ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 11 de xullo de 2007

Loita contra a precariedade
As/os traballadores do 112 demandan da empresa e da Administración a dignificación das condicións laborais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Esquema de situación de emerxencia no 112; clic para aumentar
As traballadoras/es do Servizo de Atención Telefónica de Emerxencias 112 son os/as que nos atenden cando chamamos porque hai un incendio forestal, unha inundación, un accidente de tráfico, unha emerxencia na praia, un infarto ou un gato subido nun tellado... Cando reciben a chamada de emerxencia teñen, á súa vez, que pór en marcha un protocolo e mobilizar a bombeiros, cuadrillas de extinción ou ambulancias. Situacións que requiren dunha formación específica e dunha probada capacidade para soportar o estrés que provocan.
 
As/os traballadoras/es do Servizo de Atención Telefónica de Emerxencias 112, están contratadas pola empresa MK Plan 21, pero o desenvolvemento do seu traballo depende directamente da Administración, nomeadamente da Dirección Xeral de Protección Civil, que á súa vez depende da Consellaría de Presidencia. Levan case un ano demandando que se revisen as súas condicións laborais pero, até o de agora, nin a Administración nin a empresa atenderon as súas demandas.

As traballadoras e traballadores que desenvolven o seu traballo no Servizo de Atención Telefónica de Emerxencias, o famoso 112, veñen de denunciar a precariedade na que desenvolven a súa actividade. Son os/as que nos atenden ou aos que nos derivan aos usuarios cando chamamos porque hai un incendio forestal, unha inundación, un accidente de tráfico, unha emerxencia na praia, un infarto ou un gato subido nun tellado... Cando reciben a chamada de emerxencia teñen, á súa vez, que pór en marcha un protocolo e mobilizar a bombeiros, cuadrillas de extinción ou ambulancias. Situacións que requiren dunha formación específica e dunha probada capacidade para soportar o estrés que provocan.

Porén, o pagamento que reciben da Administración, nomemadamente da Dirección Xeral de Protección Civil, ou o que é o mesmo, da Consellaría de Presidencia, é precariedade laboral. Nun día “normal” uns 8 homes e mulleres atenden ás chamadas de emerxencia recibidas de toda Galiza, por un salario que, nos máis dos casos, non chega aos 800 euros, incluíndo os pluses por noite, fin de semana e festivos. Traballan un mínimo de 39 horas semanais máis as horas que lles sexan demandadas polo busca, non cobran as horas extra e nin sequera teñen regulamentados dereitos sociais como a xubilación.

Por iso, e tras do desbordamento do servizo durante a campaña de verán de 2006, na que se produciron decenas de incendios forestais, acordaron demandar a revisión das súas condicións laborais que, polo momento, réxense polo especialmente precario Convenio de Telemárketing.

Foi precisamente logo desa campaña de verán cando, por vez primeira, cobraron horas extra, pero non da empresa ou de Protección Civil, senón da Consellaría de Medio Rural.


Calendario do conflito

Vista a situación laboral, no mes de novembro de 2006 os traballadores e traballadoras do 112 acordaron pór en coñecemento do daquela director xeral de Protección Civil, Javier Sánchez, a situación laboral na que se atopaban. Nesa primeira xuntanza reciben moi boas palabras, o compromiso de que se terán en conta as súas demandas e a petición de agardar a que se faga unha avaliación completa das posíbeis deficiencias e erros cometidos na campaña de incendios para pór as medidas necesarias para solucionalos.

Traballadoras e traballadores acceden, solicitando a cambio que se manteña o compromiso de que todas as decisións relativas a este servizo, canto condicións laborais, ampliacións de cadro de persoal e demais –e non só aumento do número de teléfonos operativos- lles sexa comunicada. Unha demanda á que Sánchez accede.

O problema é que a dirección da Protección Civil pasa a María Esther González Saavedra, á que o cadro de persoal acorda recorrer diante da ausencia absoluta de contactos. Tras intentar en varias ocasións acordar unha entrevista con ela e diante da falta de resposta as/os traballadoras/es deciden, o pasado mes de abril, presentarse directamente no departamento de onde son botados de mala maneira e coa única resposta de que, se algo teñen que dicir, a empresa é a única interlocutora.

Ese mesmo día reciben a chamada da empresa convocándoos a unha reunión na que os representantes da empresa aseguran falar en nome da Administración. Nesa mesma xuntanza incíciase un proceso de negociación e defínense as condiicóns da mesma que, para as/os traballadores deben ser:

1. Os representantes da empresa contan co aval da Administración para chegar a acordos.

2. O que se negocia é un acordo laboral e non un convenio colectivo de empresa. Unha condiicón imposta pola propia empresa á que acceden as/os representantes das/os traballadoras/es sempre e cando sexa vinculante. A cambio estes/as representantes enumeran os aspectos a tratar nesa mesa de negociación. Aspectos referidos a melloras sociais (xubilación, descansos, licenzas...), condicións laborais (tempos de traballo, limitación e regulamento dos mesmos) e condicións económicas.

3. Defínense ademais os prazos para levar a cabo esa negociación e para chegar a un acordo.

Na segunda xuntanza, á altura do mes de maio, os representantes das/os traballadoras/es entregan un guión máis elaborado, xa cun articulado e a empresa comprométese a estudalo coa Administración para comezar a negociación.

A seguinte xuntanza non se celebra na data prevista e cando por fin se convoca, a semana pasada, a resposta da empresa é que rexeitan o 100% das súas demandas e que só estarían dispostos a avaliar un incremento salarial de 200 euros, en función da situación salarial de cada traballador/a.


Retómanse as mobilizacións

“Paramos o conflito nese momento por esta negociación falsa que empregou a empresa para calar as reivindicacións do cadro de persoal nun momento que era especialmente incómodo para os responsábeis políticos, porque se ían celebrar as eleccións municipais e non lles interesaba que se dera unha situación de conflitividade. Neste intre retomamos as mobilizacións e as nosas reclamacións iniciais ”, explica Inacio Pavón, da executiva comarcal da CIG de Compostela.

Da actual situación Pavón responsabiliza dunha banda á empresa e doutra á Administración. “A Administración entende que cando privatiza o servizo privatiza tamén os conflitos, cando realmente segue a ser responsábel de que se dean unhas condicións laborais inaceptábeis. Non pode mirar para outro lado cando se están vulnerando dereitos ou os traballadores/as están en precario”, explica.

Deste xeito anuncian que iniciarán, en primeiro lugar, unha campaña de concienciación social para que todas as galegas e galegos sexamos conscientes de que, como usuarios, este é un problema que nos afecta a todas/os e que non se pode pretender que un servizo destas características funcione con voluntariado. Ademais, reclaman dos responsábeis políticos, da Administración, que garanta que as condicións laborais das súas contratas son dignas, para que non se poda falar de que a Xunta “está repartindo precariedade”. Finalmente solicitan tamén da Administración que presione á empresa para que sente a negociar un acordo laboral en condicións.


Mensaxes de protesta

Envía un correo de protesta á Xunta de Galiza en solidariedade coas traballadoras e traballadores do 112 a info.cidadan@xunta.es.

(Copia e pega o texto de abaixo no corpo dunha mensaxe de correo ou preme aquí para cubrila automaticamente).

Tendo coñecemento da situación de precariedade laboral na que desenvolven o seu traballo as e os teleoperadores do Teléfono de Emerxencias 112, quero amosarlles persoalmente a miña preocupación e malestar por estos feitos. Son consciente tamén de que se ten intentado por parte das/os representantes dos traballadores e das traballadoras chegar a un acordo laboral que recollese melloras económicas, sociais e laborais (sobre as que tamén estaba ao tanto esta Consellería) que resolvera definitivamente a situación. Polo tanto confío na labor de mediación que a Xunta de Galiza pode xogar para facilitar un acordo que dignifique dunha vez as condicións laborais do persoal deste servizo básico para o noso país.

Atentamente.

 
 
Informacións relacionadas
25/05/2007 “Non se pode cubrir unha emerxencia co noso compromiso social”
A CIG denuncia a situación laboral que padecen as/os traballadoras/es do 112
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta