|
Actualidade
A Coruña, 3 de agosto de 2007
Ministerio de Industria e a patronal exclúen ao persoal das subcontratas dos criterios de incorporación ás empresas principais
A última documentación do Plan Miner agudiza a discriminación dos mineiros galegos
| |
 |
|
Mineiros cortan a vía do tren na estación de Meirama nunha acción
de protesta do pasado 17 de abril. (Foto: ©galizacig.com).
|
| |
A documentación manexada na última reunión da Comisión de Seguimento do
Plano Miner II agudiza aínda máis a discriminación dos mineiros das auxiliares
do carbón da Galiza. Ministerio de Industria e Carbunión, a patronal estatal da
minaría, acordaron excluír ao persoal das subcontratas dos criterios de
incorporacións ás compañías principais.
A CIG denuncia que na última xuntanza da Comisión de Seguimento do Plano Miner II
non houbo avances no calendario de incorporacións ás empresas principais. Aínda
máis, excluíse os traballadores galegos das subcontratas dos criterios de
recolocacións, tal como coincidiron en sinalar o Ministerio de Industria e Carbunión.
Paulo Carril, representante da CIG na Mesa da Industria Auxiliar da Minaría do
Carbón da Xunta, censura esta exclusión e insta ao presidente da Xunta a que se
comprometa a defender con firmeza perante o Ministerio de Industria o futuro laboral do persoal
das auxiliares das minas galegas. Carril cualifica de submisa a actitude de Touriño fronte
ao Goberno español e pídelle que, dunha vez por todas, vele polos intereses dos mineiros da Galiza.
Alejandro Barreiro, presidente do comité de empresa do Grupo Masa, auxiliar da mina de Meirama,
fai un chamamento a UGT e CC OO, sindicatos presentes na Comisión de Seguimento do Plano Miner II,
a que rexeiten a exclusión do persoal das auxiliares: «Agardamos que UGT e CC OO non dean o
seu consentimento a esta exclusión na próxima reunión da Comisión de
Seguimento en setembro. Esperemos que non traizoen novamente os mineiros galegos das auxiliares, tal
como fixeron en marzo de 2006 cando asinaron o Plano do Carbón». Barreiro asegura que é
inaudito que no caso das minas galegas, que son as únicas de todo o Estado que van pechar a finais
deste ano, aínda non estean fixados definitivamente os criterios das incorporacións ás
compañías principais.
Alfonso Liñares, da sección sindical da CIG nas auxiliares de Meirama, lamenta profundamente
que o ministro de Industria, Joan Clos, incumpra a resolución do Congreso español do
20 de marzo de 2007 na que se insta ao Goberno español a «manter criterios que permitan a
incorporación ás empresas principais dos mineiros das auxiliares». Ademais, os mineiros
aínda seguen agardando unha resposta á carta que lle dirixiron ao ministro e a seren recibidos por el mesmo.
|