|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Ser español, despois do triunvirato Aznar-Blair-Bush é pasar do status de simple cidadán europeo (no caso dos españois, súbditos) a ser branco potencial dun ataque terrorista yihadista. Non están en alerta vermella (nin laranxa, nin verde) polo terrorismo internacional yihadista Irlanda, Canadá nin Portugal. Poño estes tres países porque son fronteirizos cos da “Tripla alianza” que decidiu masacrar o pobo iraquí. Os atentados do 11-S tampouco foron casuais. Todos sabemos da cantidade de veces que se intentara atentar contra os Estados Unidos. No seu momento dixérase que os atentados representaban un atentado contra “a democracia e o estilo de vida occidental baseado nas liberdades...”. Discurso baleiro, cretino e mal intencionado. Os atentados do 11-S e do 11-M nunca foron planeados para Bruxelas, Amsterdam, Oslo, Berna, Estocolmo, Lisboa... que son parte dese mundo occidental do que tanto falamos, xunto con Latinoamérica e as economías “emerxentes” de Asia.
Como a realidade sempre supera a ficción e os mortos nunca van ser nin Bush nin Blair nin Aznar (nin os seus “advicers” asesores) o caso é que nos trens de Madrid morreron moitos estranxeiros que a única culpa que cargaban era a de vivir nun país cun Goberno delincuente. No atentado que custou a vida a sete cidadáns do Estado español e dous iemenís (sen contar o suicida) voaron sobre as nosas cabezas as palabras de Aznar, aquelas nas que facía unha relación entre a condición de español e ser obxectivo do terrorismo yihadista. A prensa, que faríamos sen as súas asisadas análises, adiantouse ao medo xeneralizado da poboación e asegurou que o suicida preguntou antes de inmolarse co coche bomba se os turistas eran occidentais.
A confesión de Aznar, que quedou ancorada no esquecemento, é un mea culpa patriótico. Eu engadiríalle que non só morreron por seren españois, senón que por seren españois pasaron a ese raro rango de obxectivo móbil propio de xentes imperialistas do primeiro mundo. Un coñecido humorista venezuelano da televisión, Joselo, acuñara unha frase entre cómica e cínica que se converteu nun retrouso: “Por eso es que los matan”. Analicen vostedes as razóns polas cales un yihadista querería matarnos, e lamentabelmente, atoparán resposta. |
|||||||||||||||
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2007 |
|||||||||||||||
|