Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 18 de setembro de 2007

Chile
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Santiago de Chile, cidade máis contaminada América Sul; clic para aumentar
Santiago de Chile é a cidade máis contaminada de América do Sul.
 
Despois que os delincuentes españois comandados por Pizarro esnaquizaran, mataran a dentadas de mastín, garrote vil e enfermidades ao imperio incaico... comezaron a matarse entre eles. Pizarro e Almagro formaran unha sociedade mercantil en Panamá, hoxe chamariamos a esa sociedade “banda armada” ou “asociación para delinquir”, na que se repartiron imperios e riquezas que non eran deles. Contan que o problema viña había pouco, pois Carlos V, o rei alemán que a penas falaba español, lle dera a Pizarro o título de marqués e a Almagro o de adelantado, e no Estado español os graos e títulos non son calquera cousa, sobre todo para aqueles que foron aleitados por cochas como foi o caso de moitos conquistadores estremeños, entre eles Pizarro.

Un marqués non pode ser amigo dun adelantado, así que antes de matarse, Pizarro decidiu, xa no Perú e multimillonario, darlle a Almagro o refugallo do sur do Perú, que non é outra cousa que o actual Chile.

Cincocentos españois e máis de dous mil indios escravos xuntou o fero español Diego de Almagro. Con estes homes, os españois dacabalo, atravesou o deserto máis deserto dos desertos do mundo: Atacama. Os españois cruzaron o deserto, mais non os indios, rebentados e mortos, e segundo as crónicas comidos polos propios españois ante a falla de comida.

  Muller mapuche; clic para aumentar
Muller mapuche.
 
Chegaron a un lugar en que a máis grande riqueza era seguir vivo. Nin montañas de ouro nin lagoas de prata tiñan os mapuches para seren roubadas.

Gobernación de Nueva Toledo chamábase a nova pertenza da Coroa dos españois en América. Unha das “disquisicións” máis “profundas” entre o marqués Francisco Pizarro e o adelantado Diego de Almagro era a cal dos dous foraxidos pertencía administrativamente a cidade de Cusco, que en quechua quere dicir embigo.

Para non matarse, e como todo era cousa de ganancias e perdas, Pizarro decide asinar outro acordo polo que as ganancias da cidade, é dicir, o resultado do roubo, era dividido entre os dous. Esta foi a única maneira de que Almagro marchara polo deserto de Atacama e comera máis de mil indios e os cabalos que levaban para matar na batalla Reinogüelén aos mapuches que se lle resistían.

A historia do canibalismo e do masacre, aderezada con españois prófugos do Perú coas orellas cortadas por ladróns e vivindo entre os indios mapuches, rematou ante a inexistencia de ouro ou prata.

Así, Almagro voltou ao Perú e morreu entre as guerras intestinas que mantiñan estes feros españois; despois de non ter máis indios que matar, matáronse entre eles.

Independizados por un arxentino, San Martín, e por un fillo bastardo con apelido irlandés, Bernardo O'Higgins, Chile non ten moito que contar para a historia do enriquecemento do Imperio español. Os irlandeses, católicos activistas, estaban ás ordes da monarquía española para loitar contra a “Pérfida Albión” (miserábel Inglaterra) que os mantiña colonizados. Bernardo era fillo extramatrimonial de Ambrosio O'Higgins, irlandés gobernador de Chile e despois vicerrei do Perú. Irlandés, espía a soldo da monarquía británica, era tamén o axuda de campo de Bolívar, Daniel Florencio O'Leary.

  Non estamos todos, faltan os presos; clic para aumentar
13 presos politicos mapuche en Chile son acusados inxustamente por diferentes leis, principalemente pola lei antiterrorista 18.314 de Pinochet que aínda sigue en vigor.
 
Bernardo tamén loitou contra os “realistas” e non contra os españois, nunha guerra, a de independencia dos Estados americanos, entre os brancos peninsulares (adeptos ao rei) e os brancos americanos (adeptos ao seu negocio). Como todos os liberadores americanos Bernardo morreu no exilio, en Perú, despois de ser obrigado a renunciar polos brancos que mandaban unha vez “independizado” Chile.

Foron eses mesmos brancos chilenos os que trouxeron os inmigrantes alemáns para branquear a raza e poboar o país, especialmente ao sur do país que na etapa colonial se chamaba Nueva Galicia. A idea de traer “sangue branco” foi un calco, nas nacentes repúblicas americanas, dos colonos saxóns dos Estados Unidos.

Matar o nativo, escravizalo de non matalo, e perpetuar o poderío do branco en países dos que se apropiaron sen dereito nin xeito. Os chilenos que mandaban na política e nos negocios sempre quixeron ser outra cousa distinta aos chilenos. A “estreiteza” do país pensaban que tiña relación cunha estreiteza de miras. Axiña chegaron os ingleses e, en lugar de bautizar e violar indíxenas coma os españois, dedicáronse a bautizar industrias e violar recursos naturais para o seu propio beneficio.

Así como a indiferenza e o racismo fixo que as ex-colonias británicas copiasen o podre sistema clasista inglés, os chilenos, por razóns de idiosincrasia, copiaron a hora do té (que eles chaman a “once”) e unha irrestrita obediencia á Coroa británica, como ben puidemos observar na Guerra do Pacífico polo “guano” (excremento) das aves, na Guerra das Malvinas servindo o seu territorio de apoio loxístico para os británicos ou na contrapartida da colaboración dos Gobernos de Thatcher e de Blair co sátrapa Augusto Pinochet.


  Pintada en Santiago de Chile; clic para aumentar
Pintada en Santiago de Chile.
 
Chile é vendido coma un milagre

Chile é vendido coma un milagre económico. Os inmigrantes chegaron ao poder, esmagaron os propios, e foron herdándoo de pais a fillos e de familias en familias. Os O'Higgins, os Alessandri, os Pinochet, os Frei, os Alwyn, os Walker, os Bussi, os Trucco, os Bachelet, apelidos irreais nun mundo, nun país, en que a xente é reprimida con destreza, maña e severidade por unha muller presidenta cuxo maior mérito é ser filla de militares represaliados e ter sido bendicida polo poder do status quo mundial por “moderada”, que é a forma bonita de dicir submisa.

O “milagre chileno” ten moito de económico din eles, que é como englobar todo, porque hoxe todo é economía. As escolas chilenas da democracia pospinochet aínda se rexen polas leis deste gorila de voz afrautada. A democracia de Alwyn, de Frei, de Lagos de Bachelet foi a democracia do negocio, dos bancos e da publicidade, pero non a democracia da inclusión social ou da universalización do coñecemento e do ensino.

Milleiros de mozos e mozas sen recursos manifestábanse nas rúas das principais cidades chilenas para rematar coas leis elitistas de ensino do Goberno de Pinochet, que privatizaban o ensino e condenaban a máis do 90 por cento da poboación escolar a non ter acceso a un ensino superior.

  Revoltas mapuches en Chile; clic para aumentar
Revoltas mapuches en Chile.
 
Aínda hoxe nos textos escolares chilenos pode lerse que Pinochet foi presidente unha vez por golpe de Estado e dúas por plebiscito (11 de marzo de 1981 e 1989). Tamén pode lerse que ningún presidente foi asasinado durante o exercicio das súas funcións (Allende), pois este suicidouse.

A propia Constitución segue suxeita ás ataduras deixadas pola ditadura de Pinochet que estableceu quorums elevados para modificar calquera lei fundamental como as concernentes ás condicións laborais, á educación, ao sistema de pensións, á participación do Estado en actividades produtivas e de servizos ou á saúde pública.

Este é o verdadeiro milagre chileno, a convivencia e colaboración da democracia co espírito da ditadura. Esperaron a morte do ditador e condenaron a propinas de cárcere os seus colaboradores 20 anos despois.

Contan que cando Allende, a xente universitaria emigraba en masa. Milleiros de chilenos marcharon a Venezuela, Alemaña (Federal e Democrática) a Suecia antes e despois do Golpe e do “suicidio” de Allende. Pantasmas viventes cargan co peso de non sentirse latinoamericanos senón ingleses morenos; moitos falan, dende as súas xubilacións como profisionais nos países de acollida, da nefasta época de Allende e do milagre económico do trinomio Pinochet-Friedman-Kissinger.

  Enfrontamentos coa policía; clic para aumentar
Enfrontamentos coa policía en Santiago de Chile.
 
O milagre chileno fixo da capital, Santiago de Chile, unha cidade inhóspita e danosa para a saúde. Vivir en Santiago de Chile MATA. É a cidade máis contaminada de Latinoamérica. Aquí en Santiago de Chile os ricos tamén choran pola contaminación en Las Condes, nas casiñas de “Barrio alto”. O marabilloso e publicitado milagre chileno non deu para dotar de infraestruturas a un país, unha cidade como Santiago, en que os seus traballadores e estudantes perden entre catro ou cinco horas diarias en ir e vir aos seus traballos ou colexios.

Os ingleses impulsaron aos chilenos á Guerra do Pacífico, primeiro contra Bolivia, á que roubaron a saída ao mar, e despois contra Perú, ao que roubaron Arica. Os apelidos pomposos e porrompompeiros das familias que gobernaron Chile foron un aval para manter a chusma a raia, que iso é do que se tratou sempre a través dos poderes públicos en Latinoamérica.

A “chusma” é chamada noutras sociedades “cidadáns” ou “sociedade civil”. Aquí a “chusma”, en Chile, está alzada contra unha presidenta que di que é socialista e un sistema que anuncian “democrático”.

Países como Venezuela teñen máis que mostrar ao mundo como milagres para os seus cidadáns en sete anos, que Chile en 30 anos de “milagre”. Os chilenos sempre se queixaron da súa pobreza de recursos. Segundo eles a exportación de merda de gaivota, “guano” ou nitrato de Chile, foi un maná que durou pouco. O cobre coas súas subas e baixadas semella un pelota de pingue-pongue. E as froitas e viños precisarían unha armada invencíbel en número para dar as ganancias dun só barco petroleiro, 23 grupos económicos producen o 90% do PIB neste país estreito e largo en que todo se privatizou e as febles xubilacións dos chilenos pasaron a mans privadas... agás as dos militares.

  O milagre chileno; clic para aumentar
O milagre chileno.
 
Os cidadáns chilenos non teñen acceso á propaganda internacional do “milagre chileno”, porque a publicidade é sempre enganosa e nunca se vive como nela. Policía con equipamentos antidisturbios mallan e deteñen adolescentes, vellos, mulleres e homes que protestan porque o sistema “democrático” está reducido a unha campaña de márketing e a apropiación indebida deses 23 grupos económicos.

Unha vaca é o símbolo da protesta dos traballadores chilenos, segundo eles porque “está cansada de ser muxida en beneficio duns poucos”. No Chile de Bachelet non hai presos políticos senón delincuentes, porque xa non viven en ditadura senón en “democracia”.

Muller presidenta de márketing. Filla de xeneral represaliado de márketing. Conciencia social de markéting. Socialista de márketing. Vontade de cambio de márketing. A presidenta non era filla dun soldado, dun carpinteiro ou dun sarxento senón dun xeneral. Na súa campaña eleitoral foi cantar a progresía españoleira esquerdista: Miguel Bosé, Víctor Manuel...

Chile é unha grande empresa que non pertence aos chilenos senón aos gobernantes e aos empresarios, máis a estes que a aqueles. Ecoicidio constante dos seus bosques e mares, de costas á realidade latinoamericana por simple márketing. A Superintendencia de Bancos de Chile prohibiu aos bancos españois que chegaron para esquilmar os pobres chilenos, dar garfos e potas polo diñeiro depositado nos seus bancos. Os bancos españois riron porque sen eles non existiría Superintendencia de Bancos nin “milagre chileno”.

  Mantendo á chusma á raia; clic para aumentar
Mantendo á chusma á raia.
 
Cando Allende, que naqueles tempos non era unha camiseta nin unha foto con traxe, metralleta e casco, quixo que a “chusma” tomase o poder, axiña un bloqueo internacional intentou matar de inanición o pobo chileno. Colas de horas para mercar polo ou pan. Os avións “Hawker Hunter” que bombardearon o palacio de Goberno, La Moneda, estaban pilotados por pilotos estranxeiros que viñan “salvar” aos chilenos da escaseza. Os mesmos “pilotos estranxeiros” que nas ditaduras e nas democracias fornecen dende o poder o exército e á policía para manter a “chusma a raia” no “milagre económico chileno” hoxe, 6 de setembro de 2007.

Porén todo 6 de setembro ten o seu 11, e nós cremos firmemente, como Salvador Allende nas súas derradeiras palabras aos traballadores e ao pobo chileno, que “moito máis cedo que tarde, abriranse as grandes alamedas, por onde pasará o home libre para construír unha sociedade mellor”. Estamos esperando, confiados, en que así será algún día.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta