|
Actualidade / Artigo Héctor López de Castro
Ruíz-
Este galego impotente e gaguexante das elites políticas e funcionariais do noso país é un fiel reflexo da importancia que conceden á lingua: o galego está ben cando che serve de mérito para ascender na carreira xudicial, máis o seu uso na Administración de Xustiza pode ser “en certo modo, perigoso”. O galego é unha lingua “tremendamente fermosa”, máis se no ensino é esixido ao mesmo nível que a Matemática, a Historia ou a Literatura (española, é de supor) os alumnos adquirirán “unha animadversión frente ao idioma, en vez de lle tomar cariño”. Estes exemplos, que algúns xulgaredes esaxerados e caricaturais, son citazóns literais das palabras do Valedor do Povo en dúas entrevistas publicadas o 31 de xullo de 2007 nos xornais La Opinión de A Coruña e La Voz de Galicia. Benigno López, que como maxistrado do TSXG asinaba as sentenzas “en la Ciudad sede de este Tribunal” por non escreber A Coruña, ten o mérito de non disimular os seus preconceitos sobre o galego, unha lingua que acha “perigosa” na Administración de Xustiza por considerala practicamente inhábil para transmitir pensamentos complexos: “Non é o mesmo ‘delitos contra el honor’ que ‘delitos contra la honra’ e porén, ‘honor’ e ‘honra’ en galego son o mesmo termo”. Este xénero de declaracións, que ditas a título individual xa serían reprobábeis, son inadmisíbeis nunha institución que ten a función legal de tutelar os direitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de Autonomía. O título deste artigo pode ser unha pregunta que moitos galego-falantes dirixan aos membros do Parlamento: señorías, quen nos vale a nós do Valedor? |
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2007 |
|||||||
|