Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 8 de xuño de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Ferrolterra: E se Reganosa é unha bomba de reloxaría?

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O Goberno da Xunta debe ser quen de mediar entre as partes e contribuír a arbitrar unha solución ao conflito da planta de gas, solución que é inescusábel que terá que conxugar os intereses industriais e estratéxicos cos ambientais e veciñais. E desde logo o que si xa non ten cabida é o xeito en que se está a exercer a represión sobre unha mobilización social que é obvio que nin carece de lexitimación nin de razóns.



  Manifestación contra planta gas Reganosa, clic para aumentar
O Goberno da Xunta debe ser quen de mediar entre as partes e contribuír a arbitrar unha solución ao conflito, solución que é inescusábel que terá que conxugar os intereses industriais e estratéxicos cos ambientais e veciñais. E desde logo o que si xa non ten cabida é o xeito en que se está a exercer a represión sobre unha mobilización social que é obvio que nin carece de lexitimación nin de razóns. Calquera paso que se dea noutro sentido será sempre un paso atrás, que pagaramos todos e todas.
 
O pasado domingo 3 de xuño unha maré de xente volvía manifestarse contra a instalación da planta de gas de Reganosa na ría de Ferrol, concretamente en terreos -e mares- do veciño concello de Mugardos. Non era esta a primeira manifestación en contra da planta de gas, pero se cadra si a máis numerosa, xusto no momento en que a devandita planta comezou a recibir a chegada dos primeiros gaseiros, que entraron finalmente no medio das protestas dunha boa parte da veciñanza ferrolá.

A regasificadora de Reganosa na ría de Ferrol é unha das ‘patacas quentes’ que o Goberno do PP de Fraga deixou ao bipartito. Mentres había unha opinión case xeneralizada de que a localización lóxica e posíbel da planta de gas debería ser o porto exterior de Ferrol, os anteriores inquilinos da Xunta apostaron por situala onde as pretensións do Grupo Tojeiro, isto é, en plena ría. A contestación social a esta localización da regasificadora, curiosamente, está a ter o seu punto máis álxido nestes momentos, en que se intensifica o emprazamento ao actual Goberno da Xunta para que aborde a cuestión da planta de gas poñendo sobre a mesa posíbeis solucións á planta, á súa localización e á seguridade que oferece.

É ben lembramos que a discusión arredor da planta de gas -que viñese a completar ciclos combinados no noso país- foi unha discusión interesadamente truculenta, na que se superpuxeron intereses de carácter enerxético e industrial a intereses cidadáns e de preservación do medio natural. Así, primouse unicamente o carácter estratéxico da regasificadora, á vez que se deixaba de lado a discusión sobre a súa idónea localización. Mentres se construía a planta en Mugardos, non cesaban as protestas, aínda que o eco mediático era escaso. Isto ten a súa explicación fundamental no férreo control do Goberno de Fraga sobre os medios de comunicación.

O Goberno bipartito da Xunta, conformado por dúas forzas (PSOE e BNG) que inicialmente apoiaran que a planta de gas fose para Caneliñas, no porto exterior ferrolán, parece que optou por non afrontar realmente o problema da regasificadora de Reganosa, deixando que as cousas continuasen o seu curso. Isto, xunto coa posta en marcha da planta, é o que explica que se intensificasen as protestas, máxime cando moita da xente que se mobiliza confiaba en que o cambio político operado en Galiza servise para achegar unha solución a este problema que satisfixese a ambas as partes.

Se o desleixo do bipartito cara a este asunto xa é en si preocupante, máis o está a ser a escalada represiva coa que está a transcorrer este conflito, escalada da que, dito sexa de paso, o BNG parece que se está a desmarcar claramente. Dunha banda, están as cargas policiais contra os manifestantes, ordenadas polo delegado do Goberno en Galiza, o socialista Manuel Ameijeiras, algunha delas practicada con asañamento por parte das forzas de seguridade. Doutra, a inexplicábel situación de prisión sen fianza para o patrón maior de Ferrol, que a xuíza encargada do caso acaba de ratificar.

É tempo, pois, de que se impoña a cordura sen maior dilación. O Goberno da Xunta debe ser quen de mediar entre as partes e contribuír a arbitrar unha solución ao conflito, solución que é inescusábel que terá que conxugar os intereses industriais e estratéxicos cos ambientais e veciñais. E desde logo o que si xa non ten cabida é o xeito en que se está a exercer a represión sobre unha mobilización social que é obvio que nin carece de lexitimación nin de razóns. Calquera paso que se dea noutro sentido será sempre un paso atrás, que pagaramos todos e todas.

As herdanzas envelenadas do Goberno de Fraga, e esta éo, non poden ser tratadas coma se nada, porque sería unha nova fraude á cidadanía galega, cidadanía que apostou polo cambio político en 2005 e que reiterou a súa aposta nestas últimas eleccións do 27 de maio.


Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta