|
Actualidade CIG-Comunicación-
Estas axudas teñen como obxectivo fomentar a corresponsabilidade e impulsar un cambio de roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e coidado dos seus fillos e/ou fillas, e serán concedidas cando se solicite unha redución da xornada de traballo de ate un máximo da metade da duración daquela para o coidado dun fillo ou dunha filla menor de 3 anos, sendo beneficiarios os homes traballadores por conta allea e socios das sociedades cooperativas, así como familias monoparentais (homes e mulleres) nas que a persoa solicitante sexa traballadora por conta allea. As contías concederanse a través un pagamento único (de entre 2.400 € e ate 3.600 € dependendo de se é o primeiro ou o segundo fillo ou filla, de se son xemelgos, xemelgas, trillizos ou trillizas) e estará en función da porcentaxe de redución da xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses, habendo de prazo para a presentación da solicitude ate o 31 de outubro de 2007. «Desde a Secretaría Confederal da Muller da CIG partimos da idea xeralizada de que hoxe en día ter fillas/os supón un problema, xa que custan cartos, tanto directa como indirectamente en forma de perda de ingresos. Por outra banda, custan tempo, sendo difícil combinar o coidado dos fillos/as con outra actividade. Entendemos, xa que logo, que a percepción de calquera barreira económica para acadar a conciliación da vida familiar e laboral ou ter máis fillas/os debe basearse nos cambios nos custes relativos de oportunidade e non nos custes absolutos. Este tipo de axudas, en combinación cunha maior igualdade de xénero no mercado laboral, non só socializan parte dos custes de criar os fillos/as, senón que permiten unha maior flexibilidade das distintas formas de familia, facilitando especialmente as familias monoparentais. É certo que o eixo central das políticas de conciliación da vida familiar e laboral radica na redución da xornada laboral. Máis, salvo nos países nórdicos onde as xenerosas baixas por maternidade e paternidade fan innecesario o abandono do emprego, non é menos certo que son moitas as mulleres con fillos/as pequenos/as que deixan de traballar. E, aínda sendo moitos os pais a tempo completo que desexarían ter máis tempo para dedicarlle á familia, a proporción de varóns que estén dispostos a traballar menos horas –e por tanto reducir o seu salario- é moito menor. Valoramos, por tanto, positivamente a posibilidade de que as familias monoparentais poidan beneficiarse das axudas (sexan homes ou mulleres), e aínda que apoiamos as políticas de discriminación positiva a favor dos homes para que estes fagan uso de permisos e licencias como excedencias e reducións de xornada para o coidado de fillos/as e familiares, xa que así axudamos a rachar coa tradicional división sexual do traballo, consideramos, non obstante, que as mulleres van seguir facendo uso desta fórmula de conciliación da vida familiar e laboral en maior medida que os homes, sen poderse beneficiar da axuda económica só existente para os varóns. Baixo o noso punto de vista, a conciliación da vida familiar e laboral non é unha cuestión que poida resolverse só mediante a convocatoria de axudas por parte da Administración, xa que, aínda que son necesarias, non son suficientes para realizar o reparto equilibrado de roles, e tampouco para conseguir unha boa xestión do tempo.
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/07/2007 |
|||||||||
|