Actualidade Volver a Actualidade


A Coruña, 13 de agosto de 2007

O secretario comarcal da CIG-Ensino recorre esta sentenza por entender que se conculcaron dereitos fundamentais
Eduardo Álvarez é condenado a pagar 200 euros de multa e 5.000 de indemnización

 

CIG-Comunicación -

cig.prensa@galizacig.com


  Eduardo Álvarez e Pilar García Negro
(Foto: ©galizacig.com)
 
Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino, foi condenado a pagar 200 euros de multa e 5.000 de indemnización ao xuíz-decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián, logo de que este o denunciase por unhas presuntas inxurias. Eduardo Álvarez recorreu o fallo esta mesma mañá e solicita a súa absolución ou, subsidiariamente, a nulidade da sentenza coa conseguinte repetición da vista oral, ao térense conculcado gravemente dereitos fundamentais.

Eduardo Álvarez informou hoxe en roda de prensa que xa presentou esta mesma mañá o correspondente recurso de apelación perante a Audiencia Provincial: «A sentenza foi ditada á medida do denunciante. Eu xa estaba condenado de antemán». O sindicalista, entre outras razóns, referíase as declaracións de Fraga Mandián en La Voz de Galicia o 29 de xullo, antes de que se emitise a sentenza deste caso, nas que o xuíz-decano aseguraba que se ía comprobar «cal é o custe de inxuriar a un xuíz».

Eduardo Álvarez manifesta que «chegará até as últimas instancias xudiciais» para defender non só a súa dignidade, «senón a de todos os galegofalantes». O sindicalista asegurou sentirse «cidadán de terceira ou cuarta categoría» e cuestionou a existencia dun verdadeiro estado de dereito.

Pilar García Negro, profesora titular do Departamento de Galego-Portugués da UDC, corredactora da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e experta en Dereito Sociolingúistico, cualificou de «aberrante» o proceso aberto contra Eduardo Álvarez. «En que modelo de xustiza o exercicio dun dereito se converte nun feito puníbel e perseguíbel», manifestou hoxe García Negro na roda de prensa. A profesora denunciou «as prebendas propias do Antigo Réxime que mantén a casta xudicial» e «o esaxerado» da indemnización imposta a Eduardo Álvarez, «pois é unha medida radical que lle supón a Eduardo a privación do seu salario durante máis de dous meses e medio». García Negro fixo un chamamento ao Fiscal Xefe do TSXG, á Xunta, ao Valedor do Pobo e ao Parlamento Galego a que emitan un pronunciamento acerca da conculcación dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes no ámbito xudicial.


Un proceso xudicial ateigado de irregularidades

O sindicalista entende que foron conculcados gravemente dereitos fundamentais ao longo de todo o proceso e, nomeadamente, no decurso da vista oral, celebrada o pasado 18 de xullo. Por exemplo, a xuíza que presidiu a vista oral foi nomeada polo propio Fraga Mandián con posterioridade á data en que esta causa recaeu no Xulgado de Instrución número 4 de A Coruña, órgano xurisdiccional que leva o caso. «É evidente que se trata este dun caso de deber de abstención da señora xuíza pola súa relación de dependencia e de subordinación gobernativa co denunciante», apunta Eduardo Álvarez.

Por outra banda, a xuíza negoulle a Eduardo Álvarez as probas testificais que propuxera ademais da posibilidade de interrogar a testemuña da acusación. A inadmisión de probas testificais propostas polo denunciado conculca flagrantemente o dereito constitucional proclamado no art. 24 da Carta Magna española, ao negarlle a «tutela xudicial efectiva» e mais a utilización «dos medios de proba pertinentes para a súa defensa».

A negativa da xuíza a que Eduardo Álvarez, que exerceu a autodefensa, continuase a interrogar o denunciante, o xuíz-decano de A Coruña, e mais a negativa a que interrogase a testemuña proposta pola acusación contraveñen tamén dereitos constitucionais, o artigo 6.3d do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional.

Ademais, Antonio Fraga Mandián abandonou a sala no medio da vista oral e tamén se alterou a orde fixada publicamente para a celebración do xuízo. A celebración da vista pasou por diante de tres xuízos que o precedían no horario por necesidades de axenda do denunciante, o xuíz-decano de A Coruña. Na última parte da vista, conculcouse o dereito á última palabra do acusado ao tan só permitirlle a xuíza expresarse apenas dous minutos.

 
Informacións relacionadas
19/07/2007 A xuíza negou as probas testificais propostas polo sindicalista e a posibilidade deste de interrogar a testemuña da acusación
Eduardo Álvarez denuncia indefensión e parcialidade da Xustiza española no seu caso
14/07/2007 A Mesa convoca un acto público de apoio ao denunciado o 18 de xullo ás 11:30 da mañá na entrada do edificio dos Xulgados
Novo enxuizamento en A Coruña a un cidadán por defender os seus dereitos lingüísticos
15/02/2007 Dúas persoas discriminadas polo uso do idioma denuncian os seus casos ante o ‘Consejo General del Poder Judicial’
Órganos xudiciais coruñeses conculcan os dereitos lingüísticos dos galegofalantes
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións , artigos , documentos , publicacións , convenios colectivos ... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta