ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 26 de setembro de 2007

O PP disposto a valorar cambios na disposición adicional 17ª, pero non a propoñelos
Concentración pola derrogación do plus dos altos cargos ás 11:30 horas en Compostela, diante de San Caetano

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xosé Carlos Crespo e Anxo Louzao; clic para aumentar
Á xuntanza, que tivo lugar no grupo parlamentario popular cos deputados Manuel Ruíz Rivas e Antonio Rodríguez Miranda, asistiron, en representación da CIG, os secretarios nacionais das Federacións de Ensino e de Administración Pública, Anxo Louzao e Xosé Carlos Crespo. (Foto: Xosé Carlos Crespo e Anxo Louzao na presentación da campaña para derrogar o complemento de destino para altos cargos da Administración, o martes 18 de setembro. ©galizacig.com).
 
A Confederación Intersindical Galega fai un chamamento a participar na concentración que terá lugar esta mañá –mércores 26 de setembro-, ás 11:30 horas, diante da sede da Xunta de Galiza en San Caetano. Unha concentración convocada no seo da campaña que a central está a desenvolver “pola derrogación do plus dos altos cargos”.

No seo desta mesma campaña celebrouse o martes 25 de setembro unha xuntanza entre representantes da CIG e do grupo parlamentario popular para tratar sobre a derrogación da disposición adicional 17ª. O PP manifestou que, dado o rexeitamento social que ten suscitado esta medida, estarían dispostos a revisar o asunto se algún grupo parlamentario presenta unha iniciativa neste sentido, pero non a presentala eles.

Á xuntanza, que tivo lugar no grupo parlamentario popular cos deputados Manuel Ruíz Rivas e Antonio Rodríguez Miranda, asistiron, en representación da CIG, os secretarios nacionais das Federacións de Ensino e de Administración Pública, Anxo Louzao e Xosé Carlos Crespo.

A respecto da resposta do PP, que asumiu a responsabilidade de tomar esa iniciativa –a disposición adicional 17ª introduciuse no texto vía emenda presentada polo seu grupo parlamentario-, Anxo Louzao considera que se trata dun posicionamento claramente insuficiente. “Dá a impresión de que só lles pesa o rexeitamento social pero non teñen a vontade de rectificar a non ser que sexa outro grupo quen o propoña”.

En todo caso a CIG agarda que os populares cumpran con ese compromiso e que realmente apoien a derrogación desa disposición.


Pola derrogación do plus dos altos cargos

Manifesto

O pasado día 17 de setembro entrou en vigor a Lei 13/2007, do 27 de xullo, de reforma da Lei da Función Pública Galega (LFPG), aprobada no Parlamento galego o 17 de xullo. Con ela introduciuse unha disposición adicional 17ª que supón un novo beneficio salarial para aqueles funcionarios e funcionarias que ocupasen cargos públicos de designación política ou diferentes cargos representativos.

Mediante esta reforma, os funcionarios e funcionarias ex altos cargos obteñen de por vida un complemento de destino de 14.721 euros anuais (o estabelecido para os directores xerais), que incrementa en 3.000 euros o máximo nivel de complemento de destino existente na carreira administrativa (o nivel 30). Ademais, esténdese a funcionarios e funcionarias que exerceran de alcaldes, deputados, senadores, cargos do poder xudicial e outros cargos de representación institucional, seguindo o modelo do Estatuto básico do empregado público, aprobado a nivel estatal e que xa contara no seu momento coa oposición da CIG.

Desde a CIG, entendemos que o correcto sería aproveitar esta reforma da LFPG para rebaixar os privilexios dos funcionarios e funcionarias que ocuparon cargos de designación política, como o seu sistema acelerado de consolidación do nivel 30 (11.721 euros anuais) polo simple desempeño dun alto cargo durante dous anos continuados ou tres con interrupción, introducido por Lei 2/1998, do 8 de abril. Ao contrario, o que se fai é aumentar ese complemento en 3.000 euros máis, creando unha casta privilexiada composta polos funcionarios e funcionarias que ocuparon nalgún momento postos de designación política e que perciben por tal motivo unha retribución á que ningún outro servidor público pode aspirar, por exemplar e brillante que sexa a súa carreira.

Igualmente, a medida é discriminatoria, inxusta e desproporcionada en relación con todos os cidadáns e cidadás que non son funcionarios públicos e nalgún momento da súa vida desempeñan cargos públicos ou de representación política; ou co resto da clase traballadora, para os que 14.721€ representan máis que o seu salario de todo o ano.

A CIG entende que esta forma de proceder é reflexo dunha concepción elitista da función pública, pola que se crea e prima un corpo de elite, os funcionarios e funcionarias que ocuparon cargos públicos ou de representación política, coa agravante de que se fai con importantes custos para o erario público. Igual de elitistas son as medidas que contemplan os Orzamentos do Estado para 2008, como o incremento dos salarios no 3,5% (0,5% máis que o IPC previsto) ou o estabelecemento dunha indemnización por cesamento para os deputados que leven máis de dous anos no Parlamento.

Diante destes feitos, que a CIG considera inxustos, discriminatorios e elitistas, decidimos levar adiante diversos actos de protesta e mobilizacións, así como manter reunións cos tres grupos parlamentarios, para que procedan a derrogar a disposición adicional 17ª da LFPG, así como outros mecanismos legais de consolidación acelerada de grao, como os contidos na Lei 2/1998, do 8 de abril. Se estas medidas non resultasen suficientes, promoveriamos unha Iniciativa Lexislativa Popular co fin de forzar o debate no Parlamento Galego para a anulación deste plus.

 
 
Informacións relacionadas
22/09/2007 Mantense a concentración convocada para o día 26 de setembro en Compostela
O BNG anuncia á CIG que intentará que se derrogue o plus dos altos cargos aproveitando a Lei de Orzamentos
19/09/2007 Non descarta promover unha inciativa lexislativa popular
A CIG anuncia campaña para derrogar o complemento de destino para altos cargos da Administración
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta