|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
O decreto agora publicado, e que entra en vigor a mediados do mes de xullo, vén precedido dun ditame desfavorábel do Consello Consultivo de Galiza, organismo de escasa pluralidade na súa conformación interna, na que predomina a compoñente xacobina. De feito, o relator do devandito ditame que cuestiona o decreto de extensión do uso do galego no ensino é un ex deputado do PSdeG, profesor de dereito, adscrito ao pensamento ‘pacovazquista’, de nome Antonio Carro Fernández-Valmayor. Varios dos argumentos (?) xurídicos esbozados no ditame, eran convenientemente contestados, nun artigo publicado no portal dixital ‘Vieiros’, por Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela. Malia a falta de rigor do ditame do Consello Consultivo, que parece obedecer máis a un posicionamento político que a unha interpretación xurídico-técnica, o Partido Popular e o seu líder, Núñez Feijoo, viron aberta a xanela para facer oposición ao Goberno da Xunta con este tema e lanzáronse a unha campaña de ataque aos contidos do decreto. Decreto que, por certo, eles apoiaran na longa tramitación parlamentaria que tivo. Como aliado nesta campaña absurda, o PP está a ter á pseudo-plataforma “Tan gallego como el gallego”, que seica agrupa a un conxunto de ensinantes e pais/nais que recollen a bandeira ergueita no seu día pola hoxe esmorecente Asociación para la Libertad del Idioma, propugnadora do ‘apartheid’ lingüístico contra o galego. Os membros da devandita “plataforma” mesmo estiveron a recoller sinaturas contra o decreto -aseguran ter recollido unhas vinte mil- e piden en erixirse en interlocutores perante a Administración educativa galega. Resulta paradoxal, e mesmo tráxico, que haxa quen se estea a erguer -sen máis argumentos que a súa postura pro-apartheid do galego- contra un instrumento lexislativo, o Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que apenas pretende contribuír á reversión dunha situación na que a lingua propia de Galiza ocupaba un espazo menor, como é o caso do ensino non universitario. É máis, tras vinte e cinco anos de desenvolvemento autonómico no noso país, o sistema educativo segue a ser unha maquinaria perfectamente engraxada para provocar a migración cara ao español dos nenos e nenas galego-falantes. Así, mentres os rapaces e rapazas que se incorporan ao sistema educativo desde unha práctica lingüística monolingüe en galego acaban os estudos bilingüizados, isto é, adquirindo as destrezas lingüísticas en ambos os idiomas, pola contra, os e as que se escolarizan como falantes de español como lingua habitual en practicamente ningún caso acaban sendo quen de se manexar en galego con mínimo de corrección e soltura. Esa é unha parte da teimuda realidade lingüística que vive o noso país, realidade na que o galego é a lingua historicamente oprimida. Patéticos resultan os intentos dos que exercer o papel de opresores (sectores da dereita máis nostálxica e do xacobinismo españolista) por quererlle facer ver á sociedade galega o mundo ao revés. O apartheid lingüístico contra o galego non pode pasar.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/07/2007 |
||||
|