|
Actualidade
Santiago, 27 de xullo de 2007
O Consello de Estado emitiu un informe no
que di que sería ilegal achegar axudas
A CIG anuncia mobilizacións se non se compensa aos afectados polas obras do Porto Exterior de A Coruña
| |
 |
| No documento asinado en febreiro, o presidente
da Autoridade Portuaria recoñecía a condición de afectados deste colectivo e o seu dereito
a seren indemnizados ademais de asumir como propias as resolucións do Parlamento Galego e do Congreso dos
Deputados que ían nese mesmo sentido. (Foto:
©galizacig.com). |
| |
Para a CIG é de “escándalo” que
o Consello de Estado considere ilegal indemnizar aos mariscadores afectados polas obras do Porto Exterior de A
Coruña e que afirme que a Autoridade Portuaria non ten que asumir a responsabilidade patrimonial polas perdas
que as obras están a provocar a estes profesionais que non poden seguir desenvolvendo a súa actividade.
O portavoz do colectivo de afectados e secretario
comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, lembra que cando o presidente da Autoridade Portuaria solicitou
o informe do Consello do Estado, CIG e mariscadores xa denunciaran a forma na que se fixera, é dicir, “de
forma unilateral e sen ter chegado antes a un acordo cos afectados”.
Alén diso, salienta que existe un documento,
asinado no mes de febreiro de 2007, que foi o que permitiu rematar cos sete días de bloqueo no que se mantiveron ás obras do Porto Exterior.
Un documento no que o propio presidente da Autoridade Portuaria recoñecía a condición de afectados
deste colectivo e o seu dereito a seren indemnizados ademais de asumir como propias as resolucións do Parlamento
Galego e do Congreso dos Deputados que ían nese mesmo sentido.
Carril sinala que, en todo caso, a Lei do Consello
de Estado di que os seus dictames, sendo de preceptiva solicitude non son de obrigado cumprimento, polo que conclúe
que “o informe está aí e ten o valor que ten ao ser emanado por un órgano consultivo” engadindo
que, en todo caso, unha vez cumprido o trámite de solicitalo, agora o que hai que facer é cumprir
o acordo acadado en febreiro e que se proceda á negociación para determinar a contía das indemnizacións.
Carril advirte que “se o que pretende o presidente
é atrincheirarse nese informe para negar o noso dereito a seren indemnizados, desde logo a indignación
que hai neste momento no sector e o malestar vaise facer visíbel coas mobilizacións que sexan oportunas”.
O secretario comarcal da CIG de A Coruña
denuncia que a estas alturas aínda non se coñece máis que pola prensa o contido dese informe
e anuncia que, en todo caso, para a vindeira semana está convocada unha asemblea na que se valorará
esta situación.
|