ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 29 de setembro de 2007

Desde abril abandonaron esta empresa
Os traballadores de Vimenca e Áridos de Vilagarcía protestan diante da casa dos empresarios

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Empregados/as de Vimenca, traballar e cobrar; clic para aumentar
Os traballadores da empresa Vimenca e Áridos de Vilagarcía denunciaron a situación extrema na que se atopan. Dende o mes de xuño non cobran o seu salario. (Fotos: ©Zélia García).
Empregados/as de Vimenca, traballar e cobrar; clic para aumentar
Empregados/as de Vimenca, traballar e cobrar; clic para aumentar
O persoal de Vimenca e Áridos de Vilagarcía, abandonado polos empresarios
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 2'02'', espazo en disco: 8.753.308 bytes [8,34 Mb]). Realización: Zélia García.
 
Durante máis de media hora un colectivo de traballadores e traballadoras afectadas polo abandono de prefabricados de obra Vimenca e Áridos de Vilagarcía estiveron protestando nunha das rúas máis céntricas de Vilagarcía, na que vive un dos empresarios que por problemas persoais deixou ao seu persoal contratado abandonado e que levan desde xuño sen cobrar o seu salario.

Nove traballadores da empresa Vimenca e Áridos de Vilagarcía denunciaron a situación extrema na que se atopan. Dende o mes de xuño non cobran o seu salario. Os empresarios deixaron de pedir material para continuar coa actividade, e desapareceron da empresa desde o mes de abril por problemas persoais entre eles, polo que non hai traballo nin ingresos. Pero tampouco rescinden os contratos dos traballadores, impedíndolles buscar outro emprego.

As empresas, situadas no Pousadoiro, adícase á construción de prefabricados de obra. Pero hai meses deixou de pedir material rematando a súa actividade e, por tanto, deixando de percibir ingresos.

Os xefes deixaron de “pedir material e de coller pedidos”, polo que pouco a pouco quedaron sen traballo e sen soldo, desapareceron do noite para o día da empresa. Os traballadores presentaron demanda no Xulgado do Social para pedir que a empresa lles rescinda o contrato e poder ir ao desemprego. Pero solicitan tamén que se lles recoñeza a antigüidade, as categorías profesionais e as débedas que a empresa ten con eles.

A empresa débelles todo os soldos desde xuño, ademais das pagas extra do ano pasado e deste. Incluso lle cortaron o teléfono á empresa por impago das facturas, aínda que os traballadores seguen acudindo cada día a facer o seu horario e vixiar que non se espolie o que queda alí.

Os traballadores, todos afiliados á CIG, agás unha traballadora, consideran “insólito e inadmisíbel que unha empresa que funcionaba peche por un problema sentimental entre os dous socios: Mari Paz Capdevila Cayón e Víctor Méndez Castro”. De ningún saben nada desde hai meses. Nin sequera aparecen a recoller as cartas do Xulgado.

Primeiro presentáronse no Xulgado, pero tamén fixeron roldas de prensa e, como esta situación continúa, este venres 28 de setembro os traballadores e traballadoras acudiron a protestar a casa dos xefes, na Rúa da Baldosa de Vilagarcía.


“Que dea a cara”

Neste emprazamento e durante máis de media hora, máis de trinta persoas facían ruído, acompañadas de chifres e sereas, para sinalizar a casa deste empresario moroso, que ten varias promotoras ademais deste negocio, así como demandaban que “dera a cara, porque nós o que queremos é traballar, cobrar o que se nos debe e non estar a mendigar”.

Até decembro non terá lugar o xuízo, polo que os traballadores continuarán mobilizándose para que se lles escoite e se coñeza a súa situación.

As empresas Vimenca e Áridos de Vilagarcía presentáronse no Tribunal do Mercantil por suspensión de pagos, polo que a CIG tamén se personou para representar a estes traballadores e traballadoras como afectadas neste proceso xudicial que se abre. / Zélia García.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta