Actualidade / Opinión Volver


Vigo, 13 de setembro de 2007

“Galicia bilingüe” ou o desprezo polo País
 

Pilar Rodríguez Pérez-

CIG-Mocidade


  Na Galiza, en galego!; clic para aumentar
No ensino nunca se cumpriron os mínimos de materias a impartir en galego, polo que as distintas organizacións estudiantís e xuvenís do País levan manifestándose durante anos para que se cumpran estes mínimos. Polo tanto as medidas de promoción non poden ter como finalidade unha “Galicia Bilingüe”, isto sería dar pulo á lingua opresora. (Foto: “Na Galiza, en galego!”, lema da organización xuvenil Galiza Nova na manifestación do Día das Letras Galegas 2006, o 17 de maio en Compostela. ©galizacig.com).
 
“Mais soio os iñorantes
e feridos e duros
imbeciles e escuros
non nos entenden non”.

(Eduardo Pondal).



Xa vai uns meses que unha asociación denominada “Galicia Bilingüe” facía público un manifesto denominado “Tan Gallego como el Gallego” en contra do Decreto 124/07 que regula o uso e promociona o galego no sistema educativo. Asemade, como se a décadas pasadas nos remontáramos, identifican o idioma galego con atraso, afirman que vai contra a calidade do ensino ou outros adxectivos descalificativos que non paga a pena lembrar nesta reflexión.

Semella, segundo a análise destes “bilingüistas”, que este tipo de medidas xurden da nada ou da simple teima duns cantos “politicos radicais”, como o definiría o españolismo máis rancio. Esquecen totalmente que existe unha lingua oprimida dende vai séculos e unha lingua opresora, e ademais que isto vese plasmado a cotío na actualidade. Aínda hoxe hai rapaces nas escolas, institutos ou universidades que ven violado o seu dereito a se expresar na súa lingua nai; profesorado sancionado por dar aulas en galego, e incluso funcionariado que recibe queixas por escrito por “no hablar normal”.

Existe un agravante que é que no ensino nunca se cumpriron os mínimos de materias a impartir en galego, polo que as distintas organizacións estudiantís e xuvenís do País levan manifestándose durante anos para que se cumpran estes mínimos. Polo tanto as medidas de promoción non poden ter como finalidade unha “Galicia Bilingüe”, isto sería dar pulo á lingua opresora.

Falan de que se debe aprender inglés, e non sei que outros idiomas e materias de futuro e non a lingua “de hablar con las vacas” como din nos foros. Albisca un arrecendo reaccionario cara a nosa lingua por parte destes sectores. Un odio por parte de certas familias que non queren defender os dereitos nacionais (que tamén son os dos seus fillos e fillas) senón impor a toda a costa un practicismo ateigado de auto-odio que nos fai recuar aos xeitos de facer máis primitivos.

Cobren estas persoas co nome de politicamente correcto o seu desprezo polos signos identificativos do noso País. Porén detrás desa “Galicia Bilingüe” agáchase a defensa do uso único do castellano, demostrando unha vez máis que o que perseguen algúns e que o galego desapareza. Detrás de “Tan Gallego como el Gallego” preténdese agachar o desprezo polo País, a colonizacion, que se percibe por todos os cantos na páxina web; nos seus foros lánzanse eslogans como os que se inculcaban no franquismo, como aquelo de “con el gallego no se va a ningún lado”, “es un dialecto de labriegos”.

Como se atreven a definirse como galegos aqueles que, con premeditación e alevosía, intentan esmagar a cultura galega? Como teñen tremenda ousadía de desprezar a lingua de Rosalía e Castelao e definirse como “tan galegos”? Como se pode en nome da “cultura” tentar esnaquizar parte da nosa cultura?

Por sorte, para maioria social, a represión lingüística da ditadura franquista ficou atrás e no pasado debe ficar. Compre reforzar agora moito máis a nosa lingua. Un idioma que, malia que moitas veces quixérono matar, segue a ser unha lingua viva, unha lingua falada cada vez por máis xente sen nengún tipo de complexos: no campo, na cidade, na escola, no traballo, na casa, cos amigos, cos estranos... non hai fronteiras. Debémosllo a nosa lingua. Porque é de Lei!!!

 
 
  Pilar Rodríguez Pérez,
membro de CIG-Mocidade.

(
Máis artigos...)
  Pilar Rodríguez Pérez
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta