|
Actualidade
CIG-Comunicación
-
Os catro operarios portugueses levaban mes e medio sen cobrar e o responsábel da subcontrata, tamén da mesma nacionalidade, marchou cara o país veciño desentendéndose da sorte dos seus empregados. A CIG mesmo tivo que facilitarlles cartos para que puidesen comer e cubrir o resto de necesidades básicas. Tras varias xestións telefónicas infrutuosas con OYC Compostela, unha vintena de membros da CIG de Ferrol se presentou na mañá do 14 de marzo na obra de Mugardos na que traballaban estes catro obreiros portugueses. Alí foi onde os compañeiros da CIG lle pediron responsabilidades e explicacións os representantes da construtora pola grave situación na que se atopaban os catro operarios. A resposta de OYC foi do máis ruín, ao asegurar que a construtora "non tiña responsabilidade sobre a situación laboral do persoal das subcontratas". De seguido, os responsábeis da obra chamaron a Garda Civil e os axentes identificaron López Pintos por tratarse do secretario comarcal da CIG. "É o mundo ao revés que a CIG teña que sentar no banco dos acusados en lugar do propietario de OYC e do subcontratista portugués, que son uns delincuentes e explotadores", manifestou esta mañá en roda de prensa López Pintos, que estivo acompañado polo secretario comarcal da Federación de Construcción, Marcos Sánchez. López Pintos informou tamén da presenza de traballadores estranxeiros en situación irregular nesta obra de OYC en Mugardos. Ao mesmo tempo, indicou que a CIG lle remitirá un informe á Inspección de Traballo no que lle dará conta da alta sinistralidade rexistrada nesta obra de Mugardos. Onte mesmo, un operario caía ao baleiro desde unha altura de tres metros e resultaba ferido de carácter grave. A Policía local da vila puido constatar como non había rede de seguridade. Meses atrás, outro traballador sufría un sinistro que o deixou en cadeira de rodas. A vista contra o secretario comarcal da CIG ferrolá celebrarase o martes 4 de setembro, ás 10:50 horas, no Xulgado de Instrución Número 3 de Ferrol. Vinte minutos antes, haberá unha concentración de apoio ás portas dos Xulgados. |
|||||||
|
|
|||||||
|
|
|||||||
|