|
Actualidade CIG-Comunicación-
Á Asemblea asistiron un total de 52 arqueólogas e arqueólogos dedicados a esta actividade profesional en Galiza. Tras dun debate previo no que se presentaron dúas novas propostas a título individual, que foron votadas, aprobadas por maioría e incluídas no texto do borrador de Convenio presentado na xuntanza, o texto foi aprobado por 38 votos a favor, 6 en contra e 9 abstencións. Na proposta, que será presentada á AEGA para a súa aprobación definitiva, recóllense sobre todo aspectos de carácter salarial e de contratación ademais de medidas de prevención de riscos laborais. Cómpre lembrar que polo tipo de labor que desenvolven estes profesionais están sometidos a unha serie de riscos laborais específicos que na maior parte dos casos non se teñen en conta provocando un incumprimento reiterado da lexislación vixente na materia. Á espera de que tras da súa negociación o convenio entre en vigor, o arqueólogo Mario César Vila explica que os profesionais agardan unha resposta positiva por parte das empresas xa que coa súa aplicación “non só se beneficia ao traballador/a senón a todo o sector, ao mellorar a calidade do traballo e a calidade dos resultados”. O convenio facilitará ademais enfrontarse coa fraude e a competencia desleal coa que moitas veces se topan tanto os traballadores/as como as empresas. As categorías que se estabelecen son a de Arqueólogo Director, Técnico Arqueólogo e Auxiliar Arqueólogo. Para as dúas primeiras categorías é imprescindíbel a titulación específica de Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía, pero para a de Auxiliar non. O que se tivo en conta nesta categoría é aos profesionais que levan anos traballando no ámbito da Arqueoloxía en Galiza e que carecen de titulación pero contan con sobrada experiencia de campo para desenvolver esta actividade. Malia resultar rechamante que esta sexa a primeira vez que se intenta regulamentar a actividade profesional da Arqueoloxía en Galiza cómpre lembrar que até non hai moito esta actividade dependía basicamente da Universidade e da Administración. Foi, sobre todo, na década dos 90 cando comezaron a crearse a maioría das empresas arqueolóxicas que operan na actualidade, o que explicaría a ausencia de convenio, de tipificación de categorías, de definición de salarios e de tipos de contratación. As empresas optaron por decidir, segundo o seu propio criterio, o tipo de contrato, os salarios e as condicións laborais en xeral e moitas recorreron, como convenio de referencia, ao da Construción malia tratarse dunha actividade que require dunha licenciatura e dunha formación específica. Segundo se recollía na acta dunha asemblea celebrada en maio do pasado ano (2006), foi precisamente “esta precariedade a que fixo que un pequeno grupo de profesionais nos puxéramos en contacto, hai aproximadamente seis meses, coa CIG para que nos asesorasen para atallar esta situación”. Transcorridos case dous anos deses primeiros contactos, apróbase agora este borrador de convenio e, se cadra, nun moi breve período de tempo, conséguese por fin a regularización deste sector. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/10/2007 |
||||
|