|
Actualidade / Artigo As terras de Trives e Caldelas Manuel Mera-
Esta área de alta montaña ofrece monumentos como o Mosteiro de Montederramo, que necesitaría un pulo inversor pra súa total recuperación; o Castelo de Castro Caldelas, ben conservado e que conta cun pequeno museo etnográfico; un núcleo antigo interesante na Pobra de Trives, co Pazo dos marqueses de Trives e a Casa Grande en pleno centro, e outro núcleo con restos medievais na pequena vila de Manzaneda (algúns anacos da muralla, un arco da porta de entrada, etc). Por certo, pasaba por eiqui a Vía Nova romana, quedando deste período numerosos restos. Temos ademais nestas terras o Canón do Sil, na chamada Ribeira Sacra, unha fenda de varios centros de metros entre montañas pola que se abre paso o río Sil; o bidueiral de Montederramo, perto de Magainza, por magoa de moi difícil aceso; O embalse e o val de Chandrexa de Queixa; a estación de deportes de inverno de Cabeza de Manzaneda; etc. Podemos tamén falar dos bos viños da Ribeira Sacra, compartida con outras comarcas, da carne de calidade, da bica, dos doces artesanais, como os “biscoitos borrachos”. En fin, son lugares que cumpre visitar, mais que necesitan de millores comunicacións e unha maior dotación de infraestruturas pra facilitar o turismo, comezando polo que veña do resto de Galiza, así como de máis divulgación dos atributos que posúe. Agora ben, malia que esta é unha zona agradábel pra vida, de contrastes xeográficos e potencialidades evidentes, as cousas non van ben no plano económico e social. As terras de Trives e Caldelas abranguen en total oito concellos con 745 quilómetros cadrados e uns dez mil habitantes, ou sexa, unha densidade de povoación sete veces máis baixa que a media galega! Non sempre foi deste xeito. Segundo o censo de 1900 a área tiña 30.478 habitantes e en 1950 baixara a 27.385, unha tendencia negativa, contraria á do resto do país que neste período aumentaba povoación en practicamente todos os concellos. En poucas palabras esta zona reflicte gravemente o despovoamento da Galiza interior, xa que dividiu por tres o número de habitantes nas últimas cinco décadas. O dado de povoación, millor que ningún outro, amosa os atrancos económicos e as eivas nos servizos básicos e infraestruturas que padecen estas dúas comarcas, ao que temos que engadir que nos novos proxectos de investimento público fican en moitos casos esquecidas. Resulta polo tanto normal que exista un sentimento de agravio comparativo e que se faga de vías de comunicación, como da A-76 corredor 3 por Ourense, motivo da necesaria mobilización cidadán. As diferentes administracións públicas deben escoitar estas protestas, non só porque son xustas, senón asemade porque non resolvelas axeitadamente é aceptar como algo definitivo unha Galiza asimétrica, de varias velocidades, significa fracturar a nación tamén territorialmente. Fáltame coñecemento abondo pra saber se esta é a obra prioritaria na zona, porén do que non hai dúbida é que cumpre un plano especifico de investimento e medidas urxentes que dinamicen a actividade económica e a xeración de emprego digno. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/09/2007 |
||||
|