|
Actualidade
Santiago, 19 de xullo de 2007
O ministro non cre prudente que o plan social
para a minería integre ao sector auxiliar
A CIG considera inadmisíbeis as declaracións de Clos que deslexitiman o acordo do Congreso para o
carbón
| |
 |
| A CIG lembra que o peche das industrias auxiliares
do carbón, previsto para finais deste ano –31 de decembro–, provocará a perda de preto de 500 postos
de traballo para os que, a estas alturas e malia as reiteradas solicitudes realizadas, non están previstas
nin alternativas nin solucións. (Foto:
Manifestación en A Coruña dos traballadores das auxiliares do carbón. ©galizacig.com). |
| |
A única resposta que obtiveron os traballadores
das empresas auxiliares do carbón do ministro de Industria, Juan Clos, tras da concentración celebrada
o pasado mércores día 11 de xullo en Ferrol, foi que non lle parecía prudente integrar a este
sector no plan social. Para a CIG estas declaracións, alén de constatar a discriminación de
Galiza, supoñen o incumprimento do acordo acadado no Comisión de Industria no Congreso e as diferentes
resolucións unánimes do Parlamento galego.
Nesa resolución, de 20 de marzo de 2007,
instábase ao goberno a “manter criterios, en relación coas prexubilacións do persoal das compañías
auxiliares pertencentes ás minas de lignito pardo, que permitan a súa incorporación ás
empresas principias, sempre que reúnan os requisitos para a súa prexubilación ao amparo do
Plan Carbón 2006-2012, e a través de acordos cos sindicatos”.
Para a CIG, o papel do ministro de Industria neste
asunto está sendo “lamentábel” e as súas declaracións supoñen, non só
o incumprimento dese acordo senón mesmo deslexitimar a decisión adoptada pola Comisión de
Industria e deslexitimar á propia Comisión.
Paulo Carril, representante da CIG na Mesa das
Auxiliares do Carbón e secretario comarcal da CIG de A Coruña, afirma que de cara a Galiza e de cara
ao que ten significado para o noso país a presenza de dúas industrias como ENDESA e como FENOSA,
“que teñen expoliado os nosos recursos naturais, que obtiveron beneficios millonarios na explotación
deses recursos -cos que ademais se ten favorecido de forma importante o desenvolvemento económico do Estado
español, mesmo en épocas de crise enerxética- resulta inadmisíbel que perante o seu
peche inminente, non se queira asumir por parte do Ministerio ningún tipo de actuación que supere
a discriminación que están a padecer os traballadores da industria auxiliar do carbón galego,
fronte ao resto dos traballadores do Estado”.
A CIG lembra que o peche das industrias auxiliares
do carbón, previsto para finais deste ano –31 de decembro–, provocará a perda de preto de 500 postos
de traballo para os que, a estas alturas e malia as reiteradas solicitudes realizadas, non están previstas
nin alternativas nin solucións.
A CIG reitera a súa exixencia de que tanto
ENDESA e FENOSA, que foron contrarios a asinar o Acordo da Mesa Auxiliar do Carbón existente no ámbito
da Consellaría de Innovación e Industria, como do Ministerio de Industria, encargado de levar adiante
o Plan Miner II, asuman a súa responsabilidade nesta situación e garantan a súa prexubilación
e recolocación destes traballadores nas empresas principais.
|