|
Actualidade CIG-Comunicación-
O pasado 4 de outubro a CIG-Aforro convocaba unha manifestación para protestar pola existencia dunha negociación clandestina do Convenio Colectivo que tiña como fin abrir oficinas todas as tardes. O tempo deunos a razón, o Convenio Colectivo abre a porta á desregulación da xornada laboral. Ao longo dos últimos días os asinantes fixeron un alarde propagandístico, no que dicían que conseguiran un ¼ de paga, a suba do Plus Convenio e falaban de que conseguiran que librásemos ata o 50% dos xoves polo serán. Unha vez analizado o Convenio non atopamos o ¼ de paga, non libraremos o 50% dos xoves polo serán e inclúe a través das xornadas singulares a posibilidade de abrir oficinas polas tardes e incluso os sábados. Esta apertura de oficinas polo serán e os sábados deberá negociarse a nivel de empresa, sen que exista un horario máximo estipulado en Convenio, o que pode levar a unha guerra de horarios para beneficio das maiores Caixas de Aforros. Algunhas entidades anunciaron que non teñen intención de negociar a apertura… agás que se vexan forzadas pola competencia.
Cabe lembrar que este Plus é unha compensación pola implantación da mobilidade funcional, pola cal todos e todas debemos realizar calquera función que nos impoña a empresa e que non teñamos definidas as funcións de cada posto de traballo. Por exemplo, dende o pasado convenio o persoal administrativo ten a obriga de realizar funcións comerciais a cambio deste Plus. A suba do Plus de Convenio ten un sentido perverso: cobrará menos o persoal que asume un maior número de novas funcións (persoal administrativo) e cobrarán máis aquelas persoas que menos novas funcións asumen (Nivel I). En canto á libranza dos xoves polo serán, dicían que libraríamos o 50% dos xoves, pero… inclúen neste cálculo os xoves do verán que nunca traballamos. En todo caso, facendo historia, hai que lembrar que nos cambiaron algúns sábados (non traballabamos todos) por todas as tardes dos xoves no inverno. Agora a historia se repite e algunhas oficinas poderán volver abrir os sábados. En resumo, as Caixas poderán abrir oficinas sábados e tardes, a cambio dun día máis de vacacións e 3 seráns dos xoves libres no Nadal. Non hai ¼ de paga, só sube o Plus de Polivalencia para compensar as novas funcións que temos a obriga de realizar pola mobilidade funcional. O persoal das Obras Sociais queda, unha vez máis, fóra do Convenio. As empresas din que a Obra Social é a alma das Caixas, pero pórtanse co seu persoal como desalmados.
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2007 |
|||||||||||||||||||
|