ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 15 de setembro de 2007

Defende a súa concesión cun criterio redistributivo para favorecer ás rendas máis baixas
A CIG considera que a axuda de 2.500 euros por nacemento ou adopción é electoralista

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Palé de billetes de 50 euros; clic para aumentar
As axudas públicas, que paga a cidadanía, deben discriminar positivamente en función do obxectivo que pretenden, de forma que aquelas persoas que teñen menos reciban máis e as que teñen máis rendas reciban menos ou nada. Por iso, a CIG considera que este pagamento único de 2.500 euros, que supón un custo estimado polo Goberno de 1.556,75 millóns de euros, vulnera ese carácter redistributivo e realmente non serve á finalidade que di pretender.
 
O próximo día 17 de setembro remata o prazo de presentación de emendas ao proxecto de Lei presentado polo Goberno de Zapatero, polo que se estabelece a dedución por nacemento ou adopción de 2.500 euros para a nai, nun pagamento único. Un proxecto que para a CIG é basicamente electoralista e non garante, como se pretende xustificar, o fomento á natalidade. A CIG aposta por unha política real e frutífera de apoio ás familias, que redunde en ben de toda a sociedade e especialmente naquelas familias con menores recursos económicos.

As persoas beneficiarias, se realizan unha actividade económica e están de alta na Seguridade Social, recibirán eses 2.500 euros por dedución no IRPF, aínda que poden solicitar o pagamento por adiantado. As demais terán dereito a unha prestación non contributiva por ese importe.

A pretendida finalidade desta medida non é outra que o fomento da natalidade co obxecto de frear o avellentamento da poboación. Porén, a Confederación Intersindical Galega considera que esta é unha medida ‘populista’ que non resposta realmente a esa finalidade, que se estabelece no marco da proximidade das próximas eleccións xerais e que agocha a carencia dunha política de apoio ás familias e de fomento da natalidade.

A definición e aplicación desta política require un debate social amplo, nun contexto participativo e un enfoque integral que aborde todas as dimensións, situacións e actuacións estatais e autonómicas posíbeis, precisando ademais os orzamentos correspondentes.

A dotación de servizos adecuados e de infraestrutura de apoio ao coidado da infancia é un elemento imprescindíbel desa política, ao servizo da igualdade laboral de mulleres e homes e da conciliación laboral e familiar das persoas traballadoras.

Por outra banda, sempre foi criterio da CIG que as axudas públicas, que paga a cidadanía, deben discriminar positivamente en función do obxectivo que pretenden, de forma que aquelas persoas que teñen menos reciban máis e as que teñen máis rendas reciban menos ou nada. Por iso, a CIG considera que este pagamento único de 2.500 euros, que supón un custo estimado polo Goberno de 1.556,75 millóns de euros, vulnera ese carácter redistributivo e realmente non serve á finalidade que di pretender.

Para a CIG tamén é criticábel o método utilizado para o pagamento desa cantidade, dada a súa dobre natureza: dedución fiscal e subsidiariamente prestación da Seguridade Social. Este dobre carácter, totalmente novo no sistema de protección social, vai ser difícil de encaixar no entramado vixente das prestacións sociais.

 
 
Informacións relacionadas
06/07/2007 Valoración da Secretaría Confederal da Muller da CIG
2.500 euros por cada novo fillo/a, a demagoxia do regalo en efectivo
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta