|
Actualidade CIG-Comunicación-
O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, explica que con esta actuación, que “é moito máis frecuente do desexábel e que temos denunciado en moitas ocasións no seo do Comité Provincial de Seguridade e Saúde laboral, ademais de rebaixar considerabelmente as estatísticas de sinistralidade, evitan a investigación do accidente por parte da Inspección e dos Técnicos do Gabinete provincial da Delegación de Traballo”. Blanco subliña que “semellante fraude, ademais de inmoral é intolerábel, é merecente de sanción por parte da Inspección de Traballo”. O problema, ao seu entender, radica en que na actualidade é dificilmente detectábel, dado que as mutuas están obrigadas a notificar o parte de accidente, pero non existe control sobre a data de alta médica do traballador accidentado. “Así encontrámonos con baixas que teñen durado até 300 e 365 días e o accidente que a orixinou está cualificado como ‘accidente leve’”. Para o secretario comarcal da CIG de Ourense, só unha modificación legal que obrigue a notificar a data de alta da persoa accidentada, podería facilitar a loita contra esta “miserábel fraude”. Para a CIG de Ourense “o colmo do despropósito” produciuse no gravísimo e recente accidente no viaduto do AVE en O Carballiño, dado que a subcontrata para a que prestaban servizos os catro traballadores portugueses feridos ten domicilio en Zamora, a mutua contratada (FREMAP) fixo naquela provincia a correspondente notificación á Autoridade Laboral”. Nos partes dos catro traballadores feridos cualifícase o accidente como leve, malia cualificarse a accidente no parte de hospitalización no CHOU como grave ou moi grave (fractura aberta de rótula, fracturas de extremidades, traumatismo cranio-encefálico, perda de coñecemento...). “A rutina fraudulenta traizoou aos responsábeis de cubrir o parte de accidente e rebaixaron a cualificación dun accidente cuxas imaxes abriron todos os informativos do país en radio, prensa e televisión”, lembra Etelvino Blanco. Xunto a isto o secretario comarcal de Ourense subliña que un facultativo de FREMAP asina dito parte como médico asistente (estando en realidade ingresados en centros hospitalarios de Ourense), do que entende que “poderían derivarse outro tipo de responsabilidades”. Por todo isto, a CIG porá en coñecemento da Autoridade Laboral e da Inspección de Traballo correspondente (a de Zamora) estas circunstancias, por se fosen motivo de sanción administrativa. O Comité Provincial de Seguridade e Saúde Laboral, no que están integrados tanto as organizacións empresariais como sindicais e a propia Administración, tamén acordou, en xuntanza mantida o pasado martes, día 18 de setembro, pedirlle a FREMAP a documentación e informes que usou para facer a cualificación de leve dos accidentados. |
|||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2007 |
|||||||
|