|
Actualidade / Artigo Dados macro que hai que matizar Manuel Mera-
Ante todo, pra centrar o contexto político, cumpre afirmar que millorou a xestión respeito do governo conservador e que existe unha maior sensibilidade social. Mais dito esto, hai que engadir que non se tomou ningunha medida efectiva pra redistribuír a riqueza e millorar as condicións laborais, e tampouco houbo mudanza significativa na cuestión nacional. Aínda estamos a media lexislatura, porén nada indica que se prepare cambio ningún de ritmo e na orientación. E todo eso malia o aumento do PIB ¿que pasará nos tempos malos?... Indo ao tema. Cando se fala do medre do PIB temos que saber que a construción e a inmigración fan de locomotora; e que a primeira a esta altura engade débedas familiares insoportábeis, cuxas consecuencias están por verse. A inmigración suma un problema de integración real e queda das condicións laborais, que aínda non se abordaron. Ademais, a balanza comercial é negativa, o IPC está por riba da media da Unión Europea, e os salarios son moito máis baixos. Estase construíndo sobre unha gándara, ¿canto tempo durará? evitarase un recuar moi duro?... son interrogantes que abren varios escenarios posíbeis, a maioría nada prometedores. A respeito da queda do desemprego as valoracións triunfalistas abraian. Esquecese que o ano pasado ¡setenta e cinco mil persoas! residentes na nosa nación, foron contratadas noutras autonomías do Estado español (onde residen máis de 400.000 galegos, moitos mozos e mozas cualificados), e as oficinas de colocación rexistran 140.000 desempregados con nomes e apelidos (12% da povoación activa). As cifras da EPA son cuestionábeis desde moitos puntos de vista, ninguén confía hoxe nelas, utilizalas non é serio e, o máis importante, non permite traballar pra dar unha saída ao problema. Engadir por último que, na practica, o dado da EPA segundo o cal temos unha porcentaxe de paro máis baixo que a media do Estado, é un dado artificial, un espellismo, que fica reflectido nos miles de inmigrantes que chegan ao país e terminan marchando, e na enxurrada de galegos e galegas que fan o proprio. Ninguén deixa o que vai moi ben e ten tanto futuro,... máxime cando existe a morriña. En resumo, necesitase menos auto-bombo, máis atrevemento e procurar sempre a complicidade participativa da maioría social. |
|||||||
|
|||||||
|
|
|||||||
|