ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 6 de xullo de 2007

Valoración da Secretaría Confederal da Muller da CIG
2.500 euros por cada novo fillo/a, a demagoxia do regalo en efectivo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  2.500 euros por filla ou fillo; clic para aumentar
Onte espertábamos co seguinte titular extraído do debate do estado da nación española: “Zapatero ofrece 2.500 euros por cada nova filla e/ou fillo e anuncia máis cartos para as familias”. A demagoxia do regalo en efectivo, é mais propia dun modelo do benestar conservador que dun modelo progresista. (Foto: ©Fernando Pol 06/07/2007).
 
Valoración da Secretaría Confederal da Muller da CIG respecto da medida anunciada polo presidente do Goberno do Estado español, José Luís Rodríguez Zapatero, durante a primeira sesión do debate do estado da nación española, de dar unha axuda de 2.500 euros por filla ou fillo nacido a partir do 3 de xullo de 2007.

Onte espertábamos co seguinte titular extraído do debate do estado da nación española: “Zapatero ofrece 2.500 euros por cada nova filla e/ou fillo e anuncia máis cartos para as familias”. A demagoxia do regalo en efectivo, é mais propia dun modelo do benestar conservador que dun modelo progresista.

Aínda que estas decisións están pendentes do preciso desenvolvemento regulamentario, parece ser que as nais traballadoras recibirán a axuda de 2.500 euros por nacemento de filla ou fillo previsíbelmente mediante unha deducción fiscal no IRPF, igual que funciona actualmente a paga de 100 euros para nais que traballan con fillos ou fillas menores de 3 anos. De momento, o goberno do Estado español non decidiu se a nova axuda tamén se poderá percibir mes a mes ou se aplicará como calquera das demais deduccións fiscais. O resto das nais que non realicen un traballo remunerado fora do fogar percibirán os 2.500 euros, en principio, como unha axuda directa.

A demagoxia do regalo en efectivo, é mais propia dun modelo do benestar conservador que dun modelo progresista. Atendendo ás necesidades das mulleres e homes, sería preciso afondar noutro tipo de política relacionada co aumento do número de escolas infantís e garderías (nas cales teñan preferenza as solicitudes de nais e pais que traballen, e non as parellas con menos recursos), unha verdadeira política de conciliación dos tempos e os horarios, unha política de vivenda eficaz, e desgravacións fiscais. En definitiva, é preciso que se comece facilitando a conciliación real da vida familiar e laboral, se o que se pretende é facer unha política social sobre a natalidade.

Tras a aprobación da lexislación en materia de igualdade en Galiza, e previamente no Estado español, son moitos os foros de debate nos que a Confederación Intersindical Galega está a participar, e nos que vimos de demandar a aplicación de políticas socialmente responsábeis, empresas flexíbeis que permitan desenvolver a vida profesional coa vida persoal das e dos traballadores. Viría a ser un proxecto de certificación responsábel, un instrumento de mercado polo que todas as empresas deberían pular.

Pero para iso é preciso concibir a conciliación como un ben social, e aí si ten a Administración a responsabilidade de tomar medidas de apoio á familia e de lexislación que facilite dita harmonización. Pero estas medidas non poden estar dirixidas só ás mulleres, e por tanto debería pularse por acadar un emprego feminino en condicións de igualdade.

Tamén precisamos concibir a conciliación como un ben económico, tendo en conta que mellora a produtividade e que cada vez é menos doado reter talento. Hai que ter en conta que hoxe en día non vivimos para traballar, senón que traballamos para vivir, polo que existe moito capital humano en nais traballadoras que se desperdicia cando as empresas deciden prescindir delas, especialmente se temos en conta que en moitos casos son substituídas por outras persoas menos produtivas.

Por último deberíamos pular por concibir a conciliación como un ben persoal, libre, responsábel e intransferíbel. Compatibilizar vida e traballo non é só un dereito das persoas, senón que debe ser un factor do tipo de empresa e sociedade do século XXI.

Por tanto, medidas como a anunciada por Zapatero, dun xeito por certo oportunista, e coa intención de desviar outro tipo de temas de carácter máis político do debate, son ben recibidas pola parte social sempre e cando vaian acompañadas dunha política transversal baseada na igualdade, onde dependencia e conciliación deben estar relacionadas. Por outra banda, é preciso realizar unha aposta real e concreta pola conciliación dos tempos, xa que esta pode axudarnos a superar a brecha que separa o discurso da igualdade de oportunidades politicamente correcto da practica cotiá nas organizacións e nos fogares.

Así, é preciso:

• Aumentar a cobertura e a carga horaria da rede de escolas infantís e de canguros e estabelecer, cando sexa necesario, un servizo nocturno.

• Material escolar e libros de texto gratuítos nos tramos de educación non obrigatoria (educación infantil, bacharelato...).

• Ludotecas e actividades extraescolares, empregando cando sexa posíbel as instalacións educativas en época estival.

• Comedores escolares (almorzos escolares e xantares) xestionados pola Administración pública galega.

• Axudas económicas por cada un dos fillos ou das fillas a cargo, ate os 12 anos.

• Axudas económicas para familias monoparentais.

• Axudas económicas por partos múltiples.

• Garderías nas empresas.

• Facilitar a merca ou o alugueiro de vivendas ás familias numerosas.

• Redución do 50% do IVE nas vivendas.

• Aumentar a cobertura da rede de centros de día e residencias.

• Coidados de enfermeiría a domicilio.

• Adecuación funcional das vivendas.

• Programas de respiro familiar.

• Axudas á contratación de coidadores/as.

• Axudas á redución de xornada e excedencias parentais.

• Servizo de comedor e actividades continuadas nos centros de día.

• Mellorar as políticas de conciliación da vida familiar e laboral facéndoas extensivas á totalidade das traballadoras e dos traballadores, sen estabelecer diferenzas para as e os traballadores da empresa privada e das administracións públicas.

• Crear lugares de traballo máis sensíbeis á familia (horarios de traballo flexíbeis, aumentar o número de permisos).

• Iniciar un debate social sobre os horarios escolares e comerciais onde se aflore a dimensión familiar, flexibilizando e harmonizando os horarios de entrada e saída das escolas infantís, garderías, escolas e centros de día.

• Estabelecer mecanismos de discriminación positiva para colectivos en situación socioeconómica precaria (por exemplo, ás familias monoparentais, viúvas, familias numerosas...).

En definitiva, son moitas e moi variadas as estratexias que poden levarse a cabo para incentivar a natalidade. Non obstante, se o que se quere e lanzar unha bomba informativa habería que afondar nas causas da escasa implantación de políticas de apoio á harmonización da vida co traballo propoñendo solucións concretas, transversais, integrais e desde unha perspectiva de xénero.


María do Carme López Santamariña,
secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta