|
Actualidade CIG-Comunicación-
A xuíza negoulle a Eduardo Álvarez as probas testificais que propuxera ademais da posibilidade de interrogar a testemuña da acusación. O Ministerio Fiscal solicita unha multa de 200 euros para o sindicalista por unha falta de desconsideración. Mentres, a acusación pide unha multa de 1.200 euros e unha indemnización de 10.000 por unha falta de inxurias. Mais, segundo fontes xurídicas consultadas, nesta vista detectáronse suficientes irregularidades como para declarala nula. A inadmisión de probas testificais propostas polo denunciado conculca flagrantemente o dereito constitucional proclamado no art. 24 da Carta Magna española, ao negarlle a “tutela xudicial efectiva” e mais a utilización “dos medios de proba pertinentes para a súa defensa”. A negativa da xuíza a que Eduardo Álvarez, que exerceu a autodefensa, continuase a interrogar o denunciante, o xuíz-decano de A Coruña, e mais a negativa a que interrogase a testemuña proposta pola acusación contraveñen tamén dereitos constitucionais, o artigo 6.3d do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional (entre outras, 93/2005, de 18 de abril; 143/2001, de 18 de xuño). Ademais, Antonio Fraga Mandián abandonou a sala no medio da vista oral e tamén se alterou a orde fixada publicamente para a celebración do xuízo. A celebración da vista pasou por diante de tres xuízos que o precedían no horario por necesidades de axenda do denunciante, o xuíz-decano de A Coruña. Na última parte da vista, conculcouse o dereito á última palabra do acusado ao tan só permitirlle a xuíza expresarse apenas dous minutos. A Mesa pola Normalización Lingüística organizou minutos antes do xuízo unha concentración de apoio a Eduardo Álvarez. O sindicalista estivo arroupado por amigos e amigas, así como por compañeiros e compañeiras da CIG, entre eles a secretaria confederal da Muller, Mari Carme López Santamariña, os secretarios nacionais das Federacións de Ensino e Químicas, Anxo Louzao e Abelardo Landeira, respectivamente, ou polo secretario comarcal, Paulo Carril. Tamén estiveron presentes diversos cargos públicos do BNG. Fragmento tomado do texto que Eduardo Álvarez ía expor en uso do seu dereito á última palabra que finalmente non puido manifestar ao negarllo a xuíza: Señoría, o promotor desta acción sentiu menoscabo na súa honra por mor de determinadas expresións que contén a reportaxe “Xustiza en galego”. Saiba vostede, señoría, que eu me sentín profundamente aldraxado pola resposta que o sr. xuíz-decano deu á miña queixa: consideroume a min, por ser usuario normal da lingua galega, cidadán de segunda clase porque, segundo el, debo renunciar a un dereito legalmente recoñecido e someterme á outra lingua. Mais, a aldraxe á miña persoa, confésollo sinceramente, ten menor importancia. O que máis me doe é o desprezo que o actor realiza de todo un pobo que fala esta lingua desde hai un milenio e medio polo menos. Comportamentos como os do denunciante móstranme o panorama dunha xudicatura estraña, integrada por un corpo de altos funcionarios que, ademais de exercer un poder estatal, prestan un servizo público totalmente desvinculados coa comunidade política á que serven. E esta actitude intransixente de negación da realidade histórica, social, cultural e política de todo un pobo mostra por parte do actor unha ideoloxía pola que segrega os cidadáns en dous grupos: o daqueles que teñen os seus dereitos lingüísticos recoñecidos e o daqueloutros, entre os que me inclúe a min, posuidores de dereitos claudicantes que carecen de realidade efectiva na Administración de Xustiza. Concluíndo, e como resumo, manifesto o seguinte: · As expresións obxecto da denuncia constitúen unha réplica pública á resposta dunha queixa por min formulada que o denunciante enviara previamente á prensa conculcando o meu dereito á privacidade. · Non proferín en ningún momento a expresión literal “É un cínico porque emprega unha mentira para xustificar unha ilegalidade”. · As frases por min expresadas á xornalista que redactou a reportaxe en cuestión constitúen o exercicio do dereito fundamental da liberdade de expresión e de opinión e, por tanto, carecen absolutamente da condición obxectiva de punibilidade. · A denuncia presentada polo actor no exercicio do dereito de tutela xudicial pretende criminalizar opinións e converter en protagonista dunha acción delituosa a quen reclamou nunha queixa o exercicio dos seus dereitos legalmente recoñecidos e o cumprimento do ordenamento xurídico por parte de quen pertence ao Poder xudicial. Por todo isto, SOLICITO a libre absolución desta falta de que se me acusa e solicito tamén a imposición de custas procesuais á parte actora porque, na súa pretensión, móvese unicamente pola animadversión fronte a un cidadán que se queixou de seren conculcados os dereitos lingüísticos que o asisten legalmente e mais por esixir o cumprimento da legalidade por parte dun órgano xudicial verbo do emprego do topónimo tamén oficial e legal de A Coruña. |
||||
| Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/07/2007 |
||||
|