|
Actualidade
Santiago, 24 de xullo de 2007
Os comités de empresa, CIG e UGT denuncian
que ADIF rise deles
e do Parlamento
Os postos de traballo presentes e futuros de Ferroatlántica e Serrabal non están garantidos
| |
 |
| O ADIF “desoíndo, ninguneando e vulnerando
nin máis nin menos que a unha Institución na que reside a soberanía de todo o pobo galego
tira para adiante co seu proxecto. Estanse a rir non só dos traballadores da mina de Serrabal e os traballadores
de Ferroatlántica senón do conxunto dos galegos e dos propios deputados que conforman o Parlamento
de Galiza”. (Foto: Concentración
do 14 de marzo en Compostela por un cambio de trazado do TAV que permita a continuidade da mina de Serrabal. ©galizacig.com). |
| |
O pasado xoves día 19 de xullo publicábanse
tanto no DOG como nos medios de comunicación as actas de expropiación dos terreos polos que pasará
a vía do Tren de Alta Velocidade. Nesas actas incluíase a expropiación de 7.281 metros a Ramsa,
concesionaria da explotación da mina de Serrabal. Para os traballadores, con este anuncio o ADIF estase
a rir deles e do propio Parlamento.
Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela
denunciaba, tras facerse pública a expropiación de terreos de Ramsa, que “desde as diferentes administracións
e o propio ADIF séguese a teimar en non variar o trazado ao seu paso pola mina de Serrabal”.
Canto ás administracións, Noceda
lembrou que diante do anuncio das expropiacións non se escoitou nin unha soa voz nin desde o Ministerio
de Fomento nin da Xunta de Galiza e afirmou que con este silencio e co anuncio do ADIF estase a incumprir o acordo
do Parlamento galego do día 27 de xuño.
Unha resolución aprobada por unanimidade por todos os grupos que contemplaba primeiro a celebración
dunha xuntanza entre os Comités de Empresa, a Dirección da empresa, a Consellaría de Industria
e a Consellaría de Traballo, e a posterior avaliación, por parte desta Institución, dos datos
aportados polas partes afectadas.
O acordo parlamentario contemplaba ademais, e
facía especial fincapé na importancia de que se garantiran os postos de traballo de presente e de
futuro e na importancia desta explotación mineira e das plantas de Ferroatlántica tanto en Cee como
en Sabón para o desenvolvemento de todo o relacionado coa industria fotovoltaica para a que é imprescindíbel
dispor de silicio solar.
Resultados da xuntanza
Esa xuntanza acordada polo Parlamento tivo lugar
o día 16, pero as conclusións da mesma, segundo o secretario comarcal da CIG de Compostela, non son
nada esperanzadores, cando menos para os traballadores.
Noceda salienta, sobre todo, o acordo de todas
as partes (incluída empresa e Administración) canto a que non están garantidos os postos de
traballo nin de presente nin de futuro. De feito, a empresa presentou un informe no que se pon en cuestión
a viabilidade dos postos de traballo de manterse o trazado, a mesma percepción que manifestaron os representantes
da Administración autonómica presentes nesa xuntanza, segundo os que non se garanten non só
os de futuro senón mesmo os de presente.
Alén diso, os traballadores consideran
que agora evidénciase claramente que, cando menos, todo o relacionado co silicio solar si se vai ver afectado
por este trazado. “Dígoo porque neses datos si é coincidente a información –así como
en outros non o é pero neste caso si- que se manexa desde a Administración autonómica e a
que ten a empresa”, explica Noceda.
O secretario comarcal da CIG e os traballadores
conclúen que “polo tanto, non se asegura absolutamente nada do que se pretendía con esa reunión.
O Parlamento galego non sei se ten recibido as estas alturas ou non o informe coas conclusións da mesma,
porque quen quedou de remitir a información non foron os representantes dos traballadores senón os
da Xunta. O que si está claro é que non se celebrou nin unha soa reunión do Parlamento para
avaliar os resultados desa xuntanza”.
Na rolda de prensa celebrada con este motivo,
Noceda tamén salientou o papel xogado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para
quen os postos de traballo son secundarios, fronte a unha infraestrutura que cada vez acumula máis atrasos.
Xunto a isto, sinalou que os traballadores xa
teñen a confirmación de que as máis de 60 contratacións comprometidas que se ían
realizar no mes de outubro, relacionadas co traballo co silicio solar xa non se van efectivizar. “E non é
só que nós o teñamos enriba da mesa senón que mesmo a empresa o transmitiu claramente
na xuntanza mantida o día 16. Esa é a transmisión que se fai diante do conselleiro de Industria
e diante do conselleiro de Traballo e parece que isto non preocupa”.
Para Noceda o resultado é que o ADIF, “desoíndo,
ninguneando e vulnerando nin máis nin menos que a unha Institución na que reside a soberanía
de todo o pobo galego tira para adiante co seu proxecto. Estanse a rir non só dos traballadores da mina
de Serrabal e os traballadores de Ferroatlántica senón do conxunto dos galegos e dos propios deputados
que conforman o Parlamento de Galiza”.
|