|
Actualidade CIG-Comunicación-
Ao longo desta guía pódense ver, en profundidade, as diferenzas de xénero que existen no mercado laboral e a situación de discriminación coa que se topan a meirande parte das mulleres cando acceden ao mercado de traballo. Parte da información recollida é froito de entrevistas mantidas coas delegadas e delegados de prevención e sindicais das distintas federacións da CIG. Entrevistas nas que se obtiveron datos da situación actual nos postos de traballo a través dunha avaliación do estado da prevención da empresa á que pertencen. O tema das condicións laborais abórdase achegando datos estatísticos e trátase a incidencia de riscos de orixe psicosocial na saúde das mulleres e como enfrontarse a eles no marco da empresa. Analízanse tamén os sectores máis feminizados e os factores de risco asociados a este tipo de traballos, alén dos danos que estes provocan na saúde propóndose unha serie de medidas preventivas que deben formar parte da negociación colectiva co fin de poder evitar eses danos. Incídese, loxicamente, nas obrigas empresariais en materia de prevención de riscos laborais para a reprodución, a maternidade e a lactación e os factores de risco que poden prexudicar a saúde da muller embarazada, que dese a luz recentemente ou en período de lactación natural. Ao tempo, propóñense medidas preventivas que é preciso adoptar nesa situación. A Secretaría Confederal da Muller da CIG vén traballando especialmente na identificación de factores de risco en sectores moi feminizados como poden ser o do téxtil, o das conservas ou o da limpeza, e outros non tan feminizados como o sector do transporte. Ademais, forma parte das súas estratexias, contribuír a visualizar as diferenzas de saúde entre homes e mulleres, a partir de algo tan elemental como as diferenzas biolóxicas e de xénero, para que se teñan en conta na prevención de riscos laborais. Mª do Carme López Santamariña, secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais subliña que esta guía “foi posíbel grazas á colaboración da Deputación Provincial de A Coruña e ao traballo realizado pola técnica de Prevención de Riscos Laborais adscrita á Secretaría da Muller, Sayaca Doldán García”. López Santamariña salienta ademais que “é produto do traballo que desenvolve esta Secretaría e, polo tanto, debo dicir que me toca a min facer a súa presentación e divulgación. Porén, asumín esta responsabilidade en xuño deste ano e até ese momento a responsábel era Elvira Patiño Ogea”.
|
||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2007 |
||||||||||||||||
|