|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Esta introdución-reflexión serve para o bombardeo mediático dos logros dos 30 anos de “democracia” no Estado español. Incluso algunha das canles de televisión que non existían daquela (todas menos a do Estado) vestíronse de época e retransmitiron os acontecementos da votación como se acontecesen nese momento. Unha enxurrada de logros abafa o telespectador grazas a estes 30 anos de democracia. A muller pode ter pasaporte e unha conta bancaria sen autorización do home. O adulterio xa non é delito. O amancebamento... tampouco. A Igrexa “no seu sitio” porque o Estado é laico. A igualdade. As autoestradas, a Unión Europea, o ingreso á OTAN, a oitava potencia económica do mundo, o imparábel e innegábel atractivo para a inmigración do Estado español, o maior índice de consumo, o enriquecemento da poboación, a estabilidade política... só unha mancha ensucia este panorama: a teimuda existencia de ETA.
Pero o resultado daquela primeira votación pouco ten que ver co resultado dos tempos en que vivimos. Adóitase dicir que aqueles tempos eran de moita “inxenuidade” porque primaban as ideas, as ideoloxías e un verdadeiro desexo de cambiar a sociedade. Hoxe, trinta anos despois, temos unha sociedade gobernada polos medios de comunicación e por grupos empresariais que controlan as vidas dos cidadáns, en primeiro lugar adoutrinándoos e manténdoos na ignorancia sobre os principais problemas nacionais e internacionais. Os grupos empresariais e financeiros, mantendo a “chusma a raia” por medio de débedas interminábeis e o narcótico do consumismo dunha sociedade hedonista e baleira de esperanzas de transformación. Os 30 anos de democracia fixeron deste país o principal consumidor de cocaína e antidepresivos da Unión Europea. O principal país en fracaso escolar. Tamén baleiraron de contido a palabra participación e protagonismo dos cidadáns nas institucións. Observamos abraiados na televisión o modelo de sociedade obtusa en que vivimos e compartimos. Os modelos de éxito. Os tópicos. Lemos abraiados que a impunidade é moeda corrente entre os asasinos e terroristas financiados polo Estado democrático destes últimos trinta anos. Que ademais de impunes, son ricos. Situación que dista moitos daqueles que eles denominan terroristas, sen vida pública nin privada, loitadores (equivocados, se cadra) por ideais que a sociedade hai tempo perdeu. Os medios de comunicación, tentáculos do poder empresarial-financeiro, son portavoces e “branqueadores” de todas estas artimañas. Fomentan entre a poboación a ignorancia e o descoñecemento. A razón de ser da súa existencia non é informar, senón deformar e defender intereses empresariais. Os medios de comunicación convertéronse na outra ditadura, na sombra, do poder político, que tamén é un dos tentáculos do poder político. Ninguén os elixe e están aí, perennemente. Non podemos illarnos deles. Non contamos cos recursos monetarios que os sustentan nin coa capacidade de penetración xeográfica e temporal de anos de someter mentes e distorsionalas.
Promoven leis que permiten o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, leis de igualdade de xénero, leis de protección á infancia adoptada... pero financian e participan en guerras de agresión contra Estados pobres e indefensos sen pudor e sen vergoña. O Estado español democrático destes 30 anos pode exhibir con orgullo a colocación ao mando da OTAN dun ex-ministro de Cultura socialista e guerreiro, que mandou avións a bombardear Belgrado, ou que mira para outro lado mentres Israel masacra a esgalla. Estes 30 últimos anos de liberdade para escoller o lugar en que financiar o coche durante sete anos ou o banco para hipotecar as nosas vidas durante vinte (con sorte), foron os anos nos cales con maior vehemencia os partidos españois tentaron unha ofensiva de homoxeneización das nacións sen Estado do Estado español. Utilizaron todos os seus medios de comunicación. As súas leis inventadas, os seus regulamentos, as súas ordes administrativas, as súas tretas electorais (en Galiza), as súas disposicións transitorias, as súas leis orgánicas, e os seus decretos reais para esmagar, esnaquizar o noso feito diferencial, desprezándoo, rebaixándoo, terxiversándoo, insultándoo... matándoo. Monicreques de barro. Filósofos e pensadores. Cineastas, poetas e escritores. Enchen as páxinas da prensa e as pantallas dos televisores para convencernos de que deixemos de ser o que somos. Conseguírono en moitos sitios. Aquí na Coruña xa temos xente que fala con acento madrileño e pensa que as vacas son de Holanda é o máis “típico de Galicia” é Adolfo Domínguez e Zara.
Estes 30 anos de democracia española representan, para os galegos, o maior retroceso na historia no uso da súa lingua. Artellado desde o poder, coa escusa do “fomento” da lingua, esta comunidade “bananeira” dun Estado “bananeiro” facía leis de normalización lingüística ou de Ambiente... para non cumprilas. Esnaquizaron a costa mediterránea e as cidades e vilas galegas. O feísmo da televisión asolagou as nosas rúas e costas. Lograron desinteresar a poboación, despois de 30 anos, da política. Os políticos son recoñecidos como un mal necesario. A valoración deles é inversamente proporcional á dun futbolista. Esta democracia soubo dar fútbol aínda mellor que na ditadura. Converteu un deporte, opio do pobo, nun niño de gánsteres á marxe da lei. É un mundo dentro doutro mundo. O mundo do fútbol da democracia española é como o mundo paralelo (second life) que tanto gustan agora de promover. Xa nos albores da democracia inxectaron aos máis mozos aquela coñecida inxección de moda do “eu paso” que chegou a dar co “pasotismo”, algo fomentado dende o poder, que non era máis que un anzol para que picaran os máis inxenuos. O “pasotismo” chegou a ser unha “posición na vida” “lexítima” e “lóxica” incluso “cultureta”. Hoxe o anzol vén dado polo consumismo. Lembro aos emigrantes galegos en Sudamérica, nos anos 60 e 70, dicindo que como en España non se vivía en ningunha parte. O réxime ditatorial, maila fame, a falla de oportunidades e de traballo, inxectaba a estes pobres homes e mulleres a idea de que vivir ben era comer isto ou aquilo de cando en vez... A democracia española destes derradeiros 30 anos fracasou no seu contido. Non deu liberdade aos seus cidadáns, senón que os volveu máis temerosos e atados ao medo. O cidadán actual vive atado ao medo ao vasco e ao catalán, a perder o traballo, ao inmigrante, a non poder pagar a hipoteca, a ter un fillo drogadito ou no botellón, a que lle ensinen ao seu fillo noutra lingua que non sexa a española, a que lle investiguen os datos, a que Navarra marche con Euskadi, a que Cataluña teña seleccións nacionais, a que quede sen Fondos Europeos, a que ANV poida presentarse ás eleccións, a que lle expropien para facer un trazado de AVE, de autoestrada ou de calquera outra cousa. Os políticos son seres extraterrestres. Todos son iguais. Non defenden ideas, porque non as teñen, senón intereses. A patria, o Estado, é unha circunstancia. Hoxe son presidente de Goberno e mañá asesor dun magnate nun paraíso fiscal en que teñen contas cifradas con números escuros personaxes. “Pringan” os parvos, os que non son de “boa casa”. Os que non foron á universidade nin teñen amizades de toda a vida. Son as segundas vítimas do sistema democrático este. Non se pode pasar de camareiro en Ávila a multimillonario e alcalde en Marbella. O modelo de sociedade-suciedade está chea deste excremento que se nos mostra como exemplo... até que os meten na cadea. Os 30 anos de democracia serviron para traer mercenarios que sufran e se manchen por nós en tempo de necesidade. Con salarios complementados con “rancho, cama e uniforme”, esta carne de canón non só se ceba co Terceiro Mundo latinoamericano que pensa que arriscar a vida nesas condicións paga moito máis que por nada nas súas perigosas cidades de Colombia ou Venezuela. Neste exército democrático e “liberador-humanitario” español temos o refugallo do noso Terceiro Mundo interior. Alí, no interior das provincias galegas, estremeñas, castelás... andaluzas. Os refugallos dunha mocidade expulsada dun sistema educativo medieval que pouco mudou dende a morte do ditador (Filipe II) e que, repito, fai do Estado español o principal Estado con fracaso escolar da Unión Europea. Estas mozas e mozos son as primeiras vítimas reais deste fiasco de democracia en que non todas as voces teñen cabida, nin todos os medios, nin todos os homes nin todas as mulleres. Vítimas dun futuro desolador, cun caramelo nunha man e cun fusil na outra nun lugar no cal van defender o indefendíbel: a democracia que os afastou a eles mesmos do sistema. Estes 30 anos de democracia española teñen tamén un triste récord. O que non conseguiron os nazis cos xudeus, quitarlles a vida mais non a identidade. O que non lograron os anos escuros na Galiza nin a ditadura de Franco no noso país, está conseguíndoo a democracia: roubarnos e esmagar a nosa identidade, incluso por leis que segundo eles a fomentan. Coloquei o exemplo de Ecuador, pois coido que deberíamos mirarnos nese espello latinoamericano. O continente leva anos resistindo. A democracia ininterrompida con máis tempo foi a venezuelana. Cada aniversario da súa recuperación, 23 de xaneiro de 1958, o goberno democrático de turno encargábase de encher a televisión de vellos votando en imaxes en branco e negro. Tamén se vía a xente manifestando a súa alegría con pancartas que dicían “liberdade”. Non faltaban as obras públicas da democracia: o segundo maior encoro de Sudamérica, a nacionalización do petróleo... para que seguir. Son máis as sombras que as luces nestes trinta anos de democracia española e non porque a ditadura anterior fora mellor que o que temos hoxe que sería a conclusión dun cretino, senón porque a palabra democracia e liberdade non era para isto que temos diante de nós senón para facer dos homes e mulleres deste Estado, como dixo José Martí: “cidadáns máis cultos para seren máis libres”. |
|||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2007 |
|||||||||||||||||||
|