de dúbidas, é imprescindíbel que tanto a Administración como a empresa expoñan todos os datos dos que dispoñen. É a súa responsabilidade, non a nosa. A nós o que nos preocupa é ter garantía de continuidade dos postos de traballo e da actividade industrial”, conclúe Seixo. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/06/2007 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|