|
Actualidade CIG-Comunicación-
Carlos Vázquez, en representación da CIG e en calidade de secretario de Saúde Laboral da Comarca de Ourense, remitiu un escrito á Delegación de Traballo da Xunta de Galiza para transmitir a preocupación da central polas condicións nas que se está a traballar nas dúas grandes obras civís que neste momento se están a desenvolver en Ourense, nomeadamente na zona de O Carballiño: a autovía a Dozón e o AVE. A CIG solicita que por parte da autoridade laboral, co apoio da Inspección de Traballo e dos técnicos habilitados, se intensifique o control e o seguimento das condicións de traballo nas empresas que están traballando nas obras do AVE e da Autovía Ourense-Dozón, nomeadamente en materia de prevención de riscos, e se fagan as comprobacións, ante as mutuas e o SERGAS, do número de traballadores atendidos por continxencias profesionais, e se cotexe co correspondente parte de accidente.
A CIG ten detectado un aumento das situacións inseguras e un importante incremento de asistencias sanitarias por accidentes que, malia non revestir, polo momento, gravidade aparente, acoden ao centro de Saúde do SERGAS, na vez de facelo á mutua correspondente. Un feito que, para a CIG, fai concluír que, seguramente non figuran sequera co correspondente parte de accidente laboral. Entre esas incidencias, a CIG ten constancia de problemas oculares por introdución de corpos estraños por proxección de partículas, afeccións respiratorias e mesmo esvaecementos por traballos en espazos confinados e con pouca ventilación, como o interior de túneles, escordadura ou luxacións. Vázquez afirma, no escrito, que “moitos traballadores pertencen a empresas do país veciño, Portugal, que son subcontratadas e sobre as que hai, desde o noso punto de vista, pouco control por parte da Inspección e da Autoridade Laboral”. Perante esta situación, a CIG considera que se poden estar a incorrer en irregularidades e a conculcar diversa normativa. Entre outros sinala: • Desviar ao Servizo Público de Saúde lesións e patoloxías directamente derivadas do traballo realizado por conta allea, é dicir, producidas por accidente de traballo, continxencia que debera atender a Mutua correspondente. • Ocultar, mediante a non cumprimentación do correspondente parte de accidente, o grao de sinistralidade que se está a producir realmente. • Incumprir o estabelecido no RD 171/2004, do 30 de xaneiro, de Coordinación de Actividades Empresariais, así como o RD 604/2006, do 19 de maio, polo que se modifica o RD 1627/1997, do Regulamento dos Servizos de Prevención e o RD 1627/1997, de Seguridade e Saúde nas Obras de Construción. • Incumprimento tamén da Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da Subcontratación no Sector da Construción, para aquelas subcontratas formalizadas desde a entrada en vigor da dita Lei. Alén diso, a CIG salienta que neste intre, o número de traballadores que prestan servizos entre estas dúas grandes obras de infraestrutura é extraordinario, a cadea de subcontratación descoñecida, e moitas empresas son estranxeiras, sometendo, en moitas ocasións, aos seus traballadores a unhas condicións de traballo de absoluta precariedade. Unhas circunstancias que “facilitan a falta de control inspector que a autoridade laboral debe exercer”. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2007 |
|||||||
|