|
Actualidade CIG-Comunicación-
O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, acompañado polo técnico en Prevención de Riscos da Central Sindical, Anxo Pérez Carballo, emitiron un comunicado de prensa, despois de personarse no lugar do accidente nada máis coñecer a noticia, no que afirmaban que “a cautela e a responsabilidade, fan que debamos agardar ás investigacións oficiais, para poder facer unha avaliación das posíbeis causas que motivaron o accidente”.
Etelvino Blanco e Anxo Pérez engadían que “non obstante, si que debemos efectuar algunhas apreciacións que consideramos necesarias: • Non resulta para nós unha excesiva sorpresa que se producira un grave accidente. Non en van xa advertimos, no pasado mes de xullo, de que as condicións nas que se está a traballar nas obras do AVE, non se axustan á legalidade vixente, non só en materia de seguridade laboral, senón tamén en canto ás condicións de traballo nas que están a prestar servizo boa parte das subcontratas, moitas delas con persoal do país veciño, Portugal, sobre as que hai escaso control por parte da Autoridade Laboral. • Puidemos comprobar que se continúa a abusar da cadea de subcontratacións, que aforrando custes, degradan a calidade do traballo, tanto material como en cuestión de seguridade. • Segundo testemuñas a pé de obra, neste tramo estase a traballar en dúas quendas que cubren as 24 horas: 12 horas por quenda como mínimo, traballando ademais en situación de precariedade extrema e con persoal que moitas veces non posúe a cualificación profesional necesaria para desenvolver certos tipos de traballo, co que se converten man de obra barata fácil de sobreexplotar. • Pensamos que, tanto a empresa principal, Fomento de Construcións e Contratas, como o propio Ministerio de Fomento, deberán responsabilizarse das consecuencias do accidente. • Volvemos insistir, ao igual que fixemos no pasado mes de xullo, na necesidade de que a Inspección de Traballo e a Autoridade Laboral da Xunta, realicen un traballo especificamente dirixido a facer cumprir a normativa de prevención de riscos nestas grandes obras públicas”.
Así mesmo desde a Comarca de Ourense da CIG manifestaron o seu máis profundo pesar polo falecemento do traballador e polos compañeiros feridos no mesmo accidente, así como “a nosa solidariedade coas súas familias e compañeiros de traballo”. O tráxico accidente puido ter aínda maior magnitude se temos en conta que noutros momentos hai maior número de traballadores na cima da estrutura, e mesmo que pouco máis adiante do lugar do sinistro, a altura é aínda considerabelmente maior. Ao fío disto último, “resúltanos totalmente incomprensíbel que a estrada que circula mesmo por baixo do viaduto en obras, permaneza aberta ao tráfico diariamente, cando hai outros percorridos alternativos”. Por último, desde a Comarca da Ourense fan un chamamento no que “reclamamos dos políticos que non só se preocupen polos prazos de remate das obras e polos compromisos electorais, esixindo maiores ritmos de traballo, e si se paren a corroborar que se traballa con seguridade e se garanta a vida dos traballadores”.
Xan Losada, responsábel comarcal da Construción de Ourense, tamén acudiu ao lugar dos feitos e tamén quixo desde esta Federación facer fincapé en que “nós xa denunciamos ante os medios de comunicación o tema do abuso nas subcontratas, e sobre todo en obras da Administración, neste caso de Fomento, que contrasta coa visita que fixo o outro día a ministra, e mesmo coas declaracións dos políticos que sempre andan a voltas coa cuestión do retraso nas obras do AVE. O que non se pode é acelerar os traballos a conta do esforzo dos traballadores, porque estamos a falar de xornadas de máis de doce horas de traballo nalgunhas ocasións. Estes traballadores que sufriron o accidente estaban a traballar de noite, e as condicións de traballo de noite non son as mesmas que de día”. Losada tamén pon enriba da mesa a precarización destes traballadores xa que “as subcontratas, normalmente empresas portuguesas que son as que están a facer o traballo máis barato, e aínda que a legalidade lles obriga a cumprir a lexislativa de aquí ou que se establezan os salarios de aquí a realidade non é esa. A finais do mes de xullo, a CIG, a través do seu representante de Saúde Laboral, fixo unha nota avisando que neste tramo concreto de O Carballiño había unha cantidade de baixas laborais moi importante porque se detectaban nos ingresos nos centros de saúde da comarca.
O responsábel comarcal da Construción en Ourense dixo que este accidente “era unha cousa que temíamos que en calquera momento podía pasar e que vai continuar a acontecer se non se toman as medidas necesarias. Vou pedirlle as outras centrais sindicais facer algunha medida de presión e imos propor, polo menos pola nosa parte, algunha xornada de paro no sector para chamar a Administración a que tome cartas no asunto”. Xan Losada relata tamén a experiencia de “afiliados que pasaron por alí e que deixaron o traballo porque despois de dez e doce horas de traballo, os que eran choferes eran obrigados a ir cos camións pola estrada xeral a coller máquinas, o que conlevaba que se sobrepasaran nos discos, e ante o medo das sancións que lle poderían vir por parte da garda civil deixaban o traballo”. Para rematar, Losada engadiu que “todos os partidos están a utilizar como bandeira electoral a cuestión do AVE, e son os traballadores os que están a pagar as consecuencias”. |
||||||||||
| Informacións relacionadas
|
||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/09/2007 |
||||||||||
|